É coñecido que a pesca incidental supón unha das maiores ameazas para as especies mariñas ameazadas e/ou protexidas. Malia que se tomaron medidas nas últimas décadas para conter o impacto deste problema, o seu alcance segue sendo limitado, o que incrementou a preocupación polo influxo que este asunto segue causando na biodiversidade dos océanos. Agora, un consorcio europeo, CIBBRINA, reunirá membros de 14 países, pertencentes a diversos sectores implicados na cuestión, como a pesca, a comunidade científica, os gobernos e as ONGs, para reducir os danos causados por estas actividades na costa do Atlántico nordeste e o mar Báltico.
Os esforzos do consorcio centraranse no impacto que este tipo de capturas accidentais teñen en animais como os elasmobranquios (raias ou tiburóns), tartarugas, aves mariñas como o arao papagaio e mamíferos mariños como o golfiño común ou a toniña, aínda que o traballo tamén se estenderá a outras especies ameazadas e protexidas. O proxecto de CIBBRINA está enmarcado no programa LIFE. Entre os socios inclúese a USC, a través dos investigadores do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) Sebastián Villasante, Gillian Ainsworth, Pablo Pita e Ignacio Gianelli. Dende España tamén participan o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Ministerio para a Transicion Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Cooperativa De Armadores De Pesca do Porto de Vigo (ARVI), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e AZTI, un centro de tecnoloxía mariña e alimentaria.
Obxectivos
O principal obxectivo deste proxecto é minimizar e, na medida do posible, eliminar as capturas accesorias de especies prioritarias en perigo, ameazadas e protexidas (ETP, en inglés). O equipo da USC coordinará o traballo de carácter socioeconómico, utilizando un marco de servizos ecosistémicos que inclúe custos e beneficios monetarios e non monetarios ao longo da cadea de valor das especies de captura accidental para calcular o fluxo físico do produto (os cambios nos prezos, custos dos insumos) e avaliar o papel das institucións (a normativa gobernamental sobre produción e comercialización de marisco).
Dende a USC tamén se identificarán as principais barreiras económicas, sociais e institucionais e os incentivos para ofrecer produtos pesqueiros que non impliquen capturas accesorias destas especies ameazadas. Tamén se xerará novo coñecemento mediante a mellora dos mecanismos para incentivar a cooperación dos pescadores ao longo da cadea de valor e o compromiso dos cidadáns. Isto implicará, igualmente, crear conciencia e un amplo apoio ás medidas recomendadas de redución das capturas accesorias entre os consumidores.
Maior participación
Segundo expoñen os membros do proxecto, unha das principais razóns do pouco éxito das medidas destinadas a reducir a pesca incidental foron as reticencias por parte da industria pesqueira. “Habitualmente, as decisións parten dunha perspectiva científica ou política e impóñense posteriormente ao sector pesqueiro. Estas propostas, en ocasións, non son viables na práctica ou provocan consecuencias socioeconómicas adversas”, apuntan. É por isto que CIBBRINA incorpora como membros do proxecto a entidades representantes do sector. Do mesmo xeito, as diferenzas nacionais na lexislación sobre xestión da actividade pesqueira e conservación da natureza provocan ás veces barreiras para abordar solucións efectivas contra a pesca incidental.
Diante deste reto, CIBBRINA (acrónimo de Coordinated Development and Implementation of Best Practice in Bycatch Reduction in the North Atlantic region), pretende establecer unha estratexia sustentable a longo prazo, co obxectivo de desenvolver, demostrar, promover e estimular técnicas innovadoras, métodos e enfoques que contribúan a facer cumprir os obxectivos da lexislación europea en termos de protección da natureza e biodiversidade. O consorcio involucrará, deste xeito, a todos os axentes implicados na cuestión, integrando o coñecemento da comunidade pesqueira, a industria, a ciencia e as institucións para resolver o problema.
Avaliar, controlar e mitigar
O proxecto enfocará a súa acción en diversas áreas de traballo. Por unha banda, avaliaranse e actualizaranse os datos dispoñibles sobre o impacto real das capturas incidentais nas poboacións das especies ameazadas. Tamén se controlarán as cifras de mortalidade causadas por este problema, a través das tecnoloxías máis novidosas, alén dos métodos habituais de observación a bordo. Con esta información na man, o equipo de CIBBRINA explorará novas solucións para mitigar os danos causados pola pesca incidental, mellorando o coñecemento sobre o comportamento das especies afectadas e aplicando accións máis específicas neste sentido.