As alerxias son un problema común, sobre todo na primavera, en moitos lugares do mundo.

Por que temos cada vez máis alerxias? Estas son as razóns

Os hábitos de vida actuais e os factores ambientais inducen unha maior presenza de axentes alerxérnicos na vida cotiá

*Un artigo de 

Unha das preguntas que nos vén rapidamenta á cabeza cando esbirramos de máis, sufrimos proído ou temos molestias dixestivas é a mesma: e serán alerxias? A resposta ten cada vez máis papeletas de ser afirmativa. Porque a realidade é que si, sen dúbida, somos cada vez máis alérxicos.

As estatísticas apuntan a que entre o 20 e o 40% da poboación mundial convive con algún tipo de alerxia. A cousa ten aspecto de empeorar porque, como prevé o Centro Europeo da Fundación para a Investigación das Alerxias (ECARF), un de cada dous bebés nados en Europa en 2020 terminará desenvolvendo ao longo da súa vida unha alerxia.

Pero por que nos sucede? Claramente débese a un fallo do noso sistema inmunolóxico. Para ser máis exactos, a unha perda da tolerancia a substancias que, a diferenza de virus e bacterias, non son patóxenos. Esa confusión fai que, a pesar de que non hai nada máis natural e inofensivo que un gran de pole, ao organismo dun alérxico polínico suponlle unha grave agresión.

Existe un interesante debate sobre se pesa máis a exposición ou a predisposición nas alerxias. Estados Unidos é un bo campo de experimentación porque contan cunha gran diversidade xenética, como receptores que son de inmigración procedente de todo o planeta. Cando se realizaron estudos en profundidade comprobouse que en toda Norteamérica existe a mesma proporción de alérxicos. O que cambia é a substancia que rexeita cada persoa. As alerxias, a pesar da súa base hereditaria, van ligadas a un estado de benestar, a unha economía desenvolvida e consumidora de recursos, como se comprobou ao unificar as dúas Alemañas.

Existe un amplo debate sobre se pesa máis a exposición ou a predisposición nas alerxias

Non é pola hixiene

Aínda que está en boga a teoría da hixiene (que tantas vidas salvou, dito sexa de paso), non comparto que o exceso de pulcritude sexa a causa do incremento das alerxias. Máis ben parece unha testemuña inocente, como nos flimes de Hitchcock. A hixiene vai ligada ao estado de benestar, e este á súa vez a cambios na atmosfera e a alimentación que son os que favorecen as alerxias.

Tamén hai que ter en conta que os parasitos dos países con menos hixiene protexen das alerxias. Ademais de que nos países desenvolvidos existen máis tóxicos que alteran as bacterias intestinais protectoras ou microbiota. Pero non é cuestión de desinfectar máis ou menos.

O cambio climático e a contaminación

Se se cumpren os prognósticos, en 2050 a metade da poboación mundial sufrirá algunha alerxia. Os ‘dedos acusadores’ sinalan ao cambio climático e a contaminación como presuntos culpables. E teñen argumentos.

Os aerosois biolóxicos xogan un papel vital nas interaccións entre a atmosfera, biosfera, clima e saúde pública. Os gases de efecto invernadoiro, a combustión de fósiles e o cambio climático que provocamos os humanos afectan a todos os seres vivos.

As bacterias transportadas polo aire, as esporas de fungos, o pole e outras biopartículas son esenciais para a reprodución e propagación de organismos de diversos ecosistemas. E poden causar ou amplificar enfermidades en humanos, animais e vexetais. A súa interacción está implicada en patoloxías graves máis aló das alerxias, incluíndo ictus, cardiopatía isquémica e cancro.

En canto á contaminación é evidente que dana o solo, afecta as sementes que germinan, ás raíces das plantas, e aos seus froitos comestibles. Tamén atenta contra os herbívoros que as comen, e que logo nos comemos nós. Arroxamos cantidades inmensas de produtos tóxicos á terra e mares que nos sustentan e logo pretendemos estar sans!

Un estudo recente realizado en 18 países europeos indica que o 33% de casos novos de asma infantil en Europa son causados pola contaminación atmosférica (pole, esporas, partículas PM10 e PM2,5) e que as recomendacións da OMS non protexen suficientemente aos nenos.

Un de cada dous bebés nados en Europa en 2020 terminará desenvolvendo ao longo da súa vida unha alerxia

A froita xa non é o que era

Logo está o asunto da alimentación. Cada vez hai máis persoas hipersensibles a alimentos e proliferan as dietas restritivas. Se os humanos levamos milenios comendo leite, ovo ou froita, como é que xusto agora deixamos de toleralos?

Moi sinxelo: porque non son o mesmo leite, nin os mesmos ovos nin as mesmas froitas que comeron os nosos avós. Nin os mesmos que comeu a nosa nai, que nos pasou a tolerancia a todo o que ela inxeriu e respirou.

Na actualidade, grazas ao desenvolvemento da biotecnoloxía, os cultivos modificáronse para incorporar proteínas de resistencia a patóxenos (virus, fungos, bacterias), aumentar o seu rendemento, poder conservalos en cámaras ou facer que as súas sementes xerminen sen que os fungos nin os insectos do chan as devoren. Esas proteínas que a eles lles serven de escudo protector son unha arma de dobre fío. Porque connosco compórtanse como os alérxenos máis agresivos.

Sabémolo porque desde hai moitos anos traballamos con investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade de Valladolid estudando o poder alerxénico dos alimentos, sobre todo sementes e froitas. A poboación pensa que os vexetais son os alimentos máis naturais, argumento polo que cada vez vemos máis veganos e vexetarianos. Con todo, é en froitas e verduras onde se atopan os alérxenos máis agresivos.

Alerxias ao pexego, pero non ao cabelo de tigre

Despois de todo, non hai que obviar que canto máis distante esteamos dun ser vivo, dun taxón determinado, máis distinto e tamén máis alerxénico será. Un home é máis parecido a un tigre que a un artrópodo, por exemplo. Por tanto, é máis alerxénico o último.

Os números falan por si sós. Din os informes que nos últimos 10 anos a alerxia a froitas incrementouse un 34%. E que a familia das rosáceas, e en concreto o pexego, son os causantes do 25,7% das alerxias a alimentos en España. Das reaccións graves provocadas por alimentos en España, o 44,7% son producidas por froitas e sementes, e delas o 60% por sensibilización a LTPs (do inglés Lipid Transfer Proteins). É dicir, antifúnxicos naturais das froitas e sementes que as protexen fronte a fungos e outros parasitos e que son, á súa vez, potentes alérxenos.

Talvez debiamos ensinar ao sistema inmune a tolerar alimentos alerxénicos desde o período de lactación. Un estudo realizado polo King’s College de Londres demostrou que se pode reducir nun 80% as alerxias ao cacahuete en nenos se o consomen regularmente desde o primeiro ano de vida. E o mesmo pode pasar co ovo.

Aínda que se pode lograr tolerancia introducindo o alimento alerxénico máis tarde (inmunoterapia con alimentos), sempre será mais arriscado.


* Alicia Armentia Medina é Catedrática de Alerxias no departamento de Medicina da Universidade de Valladolid e xefa do servizo de Alerxias do Hospital Universitario Río Hortega.

Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.