O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) incorpora como novo investigador a Cristóbal Pérez, especialista en química física e espectroscopía molecular. O científico únese ao centro a través do programa Oportunius da Xunta, unha iniciativa destinada a atraer e consolidar talento investigador de excelencia no sistema galego de I+D+i. Pérez creará o seu propio equipo no CiQUS, onde impulsará unha nova liña estratéxica en instrumentación e análise molecular avanzada.

O investigador, procedente da Universidade de Valladolid, desenvolve unha traxectoria recoñecida internacionalmente no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos.

Publicidade

Ao longo da súa carreira, foi beneficiario dalgunhas das axudas máis competitivas do panorama científico, entre elas contratos Juan de la Cierva e Ramón y Cajal, unha Ikerbasque Research Fellowship, unha bolsa Alexander von Humboldt e unha axuda Beatriz Galindo Sénior. Ademais, realizou estadías de investigación nos Estados Unidos (Universidade de Virxinia) e en Alemaña (Instituto Max Planck). En 2023 obtivo unha ERC Consolidator Grant para desenvolver HYDROCHIRAL (2024–2029), proxecto que continuará agora no CiQUS e que investiga o papel da auga nos procesos de recoñecemento quiral, unha cuestión central en química e bioloxía.

Novas colaboracións

Dende o CiQUS aseguran que a chegada de Pérez traerá consigo “novas capacidades experimentais” para o centro. “A espectroscopía de rotación, pola súa extraordinaria sensibilidade á estrutura molecular, abre a porta a colaboracións con grupos que necesiten unha determinación estrutural precisa”, sinala Pérez. Máis aló de consolidar a súa propia liña de investigación, o investigador incorpórase coa vontade de estreitar lazos con outros grupos do centro, con actores do tecido produtivo galego e de reforzar redes internacionais xa activas.

Publicidade

Pérez destaca ademais que HYDROCHIRAL permitirá introducir instrumentación pioneira nesta técnica e xerar novas sinerxías. “Desenvolvemos métodos innovadores para detectar a quiralidade molecular, capaces de achegar información detallada sobre a disposición tridimensional dos átomos en sistemas moleculares, un aspecto esencial na síntese asimétrica”, engade.

O CiQUS defende que a incorporación de Pérez reforza a proxección internacional do centro, a capacidade para atraer perfís científicos altamente competitivos e a súa aposta por fomentar investigación interdisciplinaria na fronteira do coñecemento. Co novo investigador, o centro da USC suma xa nove Oportunius dun total de 25, o que o sitúa como principal beneficiario do programa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos