Sábado 27 Abril 2024

Que responsabilidade teñen os concellos galegos ante o cambio climático?

Un equipo da UVigo comunicará aos municipios cando deberían alcanzar a neutralidade nas súas emisións de CO2

O cambio climático é un problema global que require dun conxunto de accións por parte de múltiples axentes e organismos. Non obstante, o feito de que a loita contra os seus efectos estea ligada a grandes acordos internacionais fai tamén que actores como as administracións locais vexan diluído o papel que poden xogar fronte a esta problemática. Ante este escenario, un proxecto de investigación coordinado polo Post-Growth Innovation Lab e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación busca axudar aos gobernos municipais a determinar a súa cota de responsabilidade ante o cambio climático.

Coordinado polo investigador David Soto, xunto co director deste grupo, Mario Pansera, o proxecto Arca trasladará aos municipios cal sería a súa cota de “responsabilidade climática”. Nela, como explica o tamén integrante do centro de investigación Ecobas, incluiríase, xunto con outra serie de “obxectivos precisos”, en que momento deberían alcanzar a neutralidade de carbono, para posteriormente “analizar a súa reacción”.

Publicidade

O proxecto Arca, ‘Cara unha Responsabilidade Climática Apropiada: como a narrativa da responsabilidade apropiada pode afectar á conduta das administracións públicas fronte ao cambio climático’, desenvolverase ao longo de dous anos e nel participan tanto integrantes do Post-Growth Innovation Lab como investigadores e investigadoras do Departamento de Psicoloxía da Universidade da Coruña.

A “narrativa da responsabilidade apropiada” fronte o efecto espectador

A investigación toma como punto de partida a idea da “narrativa da responsabilidade apropiada”, entendida como “a asignación a un actor individual dunha cota, papel ou tarefa específica, que é parte dunha responsabilidade compartida”. Trátase, como explica Soto, “de establecer un marco psicolóxico” que poña o foco en que a cada axente ou organización correspóndelle unha parte de responsabilidade nos problemas colectivos, como sería neste caso “unha cota de emisións de gases de efecto invernadoiro”.

O proxecto baséase na idea da “gobernanza policéntrica do cambio climático” formulada pola premio Nobel de Economía Elinor Ostrom, quen defendía que “se acaden ou non acordos internacionais, hai unha multitude de posibles respostas organizativas para mitigar o cambio climático que poden levarse a cabo en diferentes niveis territoriais”. Nese senso, a hipótese principal de Arca é que esa asignación dunha responsabilidade apropiada pode xogar un papel fundamental á hora de facer fronte ao chamado “efecto espectador”. Non en van, como lembra Soto, “os obxectivos climáticos xeralmente se expresan en forma difusa ou en termos moi agregados”, o que non contribúe a que os diferentes actores saiban “cal debería ser o seu esforzo apropiado, o que lles correspondería como mínimo nesta responsabilidade colectiva”, contribuíndo así á súa “inacción”. 

“O que intentamos é buscar unha forma de formular a situación nuns termos narrativos que axuden a evitar que o efecto espectador produza o que chamamos difusión de responsabilidade”, engade o coordinador dun proxecto que busca que os municipios pasen “de ser espectadores a ser actores coordinados cara un obxectivo colectivo con responsabilidades específicas asignadas”.

Cálculo e comunicación das cotas de emisións

Economista centrado na gobernanza multinivel, Soto Oñate publicou recentemente xunto co tamén investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez un artigo na revista Ecological Economics no que presentan “un marco metodolóxico para asignar responsabilidades apropiadas en temas ambientais a territorios”, que neste proxecto buscarán aplicar “aos territorios españois nos diferentes niveis administrativos”. De feito, o proxecto propón trasladar aos concellos “cal sería, segundo os nosos cálculos e criterios, a responsabilidade climática dos seus municipios e, entre outras cousas”, cando deberían alcanzar a neutralidade de carbono, o que implica que a cantidade de CO2 que emiten á atmosfera sexa a mesma que a retirada a través de diferentes accións.

Concretamente, calcularase a cantidade de emisións que podería realizar cada territorio ata 2100 para acadar o obxectivo recollido no Acordo de París de 2016 sobre “non aumentar a temperatura media do planeta en máis de 1,5 graos” neste período. A partir de aí, os investigadores estimarán as emisións xa realizadas por cada territorio para finalmente determinar “cando deberían xa ser neutrais”, información á que darán o nome de ARCA (Asignación de Responsabilidades Climáticas Apropiadas). “O proceso polo que se determina esa parte de responsabilidade que se lle asigna a cada actor será transparente e baseado en principios amplamente aceptados, presentes en tratados internacionais como a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático”, subliña Soto.

Aínda que a metodoloxía de traballo proposta non permite polo de agora dar a coñecer como se levará a cabo este proceso, o proxecto abranguerá “unha serie de intervencións para formular a cuestión climática como un problema compartido, sinalando a modo orientativo a responsabilidade apropiada de cada municipio”, explica o seu responsable. Non en van, outro dos seus obxectivos é analizar a actuación das institucións unha vez lles sexa comunicada a súa ARCA “e ver que variables están asociadas ao tipo de reacción”, permitindo deste xeito analizar “a capacidade da narrativa de responsabilidade apropiada para obter compromisos de acción climática”. 

“Algunhas adquirirán compromisos climáticos e outras non”, sinala Soto respecto dos efectos que poida ter un proxecto que busca ir máis aló da definición de “solucións executables desde a realidade local para enfrontar o cambio climático” para constituír tamén “unha intervención real”, como recolle a súa memoria. A idea, engade, é que esta iniciativa estimule “a adopción de compromisos climáticos”, á vez que axude aos responsables das administracións locais na “configuración da súa propia axenda climática e na determinación das estratexias para lograr os seus compromisos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica