Ao principio, as farmacéuticas e a comunidade científica non creron a Harald zur Hausen. Este investigador alemán sempre estivo convencido de que o cancro de colo de útero estaba causado por unha infección por virus. Enfrontouse ao dogma e gañou. En 2008 recibiu o premio Nobel polas súas investigacións, nas que demostraba que case todos os cancros de cérvix eran causados polo virus do papiloma humano (VPH). Hoxe, grazas ao desenvolvemento da vacina contra o VPH, máis de 100 millóns de nenas en todo o mundo están libres de padecer a doenza.
A infección xenital polo VPH é a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente no mundo e o cancro de colo de útero é o segundo máis frecuente entre mulleres. Segue producindo 200.000 mortes cada ano, sobre todo nos países pobres. En España hai uns 2.000 casos anuais, que acaba causando entre 700 e 800 mortes: un mínimo de dúas mulleres mortas cada día. E hai unha vacina para evitar isto; algo que non se pode dicir con outros tipos de cancro.
1. É o método máis seguro
Cando en plena epidemia da sida en África, o Vaticano e o resto de líderes relixiosos ofrecían como remedio contra o contaxio a abstinencia sexual, case todo o mundo botaba as mans á cabeza. Non en tanto, hoxe non son poucas voces as que, para ofrecer alternativas á vacinación, avogan por evitar as relacións sexuais para non contraer o VPH. Non é, para nada, a opción máis acertada.
Na súa visita a Santiago, no Programa Conciencia en 2014, o propio Zur Hausen defendeu a vacina como o mellor método de prevención. Engadiu iso si, que “non só se debería vacinar as nenas senón tamén aos nenos“, xa que os homes son os principais transmisores do virus e hai exemplos de cancro, como os de ano ou pene, causados polo papilomavirus en varóns.
O Nobel Harald zur Hausen recomenda estender sempre a vacinación aos nenos, xa que os homes son os principais transmisores do virus
Ademais de ser o máis seguro, é tamén o máis barato. O científico alemán sostén que o custe da vacina é insignificante, comparado co custe do tratamento de cancro, ademais das consecuencias psicolóxicas, sociais e físicas de padecer a enfermidade. Zur Hausen engade que, aínda que só un 5% das mulleres infectadas polo papilomavirus chegan a desenvolver cancro, a infección tamén ten consecuencias sanitarias menos graves, todas elas evitables coa vacina.
2. O preservativo e a citoloxía non son garantía de evitar o contaxio
Así como o preservativo é un bo método anticonceptivo, non é unha ferramenta totalmente segura contra o contaxio do VPH e outras enfermidades de transmisión sexual. Segundo o Comité Asesor de Vacinas da Sociedade Española de Pediatría (SEP), “só o evita nun 60-70% dos casos, xa que a transmisión do virus pode producirse tamén en zonas non cubertas polo preservativo, ou previamente á súa colocación”.
Respecto á citoloxía, está demostrado que o cribado reduce a morbilidade e a mortalidade por cancro de cérvix no 75% dos casos. Porén, sinala a SEP, “desafortunadamente en España o cribado do cancro de cérvix é, na súa maioría, oportunista, e con estratexias diferentes dependendo da comunidade autónoma, polo que non se superou o 60% de cobertura nos últimos cinco anos”.
3. Non ten máis efectos adversos ca outras vacinas
Estímase que xa se administraron no mundo 300 millóns de vacinas contra o VPH. O mesmo Comité Asesor de Vacinas da SEP expón que estas inmunizacións “demostraron ser seguras, cun balance beneficio/risco moi favorable, polo que as principais institucións sanitarias internacionais continúan apoiando a vacinación sen reticencias.
Os movementos que cuestionan a súa seguridade aluden ao caso de Xapón, onde se suspendeu en 2013 a recomendación da vacina. O que aconteceu foi que os medios recolleron un estudo, feito en ratos, que advertía de supostos efectos adversos debido á inmunización contra o VPH. En xaneiro de 2014, un comité de expertos desbotou as conclusións do estudo, e concluíu que non había relación causa-efecto entre os danos. Porén, debido á gran alarma que se xerou, non se recomendou de novo activamente a vacinación, pero si se financia ás familias que a solicitan.
4. Non hai miles de casos graves e mortes debido a esta vacina en concreto
“801 mozas sufriron graves danos provocados pola vacina do papiloma en Francia”; ou “352 mortes pola vacina do papiloma notificadas ante a Axencia Europea de Medicamentos” son algúns dos titulares que se poden ler cunha busca rápida en Google sobre os supostos efectos adversos da vacina. No caso das 352 mortes, non existe ningún documento que apoie a alarma xerada pola suposta relación entre esas mortes e a vacina.
E no caso dos 801 casos graves, a información cita un informe da Axencia de Medicamentos de Francia. Porén, ao ler o documento (aquí, en PDF) vese que os efectos aparecen en porcentaxes semellantes a calquera outra vacina. A maioría dos trastornos que se consideran graves, vinculados a alteracións do sistema nervioso e problemas cutáneos, teñen que ver, ou ben coa susceptibilidade dalgúns inmunizados ao recibiren calquera vacina, ou ben con reaccións na pel e nos tecidos que xa aparecen contempladas nos posibles efectos adversos de todo tipo de inmunizacións, non só nesta.
Fálase tamén da narcolepsia. Pero ao ler o propio texto da axencia francesa, dise que estos “os elementos son insuficientes para concluír unha posible relación”.
5. O exemplo de Australia
A illa foi pioneira na introdución da vacina contra o VPH no calendario de inmunización. En 2007 comezou a administrárselle ás nenas, e pouco despois aos nenos. Once anos despois, os resultados son moi esperanzadores: só se rexistran hoxe 7 casos de cancro de colo de útero por cada 100.000 mulleres; a metade da media mundial. Porén, é precisa a cautela, xa que cómpre agardar aínda bastantes anos para confirmar a tendencia.
O obxectivo das autoridades australianas é que para 2022 haxa menos de seis casos por 100.000 mulleres, o que pasaría a catalogalo como enfermidade rara pola súa baixa incidencia. E para 2035, agardan confirmar que son o primeiro país do mundo en erradicar este cancro no seu territorio.
Con todo, a outra cara da moeda está nos países subdesenvolvidos, con altas taxas de contaxio de VPH e, por tanto, de casos de cancro de cérvix. En Sudamérica e África, como evidencia este mapa, aínda queda moito por facer. E a vacina parece, por agora, a opción máis acaída para salvar vidas.
