Xoves 28 Marzo 2024

O Congreso Internacional do Cannabis reúne en Catoira a 400 expertos

Os datos do Observatorio Español sobre Drogas sitúan no 33% a porcentaxe de estudantes de entre 14 e 18 anos que afirman ter consumido cando menos unha vez cannabis, a substancia ilícita máis consumida por adolescentes no mundo e o eixo do congreso internacional que, os días 23 e 24 de novembro, reunirá en Catoira a preto de 40 especialistas e profesionais dos ámbitos da medicina, a psicoloxía clínica, as ciencias da saúde e o ámbito xudicial. Promovido polo profesor asociado da Universidade de Vigo e técnico do Concello de Catoira Manuel Isorna, o I Congreso Internacional sobre o cannabis e os seus derivados, que ten na catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña á presidenta do seu comité científico, agarda reunir no auditorio desta localidade a máis de 400 persoas, entre expertos, profesionais e estudantes da rama sociosanitaria, segundo explica o seu organizador.

congreso cannabis catoira

Promovido polo Concello de Catoira e a Consellería de Sanidade, este Congreso, que conta tamén coa colaboración da Universidade a través do grupo de investigación PS1 e co apoio do Plan Nacional Sobre Drogas, supera xa os 200 inscritos e inscritas “procedentes de toda España”, motivo polo que Isorna salienta que o obxectivo é alcanzar os 450 inscritos de forma presencial, aos que sumar máis dun cento que o seguirán a través de internet. Aínda que o ámbito sanitario, como recoñece Isorna, “ocupa máis do 60% dos contidos”, o congreso abordará tamén o consumo desta substancia e as problemáticas derivadas deste ás ópticas lexislativas e educativas. “O consumo de cannabis, como o de todas as drogas, ten causas e consecuencias multivariadas e cas distintas mesas de traballo pretendemos abarcalos na medida do posible”, salienta o profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.

Publicidade

Ata o vindeiro martes 24 permanece aberto o prazo de presentación de pósters e comunicacións orais a un congreso no que a organización prevé reunir os traballos de preto de 100 investigadores e investigadoras. Non en van, un dos propósitos centrais destas xornadas é servir como marco “onde a ciencia fale con datos obxectivos sobre esta substancia”. Neste senso, Isorna denuncia que “o 99% dos eventos que se organizan” co cannabis como temática “son pseudiocientíficos” e teñen contribuído á difusión de “mensaxes falsas ou semi-verdadeiras”. Mensaxes como as relativas, explica, ao uso medicinal desta substancia, que, como lembra, “non cura nada”, aínda que algúns medicamentos derivados das súas compoñentes si se empregan para “paliar determinados efectos” de doenzas como a esclerose múltiple, para mitigar a dor ou como estimulante do apetito en enfermos de cancro sometidos a quimioterapia.

“Son múltiples os posibles empregos terapéuticos do THC que se perfilan; como broncodilatador na asma, como anticonvulsivo no Párkinson e a esclerose múltiple, como vasodilatador en enfermos de glaucoma, pero aínda non se dispón dun corpo de probas sólidas que apoie a extensión do seu uso a estes casos”, explica este experto. Neste senso, Isorna sinala tanto o “crecente interese científico por estas novas aplicacións”, como os danos que o seu consumo fóra do eido sanitario xera a nivel cognitivo, así como “a relación coas psicoses e, por exemplo, cos accidentes de tráfico ou laborais”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A procura para converter o cánnabis nun potente medicamento

A marihuana resulta prometedora para tratar enfermidades como a depresión, a artrite e a epilesia

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro