Gumersindo Feijoo: “A dieta atlántica sempre é boa opción para a saúde e o medio ambiente”

O catedrático da USC dará unha conferencia en Lugo sobre a pegada de carbono no sector alimentario

A dieta atlántica é “sempre unha boa opción para a nosa saúde e a do medio ambiente”. Así o asegura o enxeñeiro químico e catedrático da Universidade de Santiago (USC) Gumersindo Feijoo, que este martes 26 de novembro, realizará unha coferencia gratuíta dentro das XXXV Xornadas Luis Asorey. Nela abordará o valor desta dieta en comparación con outras convencionais.

Tras comezar coa charla de Antonio Rigueiro ―coordinador das xornadas― sobre as especies vexetais presentes en Galicia que están aprobadas pola Axencia Europea para o uso de medicamentos, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, proseguen esta semana coas XXXV Xornadas Luis Asorey, que se están a realizar de xeito gratuíto no salón de actos da Deputación de Lugo.

Publicidade

Trala conferencia deste luns do investigador galego, Ángel Carracedo, sobre a relación da xenética e o medio ambiente en doezas, o martes continuarán as xornadas para abordar o valor da dieta atlántica en comparación con outras dietas convencionais.

Deseño ecolóxico de produtos e procesos

Tratará este tema Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago (USC) e vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da institución compostelá. As súas investigacións están relacionadas co deseño ecolóxico de produtos e procesos, con especial fincapé na aplicación dos principios da análise de ciclo de vida, as pegadas ecolóxicas e a economía circular.

Publicidade

O experto asegura que “desde o punto de vista nutricional, unha dieta equilibrada como a atlántica presenta múltiples beneficios para a nosa saúde, xa que axuda a mitigar e reducir o impacto negativo de diversas enfermidades. O beneficio persoal tamén pode estenderse ao ben colectivo e contribuír ao coidado do planeta cando consumimos produtos respectuosos co medio, xa que se debe ter en conta que a produción e consumo de alimentos leva un grande impacto ambiental”.

Sinala que, para dilucidar a cuantificación deste impacto, empréganse como indicadores a pegada de carbono e a pegada hídrica, que “varían en función do sistema de produción e do tipo de alimento”.

A pegada de carbono e a pegada hídrica do sector alimentario

Tal e como explica o investigador, a pegada de carbono é unha medida das emisións de gases de efecto invernadoiro e defínese como a cantidade de CO2 equivalente que un produto xera nun período de tempo ao longo do seu ciclo de vida (extracción, produción, envasado, transporte, consumo e xestión de residuos). Xunto cos sectores enerxético e do transporte, o da alimentación é unha das actividades con maior xeración de gases de efecto invernadoiro.

Por outro lado, a pegada hídrica cuantifica o volume total de auga doce usada ao longo de toda a cadea de valor para producir os bens que habitualmente consumimos. A Organización das Nacións Unidas Para a Alimentación e Agricultura (FAO, polas súas siglas en inglés) establece que un 70% da pegada hídrica mundial relaciónase coa produción de alimentos.

A dieta atlántica cobre a inxestión recomendada de nutrientes

O catedrático apunta que existen diversos indicadores nutricionais que analizan os beneficios de diferentes patróns dietéticos. Un deles é a dieta rica en nutrientes, un valor relacionado coa inxestión de 12 deles. Nove ponderan positivamente (proteínas, fibra, calcio, ferro, magnesio, potasio e as vitaminas A, C e E) e tres negativamente (sodio, graxas saturadas e azucres totais), en base aos valores recomendados pola FAO e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

“Considerando que unha achega media de 2100 calorías diarias cobre a inxestión recomendada de carbohidratos, proteínas, minerais e vitaminas, a dieta atlántica representa un tipo de dieta moi saudable”, afirma.

Segundo sinala Feijoo, “unha baixa pegada de carbono sitúase por debaixo dos 4 kg de CO2 por persoa e día e un índice nutricional alto está por riba de 550 no denominado índice NRD. Nesta liña, a dieta atlántica supón entre 3 e 3,5 kg de CO2 por persoa e día e un índice NRD de entre 610 e 640. Estas cifras pódense explicar a partir da análise dos dous puntos fortes desta dieta: a variedade de alimentos nos diferentes grupos da pirámide alimentaria e a énfase nos produtos locais”.

Nesta liña, o investigador manifesta que ”ser constantes en seguir unha dieta variada baseada na produción local e de temporada, como é a dieta atlántica, é sempre unha boa opción para a nosa saúde e a do medio ambiente”.

Como elixir os alimentos máis sostibles

O experto indica que, unha vez definida a dieta adecuada ao noso estilo de vida, idade e estado de saúde, dispoñemos dunha gran variedade de alimentos con funcionalidades e propiedades nutricionais similares. “Chega entón o momento de introducir cinco regras básicas e fáciles de incorporar no noso consumo diario que permitan garantir unha minimización do impacto ambiental dos alimentos que consumimos”, salienta.

En relación ás regras ás que se refire o investigador da USC, en primeiro lugar, debemos verificar a orixe dos alimentos, que deberán producirse nun radio de 100 km ao momento de consumo, sendo así unha chamada a potenciar o produto local.

En segundo lugar, temos que analizar o envase porque pode ter un maior impacto que o contido, orientando así a nosa compra a produtos con envase mínimo e biodegradable. Tamén é importante respectar a temporalidade dos produtos. Ademais, cómpre localizar a presenza de ecoetiquetas, que poden certificar e garantir que se alcanzan diversos criterios ecolóxicos.

Por último, é fundamental reducir o desperdicio de alimentos. Con respecto a este punto, asegura que unha diminucuón do 50% na perda de alimentos nos fogares pode chegar a supor en España a emisión anual de medio millón de toneladas de CO2 equivalente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente