Esta é a evidencia máis antiga do consumo de marihuana inhalada

Un equipo de científicos descobre no oeste de China restos do principio activo do cannabis nuns braseiros vinculados a prácticas rituais

Non foi a primeira vez que o ser humano se serviu do cannabis. Pero si parece, segundo os datos que achega un grupo de investigadores chineses, “a primeira evidencia clara de uso do cannabis polos seus compostos psicoactivos” a través da inhalación desta planta. Os restos de marihuana atopados nuns braseiros cun probable uso ritual, e datados en 2.500 anos de antigüidade, tiñan uns niveis altos de THC (tetrahidrocannabinol), a substancia psicoactiva da Cannabis sativa, o que evidencia que as persoas que consumían a marihuana escollían as plantas máis axeitadas para producir os efectos desexados.

Estes restos atopáronse na cordilleira de Pamir, ao oeste da China, e a análise do xacemento acaba de ser publicada na revista Science Advances. Segundo a Universidade da Academia Chinesa de Ciencias (UCAS), os braseiros foron atopados nunhas tumbas, o que fixo presumir un uso funerario destas queimas. O equipo, no que tamén participaron investigadores alemáns e australianos, decidiu analizar os braseiros a través da cromatografía de gases e a espectrografía de masas. E atoparon algo relevante: “Vese que estas persoas seleccionaban plantas con niveis máis altos de THC, e que estas eran queimadas como parte dos ritos funerarios”.

Publicidade

A dúbida que lle queda aos científicos é se estas persoas cultivaron de forma consciente unhas plantas con máis THC ou se simplemente atoparon os exemplares con maiores efectos psicoactivos. Unha das teorías é que as plantas de cannabis poderían producir máis THC e outros cannabinoides en puntos de maior radiación ultravioleta e outros factores vinculados con zonas montañosas.

Unha das tumbas onde se atoparon os braseiros cos restos de marihuana. Fonte: UCAS.
Unha das tumbas onde se atoparon os braseiros cos restos de marihuana. Fonte: UCAS.

Marihuana para ritos funerarios

O aproveitamento do cannabis é, con todo, moito máis antigo. As súas fibras e aceites foron usados durante milenios noutras zonas de Asia central e oriental. Pero o seu consumo para fins terapéuticos ou rituais é máis recente, e existen poucas evidencias arqueolóxicas do consumo de marihuana no mundo antigo. Tal e como explica este novo traballo, as plantas de cannabis foron cultivadas desde hai polo menos 4.000 anos antes de agora. Porén, estas variedades tiñan niveis baixos de THC e outros cannabinoides con efectos psicoactivos, ao contrario das atopadas nas montañas de Pamir.

Publicidade

Neste caso, a marihuana apareceu claramente enmarcada nestes ritos. Os descubrimentos do xacemento de Pamir apunta a que estas persoas “enterraban aos seus parentes, en tumbas sobre as que poñían montículos circulares, aneis de pedra e patróns a raias con pedras brancas e negras”.

A orixe da marihuana en Asia central baséase nun texto do historiador Heródoto, no que describe como algúns membros dos escitas, unha lendaria civilización desta rexión, se embriagaban ao inhalar a planta queimada nuns braseiros, tamén con fins funerarios. O descrito agora por este estudo apunta na mesma dirección. “Os ritos funerarios son moi importantes nas civilizacións antigas, e é moi emocionante atopar estes cannabinoides nos residuos dos braseiros. Estes achados van facer grandes contribucións para explorar as prácticas rituais e os conceptos espirituais no pasado”, explica Meng Ren, investigadore da Universidade da Academia Chinesa de Ciencias.

Neste senso, Ren engade, como conclusión, que este achado “apoia a idea de que as plantas de cannabis foron usadas por primeira vez polos seus compostos psicoactivos nestas rexións montañosas de Asia central, e despois espalláronse a outras partes do mundo”.

Alén do achado sobre a marihuana, o traballo describe que os esqueletos recuperados no xacemento teñen características que se parecen aos pobos contemporáneos de Asia Central, e outros obxectos atopados nas tumbas tamén parecen vincular esta poboación cos pobos situados ao oeste, do que se deduce que estas montañas do Pamir actuaron como un punto clave nos intercambios de poboación en Eurasia, mesmo vinculada á Ruta da Seda.

Referencia: The origins of cannabis smoking: Chemical residue evidence from the first millennium BCE in the Pamirs (Publicado en Science Advances).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea