Como os cans melloran a vida de pacientes psiquiátricos: o proxecto solidario da USC

Enfermeiras e veterinarias do Campus de Lugo realizan intervencións asistidas cos animais para demostrar os beneficios no benestar dos doentes

A Escola Universitaria de Enfermaría e a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo traballan de xeito conxunto para mellorar a o benestar de pacientes con patoloxías psiquiátricas. Esta intervención asistida, na que tamén colaboran o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, desenvólvese no Hospital de rehabilitación psiquiátrica de Calde e reflicte “o impacto positivo dos animais en contornas terapéuticas”, explica a profesora da Escola e responsable da iniciativa, Mª José Ferreira Díaz.

O obxectivo principal do proxecto consiste en avaliar a redución do estrés e da ansiedade, a mellora do estado de ánimo, fomentar a estimulación social e emocional, o aumento da motivación e a autoestima, así como reducir o illamento deste tipo de pacientes, a través da intervención asistida con cans. Ademais, a devandita intervención aspira a avaliar a mellora da calidade de vida, benestar e fomentar a adopción de cans da protectora.

Publicidade

Unha ducia de pacientes no proxecto

A fase inicial do proxecto comezou no mes de abril e á vista dos resultados obtidos optouse por levar a cabo unha etapa de ampliación, o que permitiu que unha ducia de pacientes puidesen participar na intervención.

O proxecto estrutúrase en dous grupos: por unha banda, hai un control que intervén nos obradoiros habituais do hospital; mentres que, pola outra, existe un grupo experimental no que se desenvolve a intervención asistida con cans. Entre as actividades realizadas polo segundo atópanse paseos cos cans polos xardíns do centro, sesións de educación en positivo dos animais, sesión de xogo, así como outras formas de interacción relaxada cos cans.

Publicidade

Avaliación antes e despois da intervención

O persoal investigador avalía os resultados obtidos polos dous grupos a través de cuestionarios nos que se recollen as valoracións das persoas pacientes. “Avalíanse variables físicas e psicolóxicas antes e despois da intervención do mesmo xeito que a valoración da satisfacción coa intervención”, sinala a profesora Ferreira.

Os resultados pretenden apoiar as hipóteses de que as intervencións asistidas son beneficiosas para as persoas pacientes hospitalizadas en centros de rehabilitación psiquiátrica.

Dobremente solidario 

Este é un proxecto dobremente solidario, xa que tamén trata de mellorar a calidade de vida dos cans, fomentando a adopción. “O proxecto está a ter un enorme impacto, non só na rehabilitación das persoas doentes, senón tamén na vida dos animais involucrados, todos eles procedentes da protectora e dados en adopción durante o transcurso do estudo”, explica a profesora Ferreira.

Dende o Hospital Rof Codina encárganse de probar os animais para asegurarse de que se atopen en bo estado de saúde e de que sexan dóciles para poder participar nunha intervención enfocada na mellora da saúde mental.

Benestar animal garantido

Coa finalidade de seleccionar animais cun temperamento estable e non agresivo, os cans deben superar diversos test e realízaselles unha exploración física, hemograma, perfil bioquímico e coproloxía. Ademais, mantense a súa vacinación e desparasitación ao día.

Os cans habitúanse tamén ao uso de colar e correa, así como ás instalacións do hospital, coa finalidade de diminuír o estrés o máximo posible. En todo momento garántese o benestar animal.

Cans adoptados por particulares

Na posta en común coas persoas pacientes despois de cada sesión, constatouse un aumento de satisfacción medida a nivel cuantitativo nunha escala de elaboración propia e a través do rexistro das impresións. Nese senso, a información cualitativa recollida nun grupo focal e durante os paseos, caracterizouse por unha maior riqueza informativa e espontaneidade que nos cuestionarios.

Doutra banda, a maioría dos cans de terapia escollidos para a actividade acabaron sendo adoptados por particulares a través da Sociedade Protectora da que proviñan nun prazo de tempo inusualmente curto. “A este feito puido contribuír a socialización á que estiveron expostos os animais durante a intervención, mellorando o seu atractivo para posibles adoptantes”, explican dende o proxecto.

Os resultados deste estudo piloto tratan de asentar as bases de investigacións posteriores de maior calado, incrementando o número de pacientes e tamén a inclusión doutros diagnósticos, permitindo así unha terapia complementaria que mellore o benestar de pacientes en réxime de ingreso hospitalario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos