Galicia é un lugar que sabe celebrar. A gastronomía e a música destacan nestas celebracións pero, por suposto, tamén os festexos culturais. A comunidade conta con dúas Festas de Interese Turístico Internacional e sete Festas de Interese Turístico nas celebracións de Semana Santa. Aquí están algunhas das máis importantes e as súas curiosidades.
Semana Santa de Viveiro

Festa de Interese Turístico Internacional, é considerada das mellores Semanas Santas non só de Galicia, senón de España. As históricas confrarías e irmandades son as encargadas de manter viva unha das festas máis importantes de Galicia, que se vén realizando de modo ininterrompido desde o século XIII. Algúns dos pasos son históricos, con pezas de orixe incluso do século XV. É o caso da procesión da Última Cea, en 1808. Tamén o do Prendemento, característico polas túnicas e carapuchos de cores vermella e branca. Tamén é moi famosa a procesión do Encontro, unha emocionante cerimonia nas que se acompañan ao Cristo as tallas da Dolorosa, San Xoán e a Verónica. O venres santo (18 de abril), tras o Desencravo, comeza a procesión do Santo Enterro, con levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola. Unha festa única e imprescindible para calquera galego.
Semana Santa de Paradela
Ninguén di que as parroquias pequenas non poidan ter as festas máis grandes. Ese é o caso de Santa María de Paradela, en Meis, Pontevedra. Público e actores son dúas partes cruciais nestas celebracións nas que destaca a posta en escena das representacións da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo. As rúas son escenario deste espectáculo que inclúe a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, a lombos dun burro o Domingo de Ramos. As procesións sucédense durante os días máis importantes, pero destaca tamén a representación da Última Cea o xoves pola noite e a do xuízo de Xesús ante Poncio Pilato durante a mañá do venres.
Semana Santa de Ferrol
Unha das cidades con maior sentimento da Semana Santa é Ferrol. As rúas desta cidade do norte énchense de fervor relixioso segundo pasan as cinco confrarías. A cidade convértese nun escenario vivo. Vibrantes e solemnes, a Semana Santa ferrolá mantén unha tradición secular e moi vistosa, nas que destacan as procesións do Venres Santo. Pola mañá, o Santo Encontro enche a praza de Amboage e, pola tarde, o Santo Enterro leva Santa Urna polas rúas desde a Catedral de San Julián. Cara á noite, o casco histórico da Magdalena mergúllase no silencio coa conmovedora procesión dos Caladiños. Alí, os pasos de San Xoán, a Cruz Sudario e a Virxe das Dores percorren a cidade cun ambiente algo máis recollido, que culmina co canto da Salve, xa pola madrugada. Por algo tamén é Festa de Interese Turístico Internacional.
Semana Santa de Betanzos

O ambiente da Semana Santa de Betanzos destaca tódolos días. Porén, se hai algo que caracteriza as festas deste concello coruñés é o ciclo de Música Sacra que se produce entre o próximo 12 e 14 de abril. A música intercálase coas celebracións, destacando a do Domingo de Ramos, na que ás 11 da mañá comeza a beizón de ramos no adro da igrexa de San Domingos. Os actos rematan o 21 de abril, coa misa da Magdalena.
Semana Santa de Cangas
As procesións de Cangas contan cunha personalidade única. As celebracións comezan o Venres de Paixón, que coincide coa festividade da Santísima Virxe das Dores. Aínda que quizais a máis vistosa é a do Xoves Santo, que inclúe o Paso da Mesa. Esta é unha representación da última cea, con produtos naturais. Ao día seguinte, xente de tódalas idades (aínda que cunha especial participación de xente nova) reúnese na procesión que leva a San Pedro ata os Xardíns de José Félix Soage Villarino, que remata cunha gran chocolatada.
Semana Santa de Lugo
Lugo ten, desde o ano 1963, unha procesión única: a Sagrada Forma. Esta imaxe destaca pero non opaca as celebracións do resto de días, coma na mañá de Pascua, cun encontro entre Cristo Resucitado e súa Nai. A combinación destas festas coa exposición permanente que ten o Sacro Sacramento no alto maior da Catedral, fai da capital de provincia un lugar imprescindible no que ir a estas festas polo menos unha vez na vida. O próximo venres 11 de abril comezan as procesións, que rematarán o día 20 coa imaxe de Cristo Resucitado.
Semana Santa de Mondoñedo

As raíces históricas lévanas ata máis aló do século XVI e reúnen tradición, historia e tamén moito recollemento. Os mindonienses contan con numerosas procesións, entre as que destacan a do Ecce Homo durante o Domingo de Ramos e a do Santo Enterro e da Soidade no Venres Santo.
Semana Santa de Santiago de Compostela
“Unha cidade ideal que desborda á vez historia e intemporalidade”, segundo a UNESCO, a capital galega non podía faltar nesta lista. Miles de persoas achéganse tódolos anos nestas datas para ver representacións coma as organizadas para o próximo sábado 12 de abril no exercicio do Santo Vía Crucis, que coa participación de todas as confrarías da Semana Santa da localidade. A paisaxe santiaguesa, ateigada de torres, volutas e gárgolas axuda a crear un ambiente único, especialmente aquelas que se producen cando escurece.
Festas do Santísimo Cristo de Fisterra

Entre os aleluias dos asistentes e mentres as campás e as bandas soan, un anxo notifica ás mulleres da resurrección de Xesús. Alí, diante dos soldados romanos, ao carón sepulcro de Cristo. Outro dos actos históricos da Semana Santa en Fisterra é o baile da “Danza de Nosa Señora das Areas”, cuxa orixe data do século XVII.














