Asocian o uso de paracetamol no embarazo a trastornos de autismo e hiperactividade

Unha metaanálise con datos de máis de 73.000 casos de seis países europeos describe unha relación entre os síntomas de TDAH e TEA e o fármaco

Unha metaanálise que recolleu datos de máis de 73.000 parellas de nenos e nenas e as súas nais, realizada por un equipo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), centro impulsado pola Fundación “la Caixa”, describe unha relación entre os síntomas de trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e trastornos do espectro autista (TEA) detectados en cativos e cativas de seis cohortes europeas e o paracetamol, tamén coñecido como acetaminofén, que as súas nais tomaron no embarazo.

As diferentes investigacións que se usaron para a metaanálise expoñían que entre o 14 e o 56% das nais declararon tomar o fármaco durante a xestación. Ademais, os resultados revelan que os nenos e nenas que estiveran expostos ao paracetamol antes de nacer mostraban unha maior probabilidade de desenvolver posteriormente síntomas de TEA e TDAH que os non expostos (un 19 e un 21% máis, respectivamente).

Publicidade

O paracetamol está considerado o analxésico e antipirético máis seguro no embarazo e a infancia

O paracetamol está considerado o analxésico e antipirético máis seguro no embarazo e a infancia. Con todo, algúns artigos empezaron a relacionar a súa exposición prenatal cun peor rendemento cognitivo, máis problemas de comportamento, TEA e TDAH

“Os nosos datos son consistentes co que indicaban traballos previos. Así mesmo, vemos que a exposición prenatal a este fármaco afecta de forma similar a nenos e nenas, xa que practicamente non observamos diferenzas”, explica Sílvia Alemany, primeira autora do estudo.

Publicidade

“Tendo en conta todas as evidencias sobre o uso do paracetamol e o desenvolvemento neurolóxico, estamos de acordo coas recomendacións que indican que, aínda que o medicamento non debe suprimirse en mulleres embarazadas nin na infancia, si debe usarse só cando sexa necesario”, destaca pola súa banda Jordi Sunyer, último autor do estudo.

Calcúlase que entre o 46 e o 56% das mulleres embarazadas dos países desenvolvidos recorre nalgún momento da xestación ao paracetamol. Con todo, algúns artigos empezaron a relacionar a súa exposición prenatal cun peor rendemento cognitivo, máis problemas de comportamento, TEA e síntomas de TDAH.

Trátase de estudos criticados pola súa heteroxeneidade, de maneira que nesta ocasión fíxose “un esforzo por harmonizar o modo en que se avaliou ou definido os síntomas de TDAH e TEA, así como que supón estar exposto ao fármaco”, apunta Alemany.

“Estamos de acordo coas recomendacións que indican que o medicamento debe usarse só cando sexa necesario”

“A mostra é ampla e analiza de forma conxunta cohortes de seis países europeos (Reino Unido, Dinamarca, Países Baixos, Italia, Grecia e España). En todas as pautas estudadas o criterio foi o mesmo, de modo que reducimos a disparidade de criterios da que adoecían estudos previos”, engade.

Esta investigación tamén analizou a exposición infantil posnatal ao paracetamol, sen que neste caso se observase asociación entre o paracetamol tomado na infancia e os síntomas de TEA. Por último, o equipo científico recomenda seguir coa análise, dada a diversidade da exposición nas diversas cohortes estudadas, que oscilou entre o 6 e o 92,8 %.


ReferenciaPrenatal and postnatal exposure to acetaminophen in relation to autism spectrum and attention-deficit and hyperactivity symptoms in childhood: Meta-analysis in six European population-based cohorts (Publicado no European Journal of Epidemiology).

 

1 comentario

  1. Sería de interese, e axudaría a non crear alarmismo, indicar que dose e en que período do embarazo pode ter tales efectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ministerio de Sanidade conclúe que non hai evidencia científica que avale a homeopatía

O Ministerio publica un informe que analiza 64 estudos sobre a homeopatía e conclúe que non hai evidencia da súa eficacia en tratamentos para a saúde

Un equipo galego revela que a camuflaxe dos trazos autistas aumenta o estrés

A investigación do CiMUS da USC e do IDIS incorpora por primeira vez biomarcadores para avaliar o impacto fisiolóxico, utilizando a concentración de cortisol no cabelo como indicador obxectivo

Luz Couce, directora do IDIS: “Se hai indicación, a embarazada ten que tomar paracetamol”

A comunidade científica insiste en que, baixo indicación clínica e con dose controlada, o fármaco é unha opción fiable para aliviar a dor en futuras nais

Nova polémica científica de Trump: vincula o autismo coa toma de paracetamol no embarazo

O Goberno estadounidense proporá, segundo o Washington Post, a leucovorina como posible cura a pesar do escepticismo da comunidade científica