Luns 29 Abril 2024

“A estabilidade laboral dos investigadores é a miña prioridade”

Rosa Menéndez (Cudillero, 1956) ten un lugar asegurado na historia ao ser a primeira muller que ocupa a presidencia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nos seus 75 anos de existencia. En apenas catro meses de mandato xa viaxou a Galicia en tres ocasiones. Nesta última oportunidade visitou a Misión Biolóxica de Galicia ( MBG) en Pontevedra e tamén Santiago. Considera que os centros do CSIC na comunidade autónoma son un exemplo tanto na calidade das investigacións que desenvolven como no éxito que alcanzan para difundir os seus proxectos. Móstrase aberta a estudar novos proxectos de investigación que vaian máis aló das disciplinas xa presentes nos cinco centros galegos.

-Como se ven aos centros galegos do CSIC desde Madrid?

Publicidade

É a miña terceira visita a Galicia desde que tomei posesión, xa estivera antes en Santiago e en Vigo. Os centros do CSIC en Galicia son moi bos e neles estase a desenvolver unha ciencia de primeira liña, tanto no que se refire ao sector agroalimentario como ao das ciencias sociais. Trátase de centros que non só se centran no que é a investigación senón tamén na transferencia de tecnoloxía. Nesta oportunidade puiden comprobar que se está a facer un traballo interdisciplinar moi interesante aquí na Misión Biolóxica de Galicia. Ademais, por riba de facer boa ciencia, os centros galegos saben facela visible. A propia MBG está a facer un traballo moi importante no que se refire a temas como a viticultura heroica ou a recuperación das variedades de oliveira autóctonas.

“Ademais de facer boa ciencia, os centros galegos saben facela visible”

-Os centros galegos están especializados no sector marítimo, agroalimentario e do patrimonio. Están abertos a novos proxectos que están a xurdir en Galicia en áreas como as novas tecnoloxías?

-Estamos atentos a potenciar calquera nova iniciativa para o desenvolvemento do propio CSIC e para iso temos que contar coa colaboración dos distintos gobernos autonómicos e das universidades. No caso de Galicia temos liña directa tanto coa Xunta como cos reitores das universidades e estamos abertos a calquera posible fórmula de colaboración. Por exemplo, coa Uvigo falamos ultimamente sobre novos proxectos.

-Bótase en falta unha maior implicación do sector empresarial galego para aproveitar mellor a investigación que se fai nas universidades ou no propio CSIC?

Sempre queda camiño por percorrer, especialmente na implicación das empresas. No CSIC sempre estivemos moi vinculados co sector empresarial e mesmo durante a crise o número de proxectos realizados coas empresas aumentou aínda que baixaron os ingresos obtidos. O empresario ten que ser consciente de que o científico o pode axudar a resolver problemas, pero tamén debe saber que é necesario facer un investimento a medio prazo. Moitas veces non é tan sinxelo resolver os problemas de xeito inmediato a través da ciencia e necesítase tempo para cumprir os obxectivos.

“O empresario ten que saber que é necesario facer un investimento a medio prazo para obter resultados”

-A crise afectou ao número de investigadores do CSIC en Galicia. Vai incorporarse agora novo persoal?

-Recuperamos os contratos perdidos durante a crise pero agora temos que afrontar tamén o rexuvenecemento do persoal investigador. Hai moitos que se van á xubilar no vindeiros cinco anos e é necesario cubrir esas prazas. Ademais, a estabilización laboral é unha cuestión prioritaria para min e estamos a negociar cos sindicatos as mellores fórmulas para avanzar nesta liña. Está a tratarse de consolidar a figura do Investigador Distinguido, por exemplo. O noso obxectivo é que o científico poida traballar de forma relaxada e sen preocupacións laborais. Este ano os contratados polo programa Ramón e Cajal de último ano poderán competir para consolidar unha praza e tamén haberá oportunidades para que se presente outros investigadores. Por outra banda, estamos a comprobar que hai investigadores que están a solicitar volver a España e isto é moi alentador.

-Acontece tamén en Galicia?

-Non teño datos concretos de Galicia neste sentido, pero puiden comprobar persoalmente que esta comunidade despegou nos últimos anos e isto nótase na rúa e no desenvolvemento de novas empresas. Temos en marcha programas de investigación importantes e contamos coa colaboración da Xunta e das universidades.

“O noso obxectivo é que o científico poida traballar de forma relaxada, sen preocupacións laborais”

-Nestas últimas semanas falouse moito da brecha salarial e da falta de igualdade laboral en moitos ámbitos entre o home e a muller. Que pasa no mundo da investigación?

-A brecha salarial non a temos no CSIC pero si que se bota en falta a presenza de máis mulleres nos altos cargos de xestión ou nas cátedras. Creo que vai supoñer algo importante que por primeira vez na súa historia haxa unha muller á fronte do CSIC porque hai moitas cuestións para mellorar como o tema da conciliación familiar, por exemplo. Pode ser importante que unha muller sexa a presidenta e de feito xa contamos con varias candidatas para ser directoras de centros do CSIC. O acceso aos postos de dirección ten que basearse en cuestións de capacidade e dispoñibilidade. É certo que determinados postos esixen unha dedicación plena de case as 24 horas do día, pero tamén o é que hai mulleres que estamos en disposición de asumir este tipo de responsabilidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional