É un dos medicamentos máis consumidos do mundo e tamén un dos máis investigados. O acetaminofén é un analxésico non antiinflamatorio moi utilizado para reducir a dor baixa ou moderada en casos de gripe, arrefriados e outras tantas enfermidades. Porén, un polémico estudo que ocupa espazos na prensa cada certos meses xera debate: diminúe este fármaco a percepción do risco?
“Parece que o acetaminofén fai que a xente exprese menos emocións negativas cando consideran actividades de risco, non senten tanto medo”, explicou o neurocientífico Baldwin Way da Universidade Estatal de Ohio no momento da publicación dos resultados. O experto afirmou que cun 25% da poboación nos Estados Unidos que toma paracetamol cada semana o seu impacto podería ser importante.
Malia que o estudo conclúe establecendo esa afirmación, o artigo xerou polémica nos círculos académicos. Dous doutores especializados en Toxicoloxía publicaron unha resposta ao traballo orixinal, Efectos do acetaminofén na toma de decisións de risco, no que criticaban as conclusións establecidas polo artigo. “É inxusto para os lectores sensacionalizar as asociacións observadas en experimentos controlados”, aseguran. Cren que o documento, publicado no Social Cognitive and Affective Neuroscience da Universidade de Oxford, ten moitas limitacións.
“As súas conclusións foron moi xeneralizadas e teñen un grande impacto nos medios”, explican, e aseguran que os resultados dos estudos deben ser máis coidadosos para evitar transmitir unha mensaxe equivocada á cidadanía. Ademais, non consideran que a investigación acade a suficiente información como para facer a relación que menciona.
A reducción da ansiedade sería a clave
Os resultados baseáronse nun experimento no que tiñan que inflar un globo para poder gañar máis cartos, ademais de diversas enquisas. Aqueles que consumiron o fármaco tomaron máis riscos inflando o globo. Ademais, nunha das enquisas, aqueles que consumiron paracetamol tiñan, segundo o estudo, unha percepción do perigo menor.
A hipótese dos investigadores é que a toma deste medicamento reduciría a ansiedade. Isto implica que, segundo o globo crece, por exemplo, aqueles que estaban baixo a sensación de placebo tiñan unha preocupación moito maior porque estalase.
O que todos os investigadores están de acordo é que é preciso realizar máis investigacións no futuro para comprobar os efectos do fármaco na percepción do perigo. Sobre todo, porque é un dos medicamentos máis consumidos no mundo e coñecer en profundidade os riscos que poden ter é esencial para evitar posibles complicacións.















