Xoves 28 Marzo 2024

Converter os excrementos das galiñas en enerxía: o reto cumprido da economía circular

O grupo de Energylab avanza nun proxecto para a transformación dos residuos contaminantes das aves como fonte enerxética renovable

A avicultura é un sector clave da produción animal, cunha función fundamental na achega de proteínas á poboación. Con todo, as granxas onde crían a estas aves terminan producindo unha gran carga de residuos que resultan problemáticos para o propio sector e para o medioambiente.

Ante esta problemática, o grupo operativo supra-autonómico Avienergy puxo en marcha un proxecto que busca valorizar as dexeccións xeradas nas explotacións avícolas, aproveitando estes residuos mediante a conversión dos mesmos nunha fonte de enerxía térmica renovable. O obxectivo é xerar ferramentas eficientes e ambientais para a redución de gases de efecto invernadoiro e mellorar a competitividade do sector avícola.

Publicidade

A gallinaza e a pollinaza, nome técnico que reciben os excrementos destes animais, conteñen unha serie de elementos contaminantes que producen emisións de gas nitroxenado á atmosfera (amoníaco e óxido nitroso). En total, a produción de carne de pito e ovo supoñen o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes do sector gandeiro a nivel mundial. Aproximadamente un 11% destas dexeccións débense á xestión e ao almacenamento do esterco.

A produción de carne de pito e ovo supoñen o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes do sector gandeiro

Ademais de ter un impacto considerable para o planeta, existen outros custos que neste caso afectan ao propio sector avícola. Unha vez xerado o residuo, almacénase en estercoleiros durante un tempo. Se este residuo non se consome como abono, o granxeiro tense que desfacer del e isto supón un gasto a maiores. Por outra banda, o consumo enerxético das granxas de carne de pito e pavo é moi elevado, debido aos xeradores que manteñen a temperatura adecuada das aves, necesaria tanto para o seu período de cría como para o seu posterior engorde. Os elevados costes de produción do sector avícola tradúcense nun maior prezo da carne de pito e pavo no mercado, perdendo así competitividade fronte aos outros sectores cárnicos.

Probas en dúas granxas

Este proxecto liderado por entidades galegas, que tivo o seu inicio no ano 2021 e finalizará en 2023, centrou o seu estudo en dúas granxas, unha de carne de pito en Ourense e outra de carne de pavo en Soria. Yarima Torreiro, investigadora do Centro Tecnolóxico EnergyLab e coordinadora técnica de Avienergy, explica que a gallinaza e pavinaza adoitan estar depositadas nun estercoleiro temporalmente e nese almacenamento é onde teñen lugar as contaminacións. O equipo investigador analizou a situación e tentou poñerlle solución. “Unha boa maneira de librarse dun residuo que, en moitos casos, supón non só un custo para o granxeiro e o sector, senón tamén un custo ambiental importante, é transformándoo nun recurso”, comenta a investigadora. Polo de agora, o proxecto xa foi probado e tivo as súas primeiras aplicacións reais en granxas. Os investigadores están estudando os seus primeiros resultados pero todo apunta a un inminente éxito. 

“Unha boa maneira de liberarse dun residuo é transformándoo nun recurso”

Pero, como se xera enerxía dos residuos animais? Para converter a gallinaza e pavinaza nun recurso, Torreiro explica que dende o seu grupo de investigación o primeiro que fixeron foi analizar as propiedades do residuo para comprobar o poder calorífico que ten. Logo, propuxeron valorizalo mediante un proceso de combustión. “Para iso tivemos que deseñar un queimador adaptado ás características deste tipo de residuos, porque a estrutura debe axustarse ás necesidades de cada biomasa”, sinala. Unha vez superada a fase de combustión do residuo, búscase a produción de enerxía térmica que se poida utilizar para manter a temperatura idónea para a cría de pitos e pavos nas granxas, e promover así o seu engorde. “Deste xeito, conseguiremos aforrar ao granxeiro os custos derivados da calefacción e á súa vez promover unha economía circular nun sector que a día de hoxe é fundamental non só a en Galicia, senón a nivel nacional”, explica Yarima Torreiro.

“É un proxecto que beneficia a todas as partes implicadas. Ao aproveitar as dexeccións residuais convertidas agora en enerxía térmica redúcense os custos de consumo enerxético da granxa e, deste modo, abaratarase o prezo da carne no mercado, facendo ao sector máis competitivo na súa venda”, resume a investigadora. 

Outras aplicacións

A gallinaza e pavinaza chegan a afectar a acuíferos, chans e a provocar emisións gasosas á atmosfera que contribúen ao quecemento global. Por iso, os investigadores tratan de achar diferentes formas de darlle un uso eficiente a estes residuos. En Avienergy, á parte de convertelos en enerxía térmica, tamén idearon outras formas de transformar a gallinaza e pavinaza nun recurso. “Ademais dos puntos principais do proxecto, adicionalmente buscamos estudar as cinzas obtidas no proceso de combustión para empregalas como compoñente dun fertilizante, para o aproveitamento dos nutrientes do chan”, explica Torreiro.

A investigadora insiste na importancia que ten tanto este proxecto como todos aqueles que estean relacionados con explorar diferentes alternativas sostibles e que axuden ao medioambiente. “Existen outros procesos para valorizar os residuos, outros nos que en lugar de combustión utilizan a gasificación e demais procesos de conversión de enerxía”, explica. “É necesario investigar. Se non se investiga non se sabe o que pode ir ben e o que non, non se pode chegar á meta final”, recalca a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

A pegada ambiental do turismo galego: as termas son a actividade máis contaminante

Un estudo nas Rías Baixas no que participan investigadores de Vigo e Santiago conclúe que os festivais e as visitas a xardíns son opcións máis sostibles

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia