Calquera época do ano resulta interesante para visitar as paisaxes máis naturais de Galicia e contemplar a súa fauna. Moitas persoas afeccionadas ás aves, aínda que non sexan ornitólogos, percorren o territorio para descubrir que especies con plumas ofrece a rexión, seguindo incluso rutas migratorias. Para quen desexe introducirse no mundo da ornitoloxía e profundar no “cando” e “onde” observar aves, así como coñecer as especies presentes en Galicia, nace a iniciativa Galicia Birding, impulsada por Turismo de Galicia, que ofrece un amplo abanico de servizos e información neste ámbito da bioloxía.
Ademais de indicar os mellores lugares e épocas para avistar aves en Galicia, a plataforma sinala tamén os avistamentos recentes na propia páxina. Ofrece, ademais, axuda para quen quere comezar neste mundo, cunha introdución a conceptos básicos como identificar aves, comportarse correctamente durante a observación e algúns consellos prácticos.
Por exemplo, coñeces a diferenza entre ave e paxaro? Mentres que “paxaro” se emprega coloquialmente para referise a calquera ave, en sentido estrito debería usarse para a familia dos paseriformes, que inclúe dende pardais ata córvidos como a pega. Falcóns, gaivotas, cegoñas ou patos non deben chamarse paxaros.
Esta iniciativa de Turismo de Galicia resulta especialmente atractiva porque se actualiza cada mes, ensinando aos usuarios o mellores lugares para a observación de aves. Por exemplo, os avistamentos máis recentes recollidos pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) datan do 18 de novembro no Val Miñor: dous exemplares de aguia pescadora (Pandion haliaetus) na Foz do Miñor e un exemplar de ibis eremita (Geronticus eremita) na Ramallosa.
Onde avistar ás invernantes en novembro?
Segundo a páxina web de Galicia Birding, novembro convértese no mes perfecto para observar especies invernantes que chegan dende o norte. O litoral destaca como o mellor espazo para a súa observación, xa que nos humedais é habitual ver anátidas xunto con limícolas, garzas e gaivotas.
Entre as especies máis frecuentes nesta época atópanse pequenas e rápidas cerecetas, patos rabilongos, asubiadores comúns, chupóns, cristados e bastardos. Para unha experiencia óptima de avistamento en novembro, recoméndase visitar lugares como as rías de Ribadeo e Foz, a ría de Ortigueira, a lagoa de Valdoviño en Ferrolterra, O Grove, a ría de Vigo e A Guarda.
Aves acuáticas e aparicións inesperadas
As aves acuáticas comezan a asentarse nas zonas húmidas interiores, como a lagoa de Cospeito, na Terra Chá, onde destacan especialmente as cercetas comúns. Tamén se poden observar nos encoros de Abegondo-Cecebre, Fervenza e Baíñas, así como en Vilagudín e Vilasenín.
Aínda non remata a tempada de migración das aves mariñas: centos de mascatos, pardelas encapuchadas ou gaivotas tridáctilas seguen chegando e poden verse ao longo da costa.
Ao mesmo tempo, tamén se poden observar aves terrestres menos frecuentes que acaban de chegar a Galicia, como a escribenta das neves e o esmerillón, especialmente nas dunas, praias e áreas abertas do litoral. Turismo de Galicia recomenda percorrer o camiño entre cabo Vilán e a lagoa de Traba.
Algúns exemplares aínda pouco frecuentes incrementan a súa presenza respecto a anos anteriores. Por exemplo, o picafollas bilistado pode verse na contorna da praia de Mar de Fóra, un enclave perfecto preto de Fisterra. No interior, as mellores zonas inclúen áreas de campiña, onde se poden atopar tordos reais, rubios e comúns, así como pimpíns do norte.
Os imprescindibles de Galicia Birding para este mes
Como sempre, hai espazos que non te podes perder. Para Galicia Birding, este novembro destacan tres enclaves principais.
— As aves acuáticas na Guarda, O Grove, Ortigueira ou as do Burgo, Ribadeo e Foz, especialmente coa chegada dos patos.
—Fronte a lugares como Estaca de Bares, a punta do Roncudo na Costa da Morte ou Cabo Silleiro, é posible observar o paso de aves migratorias.
—Algunhas especies, como os tordos, xa se deixan ver nas áreas de campiña. Destinos recomendados inclúen a Terra Chá, A Limia, Oímbra, Monterrei e Verín, ideais para completar a experiencia.
Que preciso para observar aves?
Para comezar, o primeiro é adquirir nocións básicas para poder identificalas. Existen varios factores que axudan a recoñecelas: o tamaño, a forma, o voo, a cor ou os sons son algúns dos máis relevantes. Tamén hai que ter en conta o seu hábitat, xa que moitas especies difíciles de diferenciar fisicamente viven en contornas moi distintas. Por exemplo, hai especies semellantes que se distribúen de forma diferente nas árbores: unhas prefiren as ramas altas e outras as partes baixas.
Para a observación no terreo, un dos elementos máis importantes son os prismáticos, que permiten acercarse ás aves sen molestalas. As guías de campo tamén son fundamentais, pois achegan información detallada e ilustracións para identificar as especies. En Galicia, recoméndase a Guía das aves de Galicia de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, con ilustracións de C. Silvar. Ademais, convén levar un caderno de campo para anotar as aves vistas.
A tecnoloxía tamén pode axudar nesta actividade. Hai aplicacións móbiles que permiten consultar cartografía, reproducir cantos e reclamos das aves, facilitando a súa identificación. A fotografía é outra ferramenta útil: algúns observadores practican incluso o digiscoping, que consiste en acoplar cámaras dixitais a telescopios para obter imaxes detalladas.
A vestimenta tamén é clave, especialmente no inverno: forros polares, impermeables, gorros, guantes e sombreiros. Importante! É recomendable que sexan cores discretas para non chamar a atención das aves. Completa o equipo cunha pequena e cómoda mochila para levar auga, comida e a guía de campo. Con estes elementos e preparación, estarás listo para comezar a coñecer e gozar das aves de Galicia.
Os 10 mandamentos da observación
Na páxina web de Galicia Birding recóllense unha serie de normas básicas que deben cumprirse durante a observación de aves, para respectar ao máximo as especies, os hábitats e a contorna.
—O benestar das aves primeiro: evita calquera comportamento que poida molestalas.
—Mantén a distancia e observa o seu comportamento: deixa que descansen e se alimenten. Se amosan sinais de alarma, a mellor opción é retirarse.
—A nidificación é un momento crítico: observar niños de preto pode comprometer o éxito da cría.
—Sé prudente coas especies pouco comúns ou ameazadas: non compartas información sensible, como ubicacións de nidificación, sen responsabilidade.
—Coida da contorna: respecta a vexetación e o sosego dos espazos naturais e, sobre todo, non deixes lixo.
—Respecta as propiedades privadas: nunca entres sen permiso; utiliza camiños e carreiros públicos para observar aves.
—Respecta o gando: no rural tamén hai animais domésticos; non os molestes durante a observación.
—Cumpre as leis: coñece e respecta a normativa ambiental e de protección das especies.
—Seguridade ao desprazarte: se utilizas vehículo, segue estritamente o código de circulación e conduce con precaución.
—Involúcrate na conservación: a observación de aves proporciona satisfaccións e experiencias inesquecibles; colaborar na súa conservación é a mellor maneira de devolver o favor á natureza.

















