Publicidade

As estradas de Galicia en dixital: un equipo da Coruña axudará a reducir a burocracia

A empresa Unayta está a traspasar todos os arquivos da rede viaria galega a un xestor de documentación en liña

Máis de 180.000 expedientes; 3,3 millóns de imaxes e 1,3 millóns de documentos. “E todo o que queda”. A consultora tecnolóxica coruñesa Unayta leva máis de seis meses dixitalizando o arquivo público das estradas de Galicia. Ten outros dous anos e medio para traspasar os datos en físico —dende 1983— a un programa de creación propia. Farao empregando a intelixencia artificial (IA) no proceso. O obxectivo é poder reducir os tempos dos trámites burocráticos neste eido, axudar a que sexa máis sostible e, nun futuro, facilitar que os cidadáns poidan realizar este tipo de consultas en calquera momento.

Esta empresa do Milladoiro acadou a adxudicación do contrato público da Axencia Galega de Infraestruturas. Cunha inversión de 1,5 millóns de euros, o proxecto implica a dixitalización e vectorización de “toda a documentación física sobre as estradas de Galicia para que sexan arquivos dixitais sinxelos e accesibles”, explica o coordinador do grupo de traballo, Brais Moares. Ademais, están a desenvolver un programa para que os funcionarios galegos poidan realizar calquera consulta de información sobre as vías, as actuacións realizadas e a súa xeolocalización, entre outros.

Publicidade

Proceso con asistencia da IA

Tras algo máis de seis meses realizando este proxecto, as cifras de documentos dixitalizados semellan grandes, “pero isto é so do arquivo da Coruña, que aínda non está rematado. Dentro de pouco comezaremos co resto das provincias para poder realizar o traballo de xeito paralelo”, explica Moares.

O proceso que realiza a empresa galega implica varias fases. “A primeira é a máis manual, xa que temos que catalogar todos os documentos segundo se son expedientes, actas ou planos, entre outros“, detalla. A seguir, dixitalizan os arquivos aproveitando para extraer os metadatos de cada un deles. “Empregamos ferramentas moi específicas para —por exemplo— escanear, xa que temos planos que poden chegar a medir máis dun metro de longo“, comenta.

Publicidade

Durante estas fases a empresa coruñesa emprega a IA para poder simplificar o traballo. “Debido a que moitos expedientes están realizados de diferentes formas, é dicir, os datos clave non sempre aparecen recollidos do mesmo xeito, estamos ensinándolle a que os clasifique e extraia a información que nós precisamos”, comenta Moares. Co tempo, o equipo de traballo espera que se poidan automatizar estes procesos e que eles só teñan que realizar un control de calidade.

Menos burocracia e papel

Con todos os datos dixitalizados, o último paso é trasladados ao xestor de documentación que a mesma empresa está a desenvolver. “Unha vez estean no programa que estamos desenvolvendo, a nosa intención é que os funcionarios poidan realizar consultas a través dunha páxina web empregando palabras clave, o cal resultará moito máis áxil á hora de realizar trámites burocráticos”, matiza o coordinador.

Entre outros usos, o coordinador do proxecto expón un exemplo do emprego do software. “Se o día de mañá se quere modificar calquera estrada que dependa da rede galega, os técnicos poden saber todas as obras realizadas nese treito, os puntos máis conflitivos e outras serie de datos con tan só introducir as coordenadas”, explica.

Deste xeito, os traballadores no terán que trasladarse fisicamente aos grandes arquivos, nin se consumirá tanto papel para estes trámites. “Malia que o programa aínda ten que pasar por filtros moi importantes da Xunta —por motivos de seguridade, instalación e demais— agardamos que poida chegar a estar dispoñible para os cidadáns. Deste xeito poderán realizar as súas propias consultas sobre as estradas galegas case en tempo real e así, non se consuma tanto papel”, conclúe Moares.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a renaturalización? A alternativa a unha paisaxe galega dominada polo eucalipto

A aprobación do informe de impacto ambiental da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei reabre o debate sobre o modelo forestal que queremos en Galicia

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica

ChatPEC: a iniciativa con selo galego que usa o sarcasmo para concienciar sobre o clima

A ferramenta en liña responde con reprimendas humorísticas para mentalizar ao público do impacto ambiental que ten a intelixencia artificial