“Acabouse coas ostras primeiro, coa lagosta máis tarde e, cando xa se esgotaron (…), foi cando os gobernos e os homes da ciencia se comezaron a preocupar por crear viveiros”. O deputado Augusto González Besada relataba, no ano 1900, un discurso que parece propio de reivindicacións ecoloxistas máis modernas. Os períodos de veda, aprobados en 1885, non eran suficientes para mellorar a situación da especie na comunidade.
Malia que Besada recordaba o empeoramento do estado da lagosta a comezos do século XX, esta seguiu presente en moitos puntos de Galicia nas seguintes décadas. Iso si, pode que notasen a diferenza de cantidade nunha das comidas máis utilizadas no mundo. A primeira vez que se cita, segundo o estudo Historia do colapso da pesquería de lagosta, é no ano 1133. Co nome de locusta aparece como rexistrado no mercado local, xunto con outras especies, como o polbo, o ollomol, a pixota ou a anguía.
Unha comida pouco valorada
“Na Galicia baixomedieval, o marisco tiña pouca consideración social; exceptuando as ostras e as lagostas, as restantes estaban recluídas das comidas requintadas”, explican o biólogo mariño Rafael Bañón e o químico e documentalista José Irisarri, os autores do artigo académico. De feito, en 1680 unha libra de lagosta ou de centola custaba en Vigo 4 marabedís (unha moeda cun valor moi baixo), mentres que un muxe cabezudo era máis caro.
Para a captura dos exemplares, era preciso utilizar rascas ou nasas. As primeiras eran máis propias nas Rías Baixas mentres que as segundas eran máis frecuentes de ver no norte, como aclara o estudo. En 1775, os cataláns operaban na ría de Vigo con máis de mil nasas.
Foi a partir do século XIX e XX cando os novos métodos de captura fixeron da lagosta galega un ben máis escaso. A presenza de barcos franceses a partir de 1879 prexudicou á especie nas costas galegas. “Tras esquilmar os seus caladoiros, os pescadores franceses, principalmente bretóns, expandíronse polas costas nos seus buques de vela”, detalla o artigo. Estes podían conter ata 8.000 exemplares vivos que eran transportados ao principal mercado europeo deste crustáceo.
Ata 900.000 exemplares nun ano
“En setembro de 1879, o primeiro barco, o Deux Cousins, de 76 toneladas, arribou a Viveiro para a compra dun cargamento de 600 lagostas para vendelas en Brest”, explican Bañón e Irisarri. Entre 1880 e 1883, pasaron polo menos 12 pesqueiros franceses rexistrados para cargar toneladas de mariscos. Porén, os cálculos eran maiores. En 1881, unha estimación afirmaba que no noroeste de España había máis de 200 barcos franceses. En total, podían capturar ata 900.000 exemplares nun ano por toda a cornisa cantábrica. “A actividade pesqueira dos buques nos primeiros anos foi frenética”, destacan os investigadores.
A pouca relevancia da lagosta a nivel local facía que os prezos en Galicia fosen moi baixos. Así, moitas veces os propios franceses en vez de capturar eles mesmos a especie, comprábana aos pescadores locais para obter un extra. A presenza dos estranxeiros, segundo os periódicos locais, mantívose polo menos ata 1925.
Progresivamente, a aparición deses barcos considerouse cada vez máis negativa. Por unha parte, pola preocupación que xeraba a maior escasez deste produto. Por outra, porque o beneficio da explotación da especie era, principalmente, para un país estranxeiro. Durante as seguintes décadas, diversas normas (desde a Real Orde de 1885 ata a aprobada en 2012) regularían a captura desta especie. Tanto polo seu tamaño como segundo a zona e a época. Iso non evitou a progresiva desaparición do crustáceo.
O colapso total
“As descargas en Galicia amosan unha tendencia descendente desde 1933, primeiro ano da serie, ata 1983”, analiza o estudo. En 1933, rexístranse en Galicia máis de 300 toneladas nos portos, cifra que non chega ás 10 a mediados dos anos 80. “A pesquería colapsou a comezos dos anos 80”, consideran os investigadores.
Actualmente, as estimacións consideran que segue baixo mínimos históricos, tras a análise da cantidade de descargas. “As medidas de xestión non tiveron o efecto esperado e a lagosta seguiu en Galicia o mesmo camiño que a ostra e outras moitas especies”, conclúen Bañón e Irisarri. Ademais, consideran contraditorio que, segundo o ano, só haxa entre tres ou seis meses de veda en Galicia aínda na última década.
Os expertos poñen en valor as accións realizadas nas Illas Columbretes, no Mediterráneo. “Tras 25 anos cerrada á pesca, acadáronse índices de abundancia de 20 a 50 veces superiores ás das poboacións explotadas”, aseguran. Só un plan ambicioso de recuperación, advirten, pode recuperar estas poboacións esgotadas.














