A metade das 200 plantas recoñecidas en Europa para crear fármacos danse en Galicia

A árnica, a xilbardeira ou o estripo son algunhas das 85 especies vexetais con potencial farmacéutico que se poden atopar no país

Dentro da tradición popular galega, ao igual que noutros moitos territorios, sempre existiron recomendacións de remedios naturais a base a tal herba, flor ou árbore para cadansúa doenza. A quen non lle recomendaron ferver unhas follas de eucalipto ou loureiro e aspirar o seu vapor para mellorar a respiración nalgún momento? Menciñas naturais procedentes das especies vexetais que, sen estudos científicos que avaliasen a súa eficacia, sabíase ou críase que funcionaban para curar certas patoloxías.

A riqueza da xeografía galega e os seus ecosistemas levan a que existan centos de especies vexetais cuxas propiedades axudan a paliar e curar tanto síntomas como enfermidades. De todas as que medran en Galicia, 85 están avaladas cientificamente para o uso e comercialización de medicamentos a base de plantas. Isto supón case a metade das especies vexetais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento, que contempla un total de 199 exemplares, dos que 112 pertencen á flora ibérica e 35 están presentes nos montes galegos.

Publicidade

Así o destacaba Antonio Rigueiro, profesor emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da Universidade de Santiago, presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias, quen esta semana comezaba as XXXV Xornadas Luis Asorey —que el mesmo coordina— en Lugo, coa charla Monte, natureza, alimentación e saúde, onde explicaba algunhas particularidades e características das moitas especies vexetais que medran no monte galego.

Atópanse en Galicia e no resto da península

Das 85 especies vexetais medicinais avaliadas pola Axencia Europea do Medicamento que están presentes en Galicia —das cales 35 medran de xeito silvestre nos montes do país— o profesor destaca unha pequena escolma delas. “Son exemplares que non requiren coidados moi específicos, polo que é moi doado que, ademais de estar no territorio galego, tamén se atopen na península ibérica“, indica Rigueiro.

Publicidade

Así, a primeira especie vexetal que menciona o profesor tras resaltar a árnica (Arnica montana), “un remedio clásico moi utilizado”, é a arandeira (Vaccinium myrtillus). Este exemplar, que medra de xeito silvestre nos montes galegos, “especialmente en carballeiras e bidueirais”, é utilizado en problemas de circulación, ao igual que a xilbardeira (Ruscus aculeatus) que, ademais,, conta con propiedades que axudan a memoria e os problemas de hemorroides, quizais por iso tamén se lle coñeza como ‘rascacú’.

Dependendo da especie vexetal utilízase unha parte ou outra do exemplar. Neste último caso da xilbardeira, como apunta o profesor, as raíces son utilizadas para facer pomadas, en cápsulas ou infusións, ao igual que acontece coa valeriana (Valeriana officinalis). As raíces desta planta, “que dende hai uns anos está moi de moda”, segundo apunta Rigueiro, son moi utilizadas polas súas propiedades sedantes, en doenzas como o insomnio, estrés ou ansiedade. “Un remedio natural bastante eficaz que non ten os efectos secundarios doutros medicamentos“, destaca.

O “prozac natural”

Dentro da lista das 85 especies vexetais medicinais avaliadas pola Axencia Europea do Medicamento que están presentes en Galicia, o profesor tamén menciona o hipérico (Hypericum perforatum). Tamén é coñecido como a herba de San Xoán, xa que forma parte da escolma de plantas que se utilizan dentro do ritual do 24 de xullo, e como o “prozac natural”, debido á súa utilización para tratar a depresión. Non obstante, segundo comenta o académico, a súa utilización caeu cos anos, especialmente na súa vertente cicatrizante ou antiséptica, debido á sensibilidade solar que crea na pel. Alén diso, foise descubrindo que ten interaccións non desexadas con outros fármacos innmunodepresores ou anticonceptivos.

