Elena Ojea e Xavier Labandeira son os dous científicos da UVigo que asesorarán á ONU. Fotos: Sara Ojea / Duvi.
Elena Ojea e Xavier Labandeira son os dous científicos da UVigo que asesorarán á ONU. Fotos: Sara Ojea / Duvi.

Dous científicos da UVigo asesoran á ONU na loita contra o cambio climático

A Universidade de Vigo será a única institución española con dous investigadores dun total de 11, sete homes e catro mulleres, que participarán na elaboración do Sexto Informe do Panel Intergubernamental da ONU sobre cambio climático (IPCC). Á confirmación o pasado mes de febreiro do catedrático Xavier Labandeira, que repite desta volta como revisor editor, sumábase nas últimas horas a da investigadora Elena Ojea, que lidera na Universidade de Vigo o proxecto Climate Adaptation to shiffting stocks (Clock) a través do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación.

Ojea e Labandeira traballarán con 700 expertos de 90 países ata o ano 2022

“Para min profesionalmente é un gran paso e unha oportunidade, tanto para aprender, como para contribuír desde a ciencia á adaptación e loita contra o cambio climático a nivel mundial. Para o noso grupo na Universidade de Vigo e o proxecto ERC que desenvolvemos é tamén moi importante, pois un dos principais obxectivos que temos coa nosa investigación é achegar información e resultados relevantes para a política climática internacional”, explica Ojea, que será a autora principal dun capítulo dedicado aos océanos. Un capítulo que, segundo destaca, será “fundamental pois falarase por primeira vez de adaptación ao cambio climático na contorna mariña”.

Pola súa banda, Labandeira asegura que “para min é unha honra ser convidado a formar parte da equipa encargada da elaboración do próximo informe de avaliación, pola relevancia social e económica do problema a tratar, polo carácter disciplinar e porque todos os participantes fano de forma totalmente voluntaria”, asegura o catedrático e director de Economics for Energy.

Un total de 721 expertas e expertos de 90 países foron convidados polo IPCC a participar no AR6 como coordinadores dos autores principais, como autores principais ou como editores de revisión dos textos. No caso dos 11 representantes españois, ademais da Universidade de Vigo, as e os científicos que tomarán parte no informe pertencen ás universidades de Vic-Central, Castilla-La Mancha e Lleida e a institucións científicas como o Instituto Nacional de Salud Pública Carlos III, o Instituto de Física de Cantabria, o Centro Vasco para o Cambio Climático, o Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona, o Instituto Pirenaico de Ecología e o Instituto para Bienes y Políticas Públicas do CSIC.

O bureau de expertas e expertos encargados de formar os tres grupos de traballo do IPCC, seleccionou as e os participantes entre un total de 2858 científicos de 105 países que foron propostos polos gobernos e organizacións observadoras do IPCC. No caso de Elena Ojea, a directora do grupo Future Oceans Lab lembra que foi ela a que presentou a súa candidatura ao IPCC, co que “o meu contacto previo foi a través de experiencias con colegas investigadores como Xavier Labandeira, Ben Halpern ou Anil Markandya, director do centro vasco de cambio climático (BC3) cando traballaba alí”.

Elena Ojea será a autora principal dun capítulo dedicado aos océanos

O sexto informe actualizará o coñecemento en cambio climático, os seus impactos e riscos, as posibles opcións de resposta e xogará un papel importante na implantación do Acordo do Clima de París. En canto ao seu o contido, mentres o Grupo de Traballo I será o encargado de establecer as bases físicas, o II centrarase nos impactos, adaptación e vulnerabilidade e o III ocuparase da área de mitigación do cambio climático.

O labor de Xavier Labandeira centrarase no capítulo 13, dedicado á análise das políticas climáticas nacionais e subnacionais. “Este capítulo ten especial interese, dada a crecente evidencia sobre a aplicación de políticas climáticas nos distintos países e rexións e pola súa potencial relevancia cara á introdución das medidas que garantan o cumprimento do Acordo de París”, detalla o docente e investigador vigués, que xa participara, como autor principal, no anterior informe de avaliación do IPCC, que foi presentado en Berlín en 2014.

Ojea e Labandeira valoran de xeito moi positivo que Vigo sexa a única institución española que conte con dous representantes na elaboración do sexto informe do panel intergubernamental da ONU sobre cambio climático. “Paréceme moi positivo e amosa as capacidades e alcance que tempos. Creo que é unha oportunidade para que Universidade de Vigo funcione como altofalante de todo o proceso do próximo informe do IPCC e entre todos fagamos un labor de transferencia de coñecemento científico e as súas implicacións na toma de decisións”, asegura a científica. Para o catedrático, a presenza de dous investigadores da Universidade de Vigo “sobre un total mundial de 721 está moi ben para unha institución singular: non creo que sexa moi común a nivel internacional. O valor, se cabe, aumenta pola relevancia do problema abordado polo IPCC e a influencia dos seus informes nas decisións de gobernos e empresas”, asegura Labandeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.