Rápida reacción de tres das agrupacións do espectro político ao que representa Lidia Senra no Parlamento Europeo, despois da pregunta escrita da deputada na que cuestionaba a seguridade das vacinas e das súas declaracións a GCiencia sobre este mesmo punto. Tras a vaga de reaccións que se produciron esta fin de semana arredor do tema, Anova (que propuxo a Senra como eurodeputada dentro da lista apoiada por AGE, aínda que non é militante da formación), En Marea (confluencia á que pertence Anova) e Esquerda Unida (que compartiu lista con Senra nas eleccións europeas de 2014) desmarcáronse da posición da deputada galega.
Anova emitiu un comunicado no que di que “non comparte“ a iniciativa de Senra. Sinalaron que a pregunta “non foi consultada nin é compartida” pola organización, e pediu a Senra “que non se insista nunha liña de decisións individuais non compartidas con ningunha das organizacións que promoveron a súa candidatura”.
saude/lidia-senra-vacinas/
Anova tamén defendeu no seu comunicado a eficacia e seguridade das vacinas, destacando que supuxeron “un avance notorio na saúde pública, na medida en que conseguiu erradicar ou minimizar ostensiblemente a transmisión de enfermidades infecciosas que, noutro tempo, foron mortais ou indutoras de graves secuelas”. E engadiron que “unha redución significativa na porcentaxe de vacinacións do sistema público sería un risco evidente non só para as persoas que o deixasen de facer, senón tamén para a sociedade en xeral, polo que non se debe alentar tal feito”.
E aínda que Anova recoñece que “a influencia da industria farmacéutica e dos seus intereses meramente mercantilistas non se pode obviar”, din que “este argumento non nos pode levar a consideraras vacinas como elementos prescindibles para a saúde pública”.
En Marea e IU tamén marcan distancias con Senra
En Marea, confluencia á que pertence Anova, negou calquera relación orgánica con Senra e desmarcouse de igual xeito da súa iniciativa e as posteriores declaracións. A formación “non comparte en absoluto a posición política e científica que sustenta a iniciativa parlamentaria descrita”, e engade que “esta deputada non está ligada organicamente a En Marea como parlamentaria nin en modo ningún a súa iniciativa representa a posición política de En Marea”.
E do mesmo modo, a coalición defendeu a importancia da inmunización. “En Marea parte da evidencia científica de que as vacinas salvan vidas e evitan enfermidades, ate o punto de acadaren erradicar do planeta doenzas que outrora foran letais para a humanidade”, e engade que “forman parte esencial das políticas preventivas de saúde pública, e apoia publicamente, como fixo esta mesma semana no Parlamento de Galicia, o día 5 de decembro, as campañas de vacinación preventiva da poboación”.
EU di que Senra “desvinculouse unilateralmente” hai un ano da súa delegación europea
Pola súa parte, Esquerda Unida e IU publicaron outro comunicado conxunto no que se desmarcan “por completo” da pregunta presentada por Lidia Senra. “Parécenos un erro ao expresar unha opinión sen rigor algún e unha irresponsabilidade ao alentar unha iniciativa que persegue a redución da porcentaxe de vacinacións desde o sistema de saúde pública”. Na mesma liña que Anova, subliñaron que “moitas das accións da industria farmacéutica son reprobables ao atender estritamente aos seus intereses económicos en lugar de ao interese xeral, non por iso se poden obviar os grandes beneficios en clave de saúde pública que supón o seu uso e que desde EU vimos defendendo desde hai anos no noso programa electoral”.
E para concluír, aínda que Senra segue sendo membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, no que tamén están IU e Podemos, EU quixo sinalar que que a deputada galega “desvinculouse unilateralmente da nosa delegación hai un ano”, e fala dun “caso de transfuguismo“.