Xornais e revistas de todo o mundo despertaron esta semana con titulares que anunciaban unha nova de alcance: o lobo xigante volvera á vida 12.000 anos despois da súa extinción. O responsable deste mediático fito é Colossal Biosciences, unha empresa estadounidense cunha millonaria inversión detrás que xa conseguira saír á palestra polos seus intentos por revivir aos mamuts laúdos, os tigres de Tasmania e ao dodo.
A diferenza é que, nesta ocasión, din ter completado o proceso. No material difundido sobre a nova, primicia na portada da revista Time, pódese ver ás carreiras a dous lobos brancos como os que popularizou a serie Xogo de Tronos. A súa creación é froito do traballo de modificación xenética de lobos grises para xerar un animal novo a partir dun dente de hai 12.000 anos e un cranio de hai máis de 72.000. Para Colossal Biosciences, a creación de Romulus e Remus (máis tarde chegou unha terceira, Khaleesi) é a recuperación do Aenocyon dirus. Pero, pode considerarse isto unha desextinción, como di a empresa?.
“Absolutamente non”. Así de rotundo se amosa o xenetista Antonio Salas Ellacuriaga, que explica que o feito pola compañía de Texas é a reprodución “dunha especie de lobo Frankestein, un lobo actual con mutacións dun lobo ascentral”. Romulus, Remus e Khalessi son, polo tanto, unha nova especie que “nunca existiu, nin seguramente podería ter existido nunca”.
O investigador da Unidade Xenética do Instituto de Ciencias Forenses e profesor da Facultade de Medicina da USC explica que o procedemento seguido por Colossal Biosciences consiste na detección das mutacións existentes no xenoma destes lobos extintos a partir da información obtida do ADN de restos biolóxicos atopados. Unha vez feito isto, seleccionaron no laboratorio as que consideraron máis distintivas do lobo xigante e que podería estar detrás da imaxe que se ten dese animal, é dicir, do grande tamaño que os diferenciaría do lobo gris. O seguinte paso: implantar os embrións modificados en dúas cadelas, que deron a luz aos grandes cans de impecábel pelaxe branca que se poden ver nas imaxes difundidas pola compañía.

A diversidade xenética
Pero os camiños do lobo gris e do xigante separáronse moito antes de que morrera o último destes a finais da idade de xeo. Concretamente hai 6 millóns de anos, polo que as semellanzas entre eles están moi afastadas. De feito, o profesor de Zooloxía da Universidade de Otago (Nova Celandia) Phlip Seddon sinala nunha columna en Science Media Center que o lobo xigante estaría máis emparentado co chacal africano que co primo co que comparte nome de pila e que chegou aos nosos días.
O profesor Salas, que pide prudencia á hora de avaliar os resultados da compañía estadounidense, pendentes aínda de publicación e de escrutinio, introduce outro dos criterios que levan á comunidade científica a rexeitar a suposta volta á vida deste animal. “O factor máis importante que caracteriza a un ser vivo é a súa diversidade xenética. Calquera especie necesita diversidade xenética entre os seus membros para garantir a súa subsistencia. Este non é o caso, xa que se centran en recuperar os trazos dun individuo sobrepostos aos trazos dun lobo actual”, sinala o xenetista.
Colossal di perseguir obxectivos medioambientais cos seus traballos para recuperar este lobo, o mamut ou o tigre de Tasmania. A empresa, que ten entre os seus inversores aos creadores de Jurassic Park ou a Paris Hilton, sostén que traer de volta estas especies permitiría reequilibrar os ecosistemas dos que foron endémicos. Detrás dela está o biotecnólogo George Church, considerado en certos círculos un gurú polo seu traballo no eido da enxeñería xenética e a xenómica. Unha personaxe pegada á controversia polos seus estudos sobre as especies extintas e a modificación xenética humana para editar embrións e explorar a expansión da lonxevidade dos homes.

“Na primeira película de Jurassic Park, un tricerátops ponse moi enfermo porque estaba a comer plantas que non evolucionaran cando existía, hai decenas de millóns de anos”, apunta Nic Rawlence, colega de Seddon no departamento de Zooloxía da universidade neozelandesa e que tamén se pregunta como se levaría a cabo o proceso para facer que o lobo non caese na endogamia xenética. “Pense nos Austrias”, chancea o zoólogo en Science Media Center, onde estima que se precisarían 500 individuos para evitar os problemas da reprodución entre parentes próximos.
A edición, un dilema ético
O procedemento seguido pola compañía nada ten que ver ca clonación. O primeiro consiste na edición do xenoma a través de ferramentas como CISPIR-Cas9 (o empregado por Colossal) para corrixir mutacións ou estudar a función xenética; o segundo, a copia idéntica dun organismo. O debate ético sobre a modificación xenética e a clonación, especialmente no ámbito reprodutivo, planea a comunidade científica desde os anos da ovella Dolly.
O profesor Antonio Salas sinala que a clonación terapéutica e a edición xenética en células somáticas son formas máis aceptadas pola comunidade científica. Aí está, por exemplo, o traballo do galego César de la Fuente, investigador da Universidade de Pensilvania (Estados Unidos), que, da man da intelixencia artificial, “resucita” moléculas de organismos extintos para atopar novos antibióticos.
“Os límites deben ser establecidos pola ética”, cre o xenetista da USC, para quen as dúbidas sobre a edición xenética e a clonación parten do potencial impacto que poderían ter na natureza humana e na biodiversidade. Ve riscos en que poida tenderse a crear deseños xenéticos “con fins estéticos” ou para seleccionar características hereditarias, o que implicaría unha nova vía do incremento das desigualdades sociais ou, como el o chama, a configuración dunha “sociedade dos perfectos”.
Investir en conservación, non en resucitar
Deste xeito, lonxe de devolver á vida especies desaparecidas hai miles de anos, a comunidade científica aposta por conservar o que a día de hoxe existe e está seriamente ameazado nesta sexta extinción masiva que acelera a man do home. Na actualidade, a Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza (UICN) cifra en 40.000 as especies ameazadas, moitas delas, en perigo de desaparecer antes do ano 2050.
“Investir en conservación, no medio natural, na diversidade; é o mellor legado que podemos deixar ás futuras xeracións. Non digo que non sexa interesante investir na ciencia da edición xenética, pero neste contexto en particular, creo que sería unha perversión do sistema investir na recuperación de especies extintas sen destinar financiamento á preservación ou á prevención da extinción de moitas outras que aínda existen”, conclúe o xenetista da USC.
Bo punto Saúl.
Pero é certo que esta empresa só está buscando golpes publicitarios pra financiar o seu business core que é multiplicar a diversidade xenética pra evitar a extinción de especies en perigo.
Pra ilo crían estes verdadeiros experimentos vivos pra expor a súa tecnoloxía a inversores e potenciais clientes.
Non teñen intención de liberar nin reintroducir estes animais, son só exponentes tecnolóxicos.
Só cando a súa tecnoloxía quede contrastada e se descarten riscos colaterais…poderase pensar en desextinguir ás especies target destes experimentos eticamente cuestionables.