Como mellorar a túa resposta inmunitaria trala vacinación

* Un artigo de

As vacinas son unha das medidas sanitarias que maior beneficio proporcionaron á humanidade. Permitiron previr enfermidades responsables de grandes epidemias ao longo da historia, como a varíola. Hai pouco máis dun ano que a Covid-19 se sumou a esta listaxe. Hoxe volvemos necesitar a vacinación para poder frear a expansión do coronavirus e recuperar a normalidade.

Publicidade

As vacinas dispoñibles demostraron ser eficaces para previr a enfermidade. Con todo, a magnitude e calidade da resposta inmunitaria ás vacinas varía considerablemente entre individuos. Son varios os factores que poden influír na resposta a unha vacina. Algúns fan referencia a características individuais, como a idade, o sexo, a súa información xenética e a presenza doutras patoloxías (como diabetes e enfermidades cardiovasculares, as dúas vinculadas a alteracións do sistema inmunitario).

Pero, ademais, a nosa resposta inmunitaria ás vacinas pode variar en función de prácticas cotiás no noso día a día.

Publicidade

Que hábitos poden mellorar a nosa resposta inmunitaria tras a vacinación?

Un dos factores clave para favorecer o correcto funcionamento do noso sistema inmune é durmir un número de horas suficiente, así como controlar o noso nivel de estrés.

Unha correcta hixiene do sono permite manter adecuadamente os biorritmos que controlan a produción de hormonas que regulan a función do sistema inmune, como a melatonina. Esta hormona prodúcese durante a noite e a súa administración relacionouse coa supervivencia de linfocitos e unha maior produción de anticorpos.

De feito, diversos estudos mostraron como a escaseza de horas de sono, tanto nos días previos como posteriores á vacinación, pode reducir a eficacia das vacinas.

As situacións de estrés promoven a liberación de hormonas supresoras da función inmunitaria, como o cortisol, e asócianse cunha menor resposta á vacinación. Alternativamente, as actividades que nos proporcionan satisfacción, como a práctica de deporte ou as relacións sociais, favorecen a liberación de hormonas estimuladoras do sistema inmune, como as endorfinas.

De acordo con esta idea, os individuos que realizan exercicio moderado regularmente e cun estado de ánimo positivo no momento da vacinación desenvolven unha maior resposta de anticorpos e outras moléculas potenciadoras da resposta inmune (como as citocinas).

A importancia de comer ben

Outro aspecto crucial para mellorar a eficacia dunha vacina é ter un estado nutricional óptimo. Son varios os nutrientes cuxa vinculación co sistema inmunitario foi cientificamente demostrada. É o caso da vitamina C e o ácido fólico, ambos cun papel importante na produción de moléculas eficaces fronte á infección. Tamén a creación de coláxeno, que contribúe ao mantemento das nosas barreiras naturais fronte aos patóxenos.

Con todo, os estudos suxiren que a deficiencia de nutrientes illados parece ter pouco impacto na resposta ás vacinas, mentres que unha dieta equilibrada, cunha achega balanceada de enerxía, parece ser clave para reforzar o sistema inmune. De feito, as persoas con índices de masa corporal altos, e mesmo obesos, presentan menor produción de anticorpos, linfocitos T e citocinas tras a vacinación.

Un bo descanso, a boa alimentación e os bos hábitos son factores que melloran o funcionamento do sistema inmunitario

Tamén merece a pena considerar a relación que existe entre a microbiota intestinal e as respostas ás vacinas. A microbiota asociada ao tracto intestinal desempeña funcións clave na protección fronte á invasión de microbios patóxenos e a regulación do sistema inmune. Esta microbiota alberga millóns de microorganismos, principalmente bacterias dos grupos Firmicutes e Bacteriodetes.

A composición da microbiota é relativamente estable, e en condicións normais presenta maior abundancia de Firmicutes, que se asocia cunha maior resposta de anticorpos.

Antibióticos, tabaco e alcol

Con todo, algunhas circunstancias, como a existencia dalgunha patoloxía, cambios na dieta ou o consumo de antibióticos, poden producir alteracións na microbiota que afecten a nosa resposta á vacinación. Nestas situacións, o consumo de probióticos que restablezan o balance na nosa microbiota intestinal mostrou efectos potencialmente beneficiosos na resposta á vacinación, aínda que parece variar segundo as bacterias empregadas, a dose ou a duración da administración.

Por último, o consumo de tabaco altera de forma directa nosa liña de defensa na mucosa respiratoria, e asociouse cunha menor produción de anticorpos tras a recepción de vacinas.

Igualmente, o consumo excesivo de alcol ten un efecto inmunosupresor pouco desexable cando recibimos unha vacina; é máis, o alcol pode alterar a composición da nosa microbiota intestinal e ás células inmunes alí presentes, favorecendo a entrada de patóxenos ao noso organismo.

A resposta inmunitaria á vacinación é variable na poboación. Algúns dos factores que poden influír nela correspóndense con hábitos cotiáns que afectan o noso estado inmunolóxico, e coñecelos pódenos servir para modificalos co obxectivo de potenciar o noso sistema inmunitario para que responda eficazmente cando nos vacinemos.


* Patricia López Suárez é profesora titular de Inmunoloxía na Universidade de Oviedo.

Cláusula de divulgación: a autora  non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos