O teu can ignórate? Esta é a mellor forma de chamar a súa atención (segundo a ciencia)

Investigadores austríacos demostran que sinalar e mirar fixamente un obxecto é a maneira máis efectiva de que as mascotas sigan as túas instrucións

Chamas o teu can insistentemente pero mantense firme, enroscado sobre a súa manta, como se non escoitase o seu nome de forma reiterada. Pero a ciencia ten a resposta para chamar a súa atención. Un equipo da Universidade de Medicina Veterinaria de Viena colocou uns cascos de seguimento ocular a un grupo de cans e descubriu que a mellor forma de que as mascotas sigan as instrucións é sinalar e mirar fixamente un obxecto. A mirada e o xesto do coidador son útiles por separado, “pero combinados son máis fortes”, explica o autor principal do estudo, Christoph Voelter.

O equipo de investigadores austríacos colocou cascos a 20 cans para detectar exactamente cara a onde miraban segundo diferentes escenarios. Os suxeitos de proba incluíron oito cans mestizos, ademais de Staffordshire terriers, pastores australianos e caniches. Para o experimento realizado no Clever Dog Lab da universidade, cada can púxose de xeonllos fronte a un científico. Colocouse un recipiente a cada lado do investigador, e só un deles contiña unha lambetada escondida. Traballaron con cinco escenarios diferentes, seis veces cada un.

Publicidade

Os científicos sinalaban o recipiente mentres miraban o can, ou sinalaban e miraban o recipiente ao mesmo tempo, ou só o miraban. Mesmo utilizaron a clásica broma que moitos coidadores de cans lle fan ás súas mascotas: finxiron lanzar unha pelota en dirección ao cunco, mentres en realidade a sostiñan na man. As gravacións do arnés mostraron que aos cans foilles mellor cando o científico sinalou e mirou o recipiente que contiña a lambetada. Talvez non sexa de sorprender que o peor foi cando os científicos finxiron lanzar a pelota.

Pero enténdeno?

Para os investigadores, este achado apunta cara á hipótese de que os cans seguen sinais de comunicación referenciais humanas, en lugar de simplemente direccionais. Noutras palabras, os cans poderían entender o significado da información que se lles estaba dando (neste caso, unha lambetada) no canto de simplemente correr na dirección que se lles indica. Pero os investigadores tiveron coidado de non sacar conclusións apresuradas. Ata que punto os cans entenderon exactamente o que estaba a suceder é unha pregunta aberta, salientou Voelter.

Publicidade

“É para eles máis ben unha orde imperativa de ir a algún sitio? Ou enténdeno máis ben de forma comunicativa?”, pregúntase. Segundo o estudo publicado na revista Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences, sería necesaria máis investigación neste campo da pedagoxía natural. Este eido estuda como as pistas de comunicación (como sinalar e mirar un obxecto mentres o nomeamos) axudan os nenos pequenos a aprender os nomes de todo o que os rodea.

Os investigadores tamén están a estudar como funciona isto nos cans. O seguinte paso é pescudar se tamén son mellores aprendendo e memorizando cousas “cando lles falamos”, engade.


A versión orixinal deste artigo publicouse no portal ScienceAlert.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ter can durante a adolescencia favorece a saúde mental e a empatía

Un equipo do Xapón relaciona o efecto emocional con cambios no microbioma, que inflúen no comportamento e nas interaccións sociais

Da Lanzada a Barreiros: levar o teu can á praia pon en serio perigo as aves acuáticas

Un estudo da USC revela que o 98% das perturbacións ás especies costeiras foron provocadas por animais domésticos soltos

O teu can sobreviviría só na natureza?

Valerie desapareceu nunha illa australiana a onde fora de vacacións coa súa familia e 500 días despois constatouse a súa adaptación á vida salvaxe

Por que hai máis cans e menos bebés?

A ausencia de vínculos estables con outras persoas e o apoio emocional das mascotas explican por que cada vez máis xente convive con animais