Imaxe ao microscopio da bacteria
Imaxe ao microscopio da bacteria "Helicobacter pylori". Fonte: Yutaka Tsutsumi.

Hai un 50% de opcións de ter esta bacteria no estómago, e ás veces dá problemas

Estudos recentes volven salientar o impacto da "Helicobacter pylori" na saúde, aínda que moitas veces fica toda a vida sen causar danos

As bacterias levan habitando o planeta e resistindo para sobrevivir desde moito antes de que calquera ser parecido a un animal comezase a camiñar sobre a Terra. Hoxe seguen convivindo connosco, son básicas para o correcto funcionamento do noso organismo e tamén do conxunto do planeta. Entre elas, hai unha bacteria que, pola súa gran presenza na poboación mundial, pode ata explicar, por exemplo, como foron as migracións do ser humano hai miles de anos. A Helicobacter pylori, un microorganismo que ten forma de hélice nun dos seus extremos (de aí o seu nome) e que vive nas paredes do estómago, está presente na metade dos seres humanos, e é un dos axentes patoxénicos máis comúns do mundo.

Nas últimas semanas, dúas investigacións volveron poñer sobre a mesa a relevancia desta bacteria na saúde. Un traballo de científicos cataláns e italianos, o primeiro que intenta cuantificar e explicar en España a mortalidade por cancros cuxa orixe son infeccións por virus ou bacterias, salientou o impacto da H. pylori na presenza de tumores, sobre todo de estómago, pero tamén de esófago e outras partes do aparello dixestivo. A investigación atribúe a un 8% das mortes por cancro en España entre 2013 e 2017 os provocados por axentes infecciosos. E deste 8% (en números absolutos máis de 9.000 persoas) case a metade tiñan como responsable principal a devandita bacteria.

Un estudo atribúe a infeccións por virus e bacterias o 8% das mortes por cancro

Por outra banda, o novo Atlas Nacional de Mortalidade expuxo sobre a mesa un moi elevado risco de morte por tumores de estómago en Galicia, sobre todo nas Rías Baixas. Ademais do maior consumo de salgaduras, propio destas zonas, algúns expertos consultados por GCiencia puxeron sobre a mesa a posibilidade (non a evidencia) de que unha maior prevalenza da H. pylori nestas zonas garde relación cun meirande risco de que xurdan este tipo de tumores.

O do cancro é o problema máis preocupante, pero a bacteria tamén se manifesta noutras doenzas gastrointestinais. É así como moita xente descobre que a ten, xa que en moitos casos o propio sistema inmunitario mantén á raia ao microbio, e noutros casos pode pasar toda a vida sen que se manifeste. Moitas veces, cando a persoa acode ao centro de saúde con síntomas dunha doenza gástrica é cando as análises (a través da proba de anticorpos nas feces ou do bafo, debido aos gases que produce a bacteria) revelan a presenza deste microorganismo.

Adoita adquirirse na infancia por vía oral no ambiente familiar, ou mesmo durante o embarazo ou a lactancia, ou a través de augas infectadas (sobre todos nos países menos desenvolvidos). Co envellecemento, ou ben por determinados factores xenéticos e a posible aparición de deficiencias inmunes, a probabilidade de que xere problemas de saúde aumenta.

Fases de infección da Helicobacter Pylori: 1: penetra na capa do estómago e adhírese ás paredes; 2: neutraliza os ácidos gástricos; 3: incrementa a súa presenza e proliférase no foco de infección; e 4: desenvólvese a lesión ulcerosa, destruíndo a mucosa. Créditos: Tambe / CC BY-SA 3.0.
Fases de infección da Helicobacter Pylori: 1: penetra na capa do estómago e adhírese ás paredes; 2: neutraliza os ácidos gástricos; 3: incrementa a súa presenza e proliférase no foco de infección; e 4: desenvólvese a lesión ulcerosa, destruíndo a mucosa. Créditos: Tambe / CC BY-SA 3.0.

Como actúa

Desde Galicia, o grupo que dirixe a profesora Concepción González Bello no CiQUS de Santiago investiga no desenvolvemento de novos fármacos que poidan combater este microbio. “É unha bacteria que desenvolveu unha estratexia moi intelixente, de aí unha das explicacións á súa gran prevalenza”, explica González Bello. “O estómago é un ambiente moi especial, moi ácido, pero a pesar diso a Helicobacter é quen de resistir. Pégase ás paredes do estómago e comeza a destruír a mucosa protectora, desencadeando os problemas de saúde”.

En 2016, o grupo compostelán publicou na revista Journal of Medicinal Chemistry un artigo no que describían o potencial de novos compostos deseñados no seu laboratorio para afrontar as infeccións desta bacteria. Estas substancias conseguiron bloquear a acción dunha encima, a siquimato quinasa, que a bacteria emprega para xerar por ela mesma os compoñentes necesarios para medrar e propagarse.

Científicos galegos investigan novas estratexias para combater a infección causada polo microbio

Xa levaban anos, e hoxe seguen traballando na mesma liña, para mellorar as estratexias contra un organismo duro de rillar. Á fortaleza propia deste axente infeccioso engádese un dos maiores desafíos para a saúde pública nos vindeiros anos: a resistencia aos antibióticos. “Hoxe en día adoita utilizarse un tratamento bastante forte, un cóctel de tres antibióticos con algúns efectos adversos, e o coñecido de inhibidor da bomba de protóns. Pero temos que buscar alternativas máis efectivas, menos daniñas e que poidan anticiparse á aparición de resistencias que xa están xurdindo en porcentaxes importantes nalgunhas rexións do mundo, e niso estamos”, explica a profesora da USC.

Porén, a dificultade da transferencia dos resultados ao mercado e, por tanto, á clínica, dificulta o seu uso nas persoas afectadas. “Entre os lóxicos protocolos de seguridade e fases de ensaios e a falta de recursos, custa avanzar neste camiño”, lamenta González Bello.

Unha bacteria de Nobel

Desde que hai case 40 anos Barry Marshall e Robin Warren publicaran o achado da H. pylori, despois do traballo xa realizado anteriormente por outros investigadores como Bizzozzero ou Jaworski, o estudo deste microbio foi ofrecendo resultados moi sorprendentes. A través da análise das diversas cepas que existen, por exemplo, pode determinarse de onde vén un determinado núcleo de poboación, tal e como explica Antonio Martínez Ron nun artigo en Cuaderno de Cultura Científica: o achado dunha cepa en momias atopadas en Sudamérica valeulle aos científicos para corroborar a hipótese da chegada do ser humano ao continente americano a través do estreito de Bering. Aínda hoxe en día, hai unha diferenza significativa na poboación sudamericana: mentres que os indíxenas teñen unha cepa asiática da bacteria, os descendentes dos colonizadores europeos posúen outra cepa, a procedente do Vello Mundo.

En 2005, Marshall e Warren recibiron finalmente o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía por descubrir a relación da bacteria cos procesos infecciosos gástricos. Ata entón pensábase que as úlceras eran cousa do estrés, algo que permaneceu durante bastante tempo despois no imaxinario colectivo.

O método que Marshall levou a cabo para demostrar que a bacteria estaba detrás da gastrite foi tan temerario como efectivo: bebeu un preparado cun cultivo de H. pylori e o microbio fixo o seu efecto. O científico padeceu fortes dores, vómitos e diarrea, pero confirmou a súa hipótese.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.