Venres 19 Abril 2024

Os visóns de Carral ameazan ás persoas: un estudo recomenda extremar as precaucións

A investigación sobre o brote da granxa galega do pasado outono revela que é necesario fortalecer a bioseguridade e implementar programas de vixilancia

Dende os gromos de covid-19 a crise sanitaria nas granxas de visóns non ten fin. A comezos de outono, a aparición de animais enfermos con sintomatoloxía respiratoria na instalación do municipio coruñés de Carral volveu dar o sinal de alarma. O contaxio por gripe aviaria é xa un desafío para o continente europeo e moitas miradas están postas en Galicia, xa que o país alberga o 80% do total das granxas de visóns do Estado español. Vixilancia, seguridade e precaución son as palabras que repiten os expertos que auguran que a mutación dos virus nestas instalacións poden contraer problemas de saúde pública.

Un informe publicado nos últimos días pola revista europea Eurosurveillance sobre o gromo de Carral revela unha mutación “pouco común” do virus gripe A H5N1 nos visóns desta granxa destinada á industria téxtil. Segundo relata o estudo a mesma mutación tamén está presente no xene PB2 do tipo aviar do virus da influenza A (H1N1) de orixe porcina de 2009.

Publicidade

Letalidade do 60%

O epidemiólogo Juan Gestal considera que este estudo pon de manifesto a necesidade dunha vixilancia epidemiolóxica e chama aos esforzos para a colaboración a nivel local, nacional e global para garantir a saúde das persoas, animais e medioambiente. “A gripe aviar H5N1 ten nos humanos unha letalidade do 60%”, continúa. “Os visóns poden actuar como laboratorios nos que se poden producir recombinacións que den lugar a virus máis patóxenos”. Neste senso, Gestal explica que as zoonoses -virus que se transmiten dun animal a un ser humano- son a causa principal da maioría das enfermidades infecciosas emerxentes que se están estendendo por Europa.

Os virus detectados na granxa peleteira de Coruña distínguense dos encontrados na poboación aviaria en outros países europeos. Descoñécese a fonte do gromo, aínda que se supón que foron as aves silvestres as que propagaron a infección. O decano da Facultade de Veterinaria da Univerdade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Fernández, expón que é necesario tomar medidas preventivas tanto en mustélidos como en aves silvestres para detectar de maneira precoz estas enfermidades. 

“Este tipo de estudos non son matemática e nunca hai risco cero”

Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela

“Isto está a pasar en todo o mundo, en Dinamarca detectouse nunha granxa de visóns unha mutación da covid-19. Este tipo de estudos non son matemática e nunca hai risco cero”, sinala. Ademais, sostén que o cambio climático pode estar mudando a migración das aves e isto pode provocar que aparezan cepas novas en zonas novas. 

Fernández alega que a eliminación de especies descarta o risco de contaxio, pero desde o punto de vista da supervivencia animal considera que “non é a solución”. A Xunta sacrificou máis de 52.000 animais para evitar a expansión do virus en Carral e non se detectou ningún contaxio nas 12 persoas que alí traballan, aínda que fixeron corentena. Dende abril de 2020, tralo primeiro descubrimento da infección por covid-19 en mustélidos en Países Baixos, implementáronse medidas de seguridade para o persoal como cambio de máscaras faciais dúas veces ao día e lavado frecuente de mans. 

No estudo participaron os principais centros de referencia da gripe aviar, como o Istituto Zooprofilattico Sperimentale delle Venezie (IZSVe) e o Laboratorio Central de Veterinaria (LCV) xunto coa Xunta de Galicia. A investigación desliza a teoría de que os visóns poderían ser unha especie potencial para a transmisión de virus entre aves, mamíferos e persoas, polo que destaca a necesidade de fortalecer a bioseguridade na industria peleteira e promover a implementación de programas de vixilancia para este virus e outros patóxenos a nivel mundial.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios

Galicia arrinca a vacinación contra a gripe e a covid o 25 de setembro

A Consellería de Sanidade confirma que a campaña de 2023 se prolongará ata o 31 de decembro e se levará a cabo en diferentes centros