Un recente estudo sobre os trihalometanos puxo en cuestión a seguridade da auga da billa.

Beber auga da billa non provoca cancro: a cloración salva vidas

O profesor de Química Física da Universidade da Coruña Moisés Canle analiza neste artigo o recente estudo sobre os trihalometanos na auga potable

 * Un artigo de

No cemiterio de Santo Amaro, na Coruña, existe unha capela debaixo da cal se atopa unha foxa común na que, a finais do século XIX, foron depositados os restos dos falecidos pola epidemia de cólera de 1854. En só 20 días provocou a morte de 2.026 dos 10.000 habitantes da cidade.

Naquela época a cidade non dispoñía de abastecemento domiciliario de auga de bebida nin, por suposto, de garantía sanitaria da mesma. Este sistema, inicialmente sen tratamento, comezou na Coruña en 1908 como consecuencia do episodio de cólera descrito. En 1915 instalouse un sistema de filtración por leito de area ao que se engadiu, xa en 1925, a potabilización mediante hipoclorito (compoñente activo da lixivia). Desde entón non volveu haber na cidade problemas relacionados coa falta de potabilización da auga.

A presenza de organismos patóxenos na auga de bebida producía nas nosas cidades, ata moi recentemente, epidemias catastróficas de enfermidades mortais como cólera, tifus,  disentería e gastroenterite. A primeira planta de cloración de auga púxose en marcha en  Middelkerke (Bélxica) en 1902, e a partir de aí estendeuse o seu uso por todo o mundo.

Desde entón, a cloración da auga foi un dos procedementos sanitarios que máis contribuíu á nosa saúde e benestar; un proceso que ademais resulta económico. A revista Life declarou en 1997: “A filtración da auga potable xunto ao uso de cloro é probablemente o avance en materia de saúde pública máis importante do milenio”.

En España, entre 1910 (década en que se xeneralizou a cloración) e 2010, a esperanza de vida duplicouse ao pasar dos 40 aos 80 anos. Por desgraza, calcúlase que en 2010 aínda quedaba un 13% da poboación mundial sen acceso a auga potabilizada.

Un estudo publicado a semana pasada xerou alarma ao suxerir a posible relación entre o cancro de vexiga e o consumo de auga con presenza de trihalometanos (THM). Este tipo de asociacións de datos, xeralmente nesgadas, mal explicadas polos medios e peor comprendidas pola poboación, xeran quimiofobia e non contribúen en nada á implantación de sistemas de toma de decisións baseada en evidencias.

Que son os trihalometanos?

Os trihalometanos son moléculas pequenas, constituídas por un átomo de carbono, tres átomos de halóxenos e un átomo de hidróxeno. Fórmanse durante os procesos de  cloración da auga por reacción entre o cloro e moléculas pequenas (aminoácidos,  aldehídos e cetonas), que á súa vez se xeran durante a descomposición por hidrólise (reacción con auga) da materia orgánica (como follas e ramas).

Que haxa materia orgánica na auga de ríos, lagos e mananciais subterráneos é normal e inevitable. Non é un indicio de contaminación, e a súa cantidade non é constante, senón que varía segundo a época do ano, do réxime de choivas e do arrastre por escorrentía.

As moléculas precursoras dos trihalometanos están disoltas mesmo nos mananciais máis  prístinos, e non é viable retiralas da auga antes da cloración. Non o é pola súa concentración baixa e variable, e polo custo que suporía devandito proceso para un volume de auga como o que se manexa nunha planta de potabilización, mesmo nunha de pequeno tamaño.

A cloración é un método de potabilización e desinfección, non de eliminación de contaminantes. Cando se engade cloro gas (Cl₂) á auga fórmanse dúas novas especies químicas: ácido hipocloroso e hipoclorito. A relación entre as cantidades destas dúas especies depende do pH da auga.

O ácido hipocloroso é máis reactivo e tamén máis desinfectante, e predomina en pH lixeiramente ácido. É capaz de penetrar na membrana celular e acceder ao interior das células dos microorganismos patóxenos, o que causa danos irreversibles ao oxidar o seu ADN.

Hoxe en día dispoñemos doutros métodos de potabilización, como o uso de ozono e de radiación ultravioleta. O seu custo podería competir co da cloración, pero existe un problema importante. Desde a saída da planta potabilizadora, a auga circula por moitos quilómetros de tubaxes, e ten que seguir sendo potable e libre de patóxenos cando chega ás nosas billas. Por iso, aínda que inicialmente se use outro método, aplícase unha poscloración na que se engade unha cantidade residual de cloro para garantir que a auga que bebemos da billa é potable.