Entre as moitas especies importantes, Rigueiro, resalta o estripo (Crataegus monogyna), un arbusto de pequenas flores moi aromáticas cun pequeno froito que medra sobre todo no sur de Galicia, especialmente na provincia de Ourense. Este, ao igual que as roseiras silvestres, é un exemplo de que dependendo da parte do exemplar que se use ten unhas propiedades ou outras. No caso do estripo, as flores e as follas son empregadas polas súas propiedades beneficiosas para a hipertensión, a relaxación muscular ou como tónico cardíaco.

Se ben alguén podería pensar que estas especies vexetais só se usan para medicamentos con sintomatoloxía ou doenzas pequenas, cabe destacar que de exemplares como o bidueiro (Betula pubescens) extráese o betulinol e deste o ácido betulínico, que é empregado nos tratamentos oncolóxicos polas súas propiedades citotóxicas, segundo explica Rigueiro.

Estas son algunhas das 85 especies vexetais medicinais avaliadas pola Axencia Europea do Medicamento, mais tamén cabe destacar que en Galicia se comercializan fungos para para a súa utilización en menciñas.

Fungos de Galicia utilizados na medicina

Un dos exemplos que sinala o académico sobre estes fungos é a melena de león (Hericium erinaceus), que aparece sobre a madeira morta. A este exemplar atribúenselle propiedades beneficiosas para reducir a ansiedade e condutas depresivas. Ademais, mellora a memoria e “utilízase en tratamento de protección de trastornos dexenerativos como o alzhéimer“.

Outra especie moi interesante de fungo e o coñecido como Reishi (Ganoderma lucidum), que favorece o aumento das defensas e ten propiedades antibacterianas, antioxidantes e anticanceríxenas, xa que capta radicais libres, unhas moléculas que poden inducir a formación de tumores.

Cultivar as plantas silvestres no canto de recollelas

Pero todos os beneficios que se obteñen coas plantas silvestres tamén poden ter unha parte negativa: a recollida excesiva. “En Galicia, ao igual que no resto de España, recóllense plantas medicinais das poboacións silvestres, e isto ás veces pode pór en perigo a súa propia existencia“, advirte o profesor.

Un dos exemplos é a árnica, unha planta moi buscada polas súas importantes propiedades medicinais e porque hai varias industrias que traballan con ela. “Nos últimos tempos diminuíu a súa presenza en Galicia“, asegura. É por iso que Rigueiro recomenda o cultivo destas plantas medicinais, non abusar do aproveitamento das poboacións silvestres, para así poder seguir desfrutando dos beneficios que teñen.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

1 comentario

  1. Parabés pola nova. Deberíamos suxerirlle le-la á Xunta de Galicia pra darlles ideas: que existe outra ‘industrialización’ no rural moito máis sustentabel tanto no senso ambiental coma no económico e cunha grande potencialidade, xa que son produciós, o mesmo ca produción ecolóxica en xeral, en alza en toda Europa. E aquí non habería negún problema pra aceder ós renomeados Next Generation! (si pros amiguiños dos lobbys que rexen o partido)… xaora!, dirá Rueda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que sabemos sobre a vacina ‘galega’ contra a covid-19

Producida parcialmente no Porriño por Biofabri, Nuvaxovid é quinta vacina aprobada en Europa contra o SARS-CoV-2

Claves sobre AstraZeneca: unha decisión difícil de entender

A paralización da vacina, despois dunha fin de semana de vacinacións masivas, débese a tromboses moi pouco frecuentes que serán analizadas

Rusia explora a opción de fabricar en Galicia a vacina Sputnik V

A empresa Iberatlantic, que mantén relacións comerciais co país, presentou unha proposta ao grupo Zendal para fabricar a fórmula, xa aprobada en 50 países

A Unión Europea aproba a vacina de Janssen, a primeira dunha única dose

As primeiras doses chegarán a España en abril, mais podería haber algún retraso cos 20 millóns de unidades xa garantizadas