A eurodeputada Lidia Senra volve facer campaña contra as vacinas

.
.

Un ano despois de coñecerse que presentara unha pregunta no Parlamento Europeo na que cuestionaba a seguridade das vacinas, a eurodeputada Lidia Senra volve facer campaña contra as vacinas, pese á chuvia de críticas que lle caera na anterior ocasión. Nesta ocasión, porque organiza o vindeiro día 15 no MARCO de Vigo a xornada “Mulleres e saúde”, na que aparece, como unha das poñentes, Alicia Capilla, presidenta da Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma (AAVP).

Segundo informa a propia web de Lidia Senra e recolle La Voz de Galicia, a charla da presidenta de esta asociación servirá “para explicar as consecuencias que ten tido esta vacina e o traballo que está a desenvolver este colectivo”. A entidade esixe, tal e como se pode ler na súa páxina, “a retirada da vacina VPH, xa que non existe xustificación algunha para que mozas sas sufran riscos innecesarios, cando se dispón de medidas preventivas, eficaces e seguras, como a citoloxía, o preservativo e a educación sexual”.

Os efectos secundarios graves da vacina son “extraodinariamente raros”, sinala a Sociedade Española de Pediatría

Neste senso, a AAVP vincula varias mortes de rapazas nos últimos anos a teren recibido esta vacina, aínda que en ningún caso se puido demostrar a relación entre a inmunización e o falecemento. Un dos casos máis coñecidos foi o dunha moza de Valencia que faleceu debido a unha esclerose lateral amiotrófica (ELA), e que nesta entidade relacionan, sen ningún tipo de evidencia científica, con ter recibido a vacina do VPH.

Un cancro que causa 266.000 mortes cada ano

O virus do papiloma humano transmítese por vía sexual e pode chegar a causar cancro de colo de útero, o cuarto máis frecuente no mundo entre os que afectan a mulleres. Segundo a OMS, en 2012 produciu 266.000 mortes e 528.000 novos casos. A maioría destas mortes prodúcense en zonas subdesenvolvidas, onde o de colo de útero chega a supoñer o 12% de todos os cancros femininos. O virus pode causar tamén outros tipos de cancro de ano e xenitais, tanto en homes como en mulleres. Na actualidade comercialízanse dúas vacinas: bivalente e tetravalente. Os datos recollidos por todo o mundo e as revisións científicas e clínicas realizadas amosan que as dúas son seguras. E, sobre todo, efectivas.

Australia, un dos primeiros países en incluír a vacina contra o VPH no seu calendario de inmunización, vacinou a máis do 70% da súa poboación adolescente, para estar protexidos antes das súas primeiras relacións sexuais. Como resultado disto, xa se observaron reducións significativas das infeccións. Ata un 86% menos de contaxios para quen recibiron tres doses da vacina, e do 76% para quen recibiu 2, entre os mozos e mozas de 18 a 24 anos.

Australia está a piques de erradicar o cancro causado polo VPH grazas ás campañas de vacinación

En marzo deste ano, grazas ao traballo de inmunización realizado, a Sociedade Internacional do Papilomavirus anunciou que Australia estaba a piques de convertese no primeiro país do mundo en erradicar o cáncer de cérvix causado polo VPH, segundo informou The Guardian.

‘A medicina non cura todo, pero as pseudociencias non curan nada’

O Comité Asesor de Vacinas da Sociedade Española de Pediatría sinala que “o risco de que esta vacina produza un efecto adverso grave é extraordinariamente raro”, e “as únicas reaccións adversas comúns son a dor e entumecento no lugar da inxección, e lixeiros episodios de febre. As contraindicacións son comúns ás doutras vacinas: en caso de episodios previos dunha reacción alérxica grave ou cunha enfermidade importante.

Resposta política

Por agora, as formacións políticas polas que Lidia Senra concorreu ás eleccións europeas de hai cinco anos non se pronunciaron ao respecto. Si reaccionaran o ano pasado, desmarcándose das afirmacións que Senra facía na súa pregunta as autoridades comunitarias. Tanto Anova (que propuxo a Senra como eurodeputada dentro da lista apoiada por AGE) como En Marea e Esquerda Unida emitiron cadanseu comunicado.

Alén da intervención da entidade que cuestiona a vacina do VPH, a xornada recolle tamén charlas que abordan as dificultades coas que se atopan as mulleres na atención do sistema público de saúde. Falarase tamén de asuntos como o cribado de cancro de mama e a violencia obstétrica.

 

1 comentario

  1. Para ser precisos, a Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma (AAVP) non esixe “a retirada da vacina” contra o virus do papiloma humano; o que pide é a “retirada da vacina do calendario recomendado en España”.
    Iso non quita que Lidia Senra navegue por augas procelosas e meta a pata ata o colo d espois de recuncar, como ben dicides no mesmo erro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.