Canto maior sexa a carga orgánica da auga e máis cloro se engada, máis posibilidades hai de que se formen trihalometanos. Estas substancias tenden a pasar á fase gas, polo que a medida que a auga avanza polas tubaxes e sae dos condutos a súa concentración diminúe.

Aínda así, sempre teremos unha pequena cantidade de trihalometanos presente. Para minimizar a nosa exposición o ideal sería alcanzar un balance entre a cantidade de materia orgánica, o cloro engadido e o tempo de aeración da auga antes de bebela.

A solubilidade dos gases aumenta ao diminuír a temperatura, polo que a temperatura ambiente haberá menos trihalometanos que en auga moi fría. En calquera caso, as cantidades que quedan na auga son minúsculas, da orde de partes por billón (ppb). Nas cantidades que bebe unha persoa sa non deberían representar un problema de saúde.

Para unha inxesta de 2,5 litros de auga diarios, co valor medio informado para España no estudo antes mencionado de 28,8 ppb (moi inferior ao máximo permitido de 100 ppb) a inxesta sería de 72 µg (0,000072 g). Isto, supoñendo que a auga estivese á temperatura de máxima solubilidade dos trihalometanos (ou sexa, moi fría).

O dato real sería notablemente inferior, dado que a auga quente presenta unha solubilidade bastante menor. A maior parte da poboación realiza cada día, consciente ou inconscientemente, prácticas de moito máis risco para a súa saúde.

A maioría de casos, en dous países

O estudo antes mencionado baséase no seguimento rutineiro, mediante cuestionarios e acceso a datos en aberto, de catro trihalometanos ( cloroformo, bromodiclorometano,  dibromoclormetano e bromoformo) en auga de distribución.

As proxeccións realizadas non reflicten exposicións pasadas nin futuras por parte da poboación. Ademais, os factores considerados (idade, sexo, nivel educativo, uso de tabaco, ocupación de alta rega, consumo diario e inxesta de café) non reflicten outros extraordinariamente relevantes, relacionados coa inxesta doutras substancias que incidan sobre o cancro de vexiga.

A maior parte da poboación realiza cada día, consciente ou inconscientemente, prácticas de moito máis risco para a súa saúde

Entre as devanditas substancias poderían atoparse algunhas substancias de consumo habitual (alimentos, suplementos da dieta, infusións), de abuso legais (alcol, tabaco), de abuso ilegais (drogas), fármacos, a exposición á contaminación urbana ou industrial e o modo maioritario de inxesta de auga.

En 2016 informáronse 135.011 casos de cancro de vexiga na Unión Europea, dos que a práctica totalidade corresponderon a maiores de 20 anos. O estudo mencionado realiza unha proxección de que 6.561 casos poderían ser atribuíbles á exposición a trihalometanos. Aínda aceptando a proxección que, como se puxo de manifesto, é cuestionable, trataríase dun 4,8% dos casos. Ademais, dos datos achegados derívase que case a metade dos casos de cancro de vexiga reportados prodúcense en 2 países de 26, a pesar do cal se estende a análise á totalidade do conxunto.

Cal é a marxe de erro destas proxeccións? Pode existir algún conflito de intereses? Paga a pena que os medios poñan o foco nun potencial risco dun nivel tan baixo e obxectable?

O feito é que se puxo en cuestión unha técnica de potabilización que fixo unha contribución fundamental á saúde humana e xerouse desconfianza na poboación. A cloración é a mellor alternativa de que dispoñemos a día de hoxe; é necesaria, segura e imprescindible.

A cloración regalounos a todos moitos anos de vida e reduciu a incidencia de moitas enfermidades, algunhas xa erradicadas na nosa sociedade. Non pode nin debe demonizarse. As nosas augas son seguras para a bebida. A auga potabilizada que recibimos na billa é, sen dúbida, a alternativa de bebida máis segura e económica.

Sigamos bebendo auga da billa, unha alternativa económica e cun impacto ambiental moitísimo menor que outras. Se detecta algún cheiro ou sabor na auga, encha unha xerra e déixea airear un bo intre, a presión de vapor fará a súa función. Agás que beba cantidades anormalmente altas de auga, non terá problema. Poña máis atención a outros factores de risco aos que, con seguridade e como facemos todos, estarase a expoñer voluntariamente, mesmo con frecuencia e con gusto.


* Moisés Canle é profesor de Química Física na Universidade da Coruña.

Cláusula de Divulgación: Moisés Canle López recibe fondos de investigación públicos do Goberno de España e da Xunta de Galicia, e fondos procedentes de empresas privadas de acordo co establecido no artigo 83 da Lei da Ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.