Un estudo atribúe a infeccións por virus e bacterias o 8% das mortes por cancro

Científicos cataláns e italianos expoñen que as infeccións causadas por bacterias como H. pylori e diversos virus inflúen na aparición dos tumores

Desde hai tempo, a ciencia explora a posibilidade de que determinadas infeccións por virus e bacterias estean detrás dalgúns tipos de cancro. Alén dos moi citados factores de risco, como o tabaquismo e o alcolismo, a mala alimentación, o sedentarismo e o propio azar xenético, a influencia de bacterias como a Helicobacter pylori na aparición de tumores dixestivos preocupa aos investigadores. Neste aspecto céntrase un estudo que acaban de publicar na revista Medicina Clínica científicos cataláns e italianos, e que conclúe que un 8,3% das mortes por cancro en España no período 2013-2017 se poden atribuír a axentes infecciosos.

O traballo, que recolle Materia, apunta a que un 48,3% destas mortes atribúense á H. pylori, mentres que ao sumar outros tres axentes, como o virus da hepatite B e C e o virus do papiloma humano, estes catro factores representan o 96,8% dos falecementos por esta causa. En números absolutos, 9.115 persoas faleceron en España nese tempo por cancros desencadeados por virus o bacterias.

O traballo foi dirixido polo equipo de Josep Maria Ramón, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge. “É o primeiro estudo realizado en España que intenta cuantificar e explicar a mortalidade por cancros cuxa orixe son infeccións”, explica Ramon. A H. pylori está presente no organismo de máis da metade das persoas en España, que pode manterse no corpo sen xerar ningún efecto, pero tamén causar úlceras e mesmo cancro gástrico.

No tocante á incidencia (o estudo só se centra na mortalidade), Ramón apunta a que os tumores con orixe infecciosa poden estar arredor do 12 ao 16% do total.

Alén dos tumores do aparello dixestivo, o traballo afonda tamén nos cancros de fígado causados polo virus da hepatite B e C (que se contaxia polo sangue e algunhas prácticas sexuais de risco). Tamén se pon o foco no virus do papiloma humano, que causa unha gran maioría dos tumores de colo de útero, e que poden previrse a través da vacinación.

Cinco razóns para confiar na vacina contra o virus do papiloma humano

Con todo, os autores salientan que este 8% é menor ao risco demostrado por outras causas, como o tabaquismo, que está detrás das mortes dunha gran porcentaxe de tumores de pulmón, esófago, estómago ou fígado.


Referencia: Mortalidad por cáncer atribuible a infecciones en España (Publicado en Medicina Clínica).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A loita contra a resistencia antimicrobiana: “As vacinas reducen o uso de antibióticos”

Un informe advirte que a farmacorresistencia causa máis de 1,3 millóns de mortes a nivel mundial, cifra que podería chegar a 10 millóns para 2050

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión