Unha praga que en pouco máis de dous anos “se expandiu notablemente” no sur de Galicia, pero que non se teme a súa extensión no resto da comunidade. A flavescencia dourada da vide é unha enfermidade que afecta o sector vitivinícola nas zonas máis fronteirizas con Portugal das provincias de Pontevedra e Ourense. Pode matar total ou parcialmente as cepas afectadas e os cultivadores xa mostran “certa preocupación” ante o seu auxe.
Causada polo organismo nocivo Grapevine flavescence dorée phytoplasma, a flavescencia dourada detectouse por primeira vez en cepas de Galicia en 2022. “Levamos moitos anos realizando prospeccións, pero despois de que Portugal declarase a súa presenza estas análises intensificáronse. En novembro de 2022 documentáronse as primeiras seis plantas positivas en Arbo, Crecente, As Neves e Padrenda”, explica a xefa de área do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería de Medio Rural, Diana González.
Zonas afectadas
Dende ese momento ata agora a praga ampliouse pola zona sur das provincias do sur de Galicia, “especialmente na de Ourense”, afectando os cultivos da vide en 15 concellos. Segundo os datos da última resolución da Xunta (de novembro do 2024) as zonas pontevedresas demarcadas pola presenza da praga son: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño. Con respecto á provincia ourensá, os concellos prexudicados son: A Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia.
Ademais destas localidades afectadas, o protocolo da Consellería estipula “zonas tampóns” para poder controlar e erradicar esta doenza da vide nas contornas das parcelas infestadas. “Cando detectamos algunha planta positiva nunha localización establécese a parcela como afectada e unha área de dous quilómetros ao redor desta como ‘zona tampón’. Nesta débese realizar unha serie de accións de prevención e erradicación, que se amplía á parroquia enteira para facilitar a aplicación das medidas”, indica González. Isto fai que a listaxe de concellos aumente e se engadan os ourensáns de Castrelo de Miño, Melón, Cartelle e Ramirás; e os pontevedreses de Tui, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas.

Segundo traslada a xefa de área, malia atoparse en algunha área de explotación de viños de denominación de orixe Rías Baixas e O Ribeiro, todas as parcelas afectadas por esta praga son para o autoconsumo ou están abandonadas. “As medidas de prevención e fitosanitarias que as empresas levan a cabo en contra desta enfermidade fai que, polo de agora, non se detectase flavescencia dourada en ningunha bodega profesional”, asegura. Con todo “existe certa preocupación no sector vitivinícola“, segundo traslada González. “Pero dende a Xunta estase a realizar un labor moi importante de prospección de parcelas, colación de trampas, información e divulgación para poder erradicala e evitar que se disperse ás zonas vitícolas profesionais”. engade.
Sintomatoloxía

Pese a que a “non sempre que se mostra sintomatoloxía desta doenza a planta dá positivo en flavescencia dourada”, existen aspectos moi característicos que indican a posible afectación pola praga. Os síntomas poden ser: o enrolamento de follas cara ao revés, o atraso no agromado, os acios secan ou non chegan a madurar, a coloración das follas a vermellas –nas variedades de uva tinta– ou amarela –nas brancas–, as videiras toman un porte “desmaiado, coma se fose de goma, dándolle á cepa un aspecto chorón” e, entre outros, a mortalidade total ou parcial da planta.
A flavescencia dourada en Galicia “só se detectou en vide (Vitis vinidera), pero tamén ten outro hóspede principal que pode ser a Vitis riparia”. Con todo, segundo traslada González, todas as especies de vides cultivadas ou silvestres do xénero Vitis, “incluíndo os híbridos interespecíficos utilizados como portainxertos, poden ser hóspedes desta enfermidade”, matiza. Ademais, existen outras especies vexetais que poden ser hóspedes alternativos como o amieiro común (Alnus glutinosa), e o ailanto (Ailanthus altissima). Acorde aos datos de Medio Rural, a incidencia desta praga dáse máis nas variedades de uva tinta que nas brancas.
Medidas obrigatorias
De confirmarse a afectación da flavescencia dourada na vide, o protocolo da Xunta contempla unha serie de medidas nas zonas infestadas. Para as parcelas de viña indícase que se debe eliminar baixo control oficial todas as plantas confirmadas e aquelas que sexan sintomáticas. Ademais, obrígase a aplicación de tratamentos fitosanitarios con insecticidas autorizados. No caso dos operadores profesionais —comerciantes ou produtores de plantas—, ademais da destrución da vide, inmobilizaranse todas as plantas nas instalacións ou parcelas que serán analizadas por lotes, xa que non se pode comercializar aqueles que dean positivo en flavescencia dourada.
Para as “zonas tampóns” tamén existen medidas obrigatorias que comparten ámbolos sectores. Ademais do control e aviso en caso de sospeita de infestación, os viticultores deberán aplicar os tratamentos fitosanitarios específicos, eliminar as plantas sintomáticas, destruír as plantacións abandonadas e arrincar as plantas silvestres do xénero Vitis spp., Ailanthus altissima, Alnus glutinosa e Clematis que estean a menos de dez metros das parcelas.
Insecto vector da flavescencia dourada
A flavescencia dourada está provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma, que á súa vez se contaxia polo cicadélido Scaphoideus titanus, o insecto vector desta praga. “Cómpre lembrar que esta enfermidade non ten cura, polo que é moi importante evitar a propagación do vector a través dos tratamentos insecticidas, especialmente nas zonas afectadas”, recalca González.

Segundo os datos de Medio Rural, este insecto hemíptero, chupador e picador atópase nas provincias de Ourense e Pontevedra. “En ausencia de barreiras naturais, ten unha capacidade máxima de voo de 300 metros, acorde algúns estudios científicos. Con todo, nalgúns casos o vento pode mellorar a súa dispersión e as condicións climatolóxicas destas zonas son moi apropiadas para o seu desenvolvemento”, relata a técnica.
Ademais dunha rede de trampeo para o seguimento do vector colocado nos territorios infestados e de tampón da flavescencia dourada, o Goberno galego realiza un control da evolución do insecto. Chegado o momento da detección das primeiras ninfas, lánzase un aviso fitosanitario para obrigar os titulares das parcelas vitivinícolas das zonas a realizar os tratamentos insecticidas apropiados.