Rebeca Atencia, a galega que rescata aos chimpancés no Congo

Rebeca Atencia xunto a Jane Goodall.

A primatóloga Jane Goodall cumprirá o vindeiro abril 84 anos, nunha vida entregada ao coñecemento dos grandes simios. A primatóloga inglesa é unha referencia mundial. E National Geographic estrea esta fin de semana un espectacular documental sobre a súa figura, que foi nominado aos premios BAFTA e que recolle máis de cen horas inéditas da súa actividade cos chimpancés.

Pero a carón de Goodall traballa un importante equipo de colaboradores. E unha das súas máis próximas é a veterinaria ferrolá Rebeca Atencia, quen no ano 2013 emocionou ao mundo co seu vídeo da liberación dunha chimpancé: Wounda.

Rebeca traballa en Congo para o Instituto Jane Goodall e o Centro de Rehabilitación de Tchimpouga, onde Wounda chegara ferida moi grave. De feito, o seu nome significa “preto de morrer”. Tras a súa rehabilitación, a chimpancé foi liberada por Rebeca Atiencia, acompañada da propia Jane Woodall. No vídeo, vemos como Wounda abraza ás súas coidadoras con emoción antes de regresar á selva.

Atencia naceu en Ferrol e estudou Veterinaria na Complutense de Madrid. Desde nena, o seu soño era traballar na recuperación de animais salvaxes. Hoxe, ve cumprido aquel anhelo. En 2005, con 28 anos, comezou a traballar para a ONG Help Congo, xunto a Fernando Turmo. Alí tiveron éxito na rehabilitación de primates feridos, que conseguían devolver á selva para a súa reintegración.

As noticias do seu bo facer chegaron a Jane Goodall, que a contratou para o seu centro en Tchimpounga, onde tiña 121 chimpancés. Atencia non llo pensou dúas veces e fíxose cargo do centro, hoxe unha referencia mundial na recuperación de simios.

Rebeca Atencia converteu o seu centro no Congo nunha referencia mundial

Rebeca afirma que os chimpancés a asombran co seu comportamento. Como cando choran a morte dun conxénere: “Os seus berros son desgarradores, e tan humanos!”. E observa a súa similitude cos humanos: “Estes animais son tan próximos a nós que dá calafrío”. Como no sentido abrazo que Wounda tributou a Goodall e Atienza na selva do Congo.

Pero Atencia tamén publica traballos de investigación. Xunto a un equipo da Universidade Complutense de Madrid, presentou no 2016 un estudo sobre o corazón dous chimpancés que muda o concepto que se tiña sobre a saúde cardíaca destes animais. E que pode axudar a evitar as mortes por infarto que padecen en catividade.

Rebeca Atencia practica un electrocardiograma a un chimpancé.
Rebeca Atencia practica un electrocardiograma a un chimpancé.

No seu estudo, realizado en 102 chimpancés nados en liberdade, demostrou que os electrocardiogramas destes animais son moi diferentes aos dous humanos, algo que se descoñecía ata agora. Utilizar esta proba podería servir como ferramenta de diagnóstico precoz para evitar mortes súbitas cardíacas nestes primates.

Dende as selvas do Congo, unha ferrolá vive cos chimpancés a carón dunha auténtica lenda da primatoloxía: a británica Jane Goodall.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.