Un equipo galego constata que a dieta cetoxénica induce cambios epixenéticos

Os investigadores do IDIS constatan que este réxime, baixo en graxa e carbohidratos, pode inducir unha perda de ata 20kg e mellorar a calidade global de vida

O traballo foi realizado polos equipos do IDIS que dirixen Ana Crujeiras (abaixo, esquerda) e Felipe Casanueva (abaixo, centro). Foto: IDIS.
O traballo foi realizado polos equipos do IDIS que dirixen Ana Crujeiras (abaixo, esquerda) e Felipe Casanueva (abaixo, centro). Foto: IDIS.

Unha recente investigación de científicos do IDIS de Santiago, liderada polos grupos de Ana B. Crujeiras e Felipe F. Casanueva, demostra por primeira vez que os efectos altamente beneficiosos dunha dieta cetoxénica moi baixa en calorías na redución da obesidade involucra mecanismos epixenéticos. Un binomio, xene-ambiente, clave na abordaxe da obesidade e vía aberta a novas terapias propias da medicina personalizada.

A epixenética trata de dar resposta a como inflúen as circunstancias ambientais na modificación da expresión dos xenes. Así, mecanismos como ametilación do ADN son fundamentais na regulación da expresión de xenes que controlan funcións celulares cruciais no desenvolvemento de numerosas enfermidades e de vital importancia na homeostase do peso corporal.

No estudo, que publica o European Journal of Clinical Investigation, avaliáronse os efectos dunha intervención nutricional para a perda de peso baseada nunha dieta cetoxénica moi baixa en calorías (VLCKD) sobre os niveis de metilación do ADN en pacientes con obesidade. Trátase da primeira análise que mide os efectos dunha dieta cetoxénica, particularmente baixa en graxas e carbohidratos, para tratar a obesidade no patrón de metilación do ADN.

No traballo incluíronse un total de 21 pacientes que seguiron unha dieta cetoxénica de acordo a un programa de adelgazamento que incluíu medidas de soporte para a modificación conductual e do estilo de vida durante 6 meses. Os datos foron analizados en tres puntos ao longo da intervención e comparáronse con resultados obtidos en 12 voluntarios con peso normal. Os niveis de metilación de ADN realizáronse en leucocitos de sangue periférico, un tecido fácil de obter para a mostraxe en serie nunha contorna clínica.

Ana Crujeiras, autora principal do artigo. Foto: IDIS.
Ana Crujeiras, autora principal do artigo. Foto: IDIS.

“A análise de metilación realizouse a través dunha plataforma que interroga a 850.000 sitios específicos do xenoma. Usando este deseño, identificáronse 786 xenes que presentaban diferenzas na metilación despois da intervención coa VLCKD. Estes xenes identificados pertencían a procesos biolóxicos involucrados na función do tecido adiposo, a función neurolóxica, o desenvolvemento muscular e outros procesos metabólicos. En particular, o perfil de metilación despois da dieta foi similar ao perfil observado en individuos de peso normal. Comprobouse ademais que o perfil de metilación observado estaba correlacionado con cambios na expresión da familia das ADN metiltransferasa (DNMT), que son encimas modificadores do ADN que desempeñan un papel crucial na regulación da súa metilación, expón Ana B. Crujeiras, autora principal do estudo.

Por tanto, os cambios no perfil de metilación do ADN despois de someterse a este tipo de dietas cetoxénicas poderían estar relacionados cos efectos beneficiosos deste tipo de terapia nutricional sobre o peso corporal e a composición corporal, os parámetros bioquímicos e hormonais e a calidade da vida e promovido principalmente polo estado de cetose nutricional inducida.

“Debido a que o efecto se observou na fase máis aguda da intervención nutricional, este efecto epixenético podería estar mediado principalmente pola cetose inducida pola VLCKD. Necesítanse máis estudos para avaliar se os marcadores de metilación do ADN identificados poderían ser útiles para predicir o éxito desta intervención no contexto da medicina personalizada”, explica Ana B. Crujeiras.

O grupo de investigación do IDIS, adscrito ao Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición (CIBEROBN) traballa desde hai anos no estudo do efecto dunha dieta cetoxénica moi baixa en calorías no tratamento da obesidade no extenso campo da epixenética.

Así, demostrouse que este tipo de intervención nutricional é capaz de inducir unha perda de ata 20kg de peso a expensas da perda de masa graxa, particularmente masa graxa visceral e capaz de preservar a masa muscular. “Ademais, os pacientes que seguen esta intervención nutricional presentan unha redución no apetito, melloras na calidade do sono, na función sexual e, en definitiva, na calidade de vida global”, recoñece a investigadora. En conclusión, este estudo demostra por primeira vez que os efectos beneficiosos da terapia VLCKD na redución da obesidade involucran mecanismos epixenéticos.

Neste sentido, os autores do traballo salientan a importancia de modificar as nosas actividades cotiás de cara á posible influencia en modificacións químicas do noso ADN, E entre elas, a dieta é relevante: “A nosa forma de alimentarnos pode aumentar ou diminuír a predisposición para desenvolver algunhas enfermidades. De forma moi sinxela, poderiamos dicir que as modificacións epixenéticas son como sinais de circulación que se engaden aos xenes; algunhas facilitarán a súa aceleración; outras, en cambio, retardarán o seu funcionamento. Se os sinais son erróneos, é cando se desencadean as enfermidades” conclúe Ana Crujeiras.


ReferenciaAdipose tissue and blood leukocytes ACE2 DNA-methylation in obesity and after weight loss (Publicado en European Journal of Clinical Investigation).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.