Publicidade

As proteínas de orixe vexetal chamadas a mudar a industria alimentaria

Unha investigación do CSIC demostra que as leguminosas endémicas poden rachar coa dependencia dos mercados estranxeiros para gandaría e consumo humano

Nas cinco últimas décadas, o sector agrícola do Estado asiste a un declive sen precedentes no cultivo de plantas leguminosas. Malia ser historicamente un produtor fundamental no contexto europeo de variedades de fabas, chícharos, lentellas, xudías e garavanzos, os cambios nos modos de consumo da poboación xeral e a influencia dos produtores estranxeiros de soia, deixaron en mínimos a produción nacional de proteína vexetal. 

Tanto é así que o déficit europeo deste tipo de proteínas ronda o 70%. Unha das razóns fundamentais que explican esta dependencia de mercados estranxeiros é o inxente consumo de soia por parte da gandaría porcina e de vacún, especialmente en territorio galego. A importación de pensos con fortes composicións proteicas e a incapacidade das granxas para autoabastecerse con forraxe de millo e herba fai que o primeiro sector sexa especialmente sensible a situacións inflacionistas como a actual. As subidas nos prezos das materias primas puxo contra as cordas as explotacións gandeiras, básicas na economía galega e na fixación de poboación nas contornas rurais.

Publicidade

Este foi un dos motivos que levou ao grupo de investigación Proteinlegtratar de demostrar que unha cadea de produción axeitada de plantas leguminosas endémicas poden transformar o sector agrícola galego e español. E non só a nivel gandeiro. Os novos hábitos de consumo das sociedades contemporáneas abriron a porta a dietas veganas e vexetarianas que teñen como eixo a proteína vexetal.

“Queremos demostrar que a península ten unhas condicións excepcionais para plantacións de leguminosas”

MARTA SANTALLA, científica da Misión Biolóxica

“É evidente que en España abandonáronse os campos de cultivo de leguminosas. Nós queremos demostrar que a Península ten unhas condicións excepcionais para este tipo de plantacións e que iso pode xerar emprego e independencia dos mercados internacionais”, argumenta Marta Santalla, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas. Canda ela, empresas privadas do sector agrogandeiro e institucións públicas levaron a cabo un proxecto de desenvolvemento de proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e o procesamento sostibles de cultivos de leguminosas. Este xoves en Santiago de Compostela, presentaron os seus resultados na xornada Va de Agro, organizada por Feuga.

Publicidade

Cultivo sostible e innovador

O obxectivo principal, explica Santalla, é acadar “o desenvolvemento de novas fontes de alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible e innovador de variedades tradicionais de leguminosas”. “A Guerra de Ucraína aprendeunos que non podemos basear esta parte da nosa economía en importacións”, reflexiona. Para logralo aspiran a tres obxectivos clave. Primeiro, desenvolver cultivos innovadores, rendibles e eficientes no uso de recursos. Tamén mellorar a calidade e a cantidade de proteínas de cada cultivo. E, por último, “desenvolver produtos alimenticios de orixe vexetal ricos en proteínas, saborosos, saudables e atractivos, para alimentación humana e animal”.

Pero Santalla e o seu equipo non son alleos ao contexto ecolóxico actual especialmente marcado polas consecuencias do cambio climático. Por iso, un dos primeiros pasos que deron foi facer unha selección das variedades tradicionais mellor adaptadas a cada entorno. Sobre elas, tratan de mellorar a súa produtividade sempre con “enfoques sostibles de produción”. E é aí onde entran a colaboración coas iniciativas privadas para o deseño de novos alimentos ricos en proteínas vexetais para alimentación humana e animal. De feito, a investigadora do CSIC explica que hai empresas adicadas á elaboración de procesados vexetais, outras fabricadoras de pensos e incluso outras encargadas máis da parte hortícola encargadas de producir sementes. Logo diso, e cos prototipos sobre a mesa, o grupo Proteinleg encárgase do proceso de validación para contrastar a valía destas alternativas á proteína animal e, principalmente, á soia.

Diversidade xenética

O traballo indispensable destes investigadores baséase, xa que logo, en mellorar a eficiencia e a estabilidade da produción agrícola mediante o uso óptimo da diversidade xenética de cultivos de leguminosas dispoñibles na súa colección. Un traballo que están a facer ao longo de todo o Estado, aínda que as catro provincias galegas teñen unha presencia significativa no proxecto xunto a Madrid, A Rioxa, Navarra e Almería.

Sobre o terreo, os pasos que seguiron foron a elección de variedades de leguminosas con potencial de adaptación ás diferentes zonas climáticas. Unha vez escollidas, tiveron que caracterizalas agronomicamente para avaliar o seu rendemento en diferentes localizacións. Dende aí, seleccionaron as variedade mellor adaptadas para logo avalialas tamén en diferentes condición ambientais e sometelas a estreses abióticos. E logo dese último paso de comprobación, caracterizaron as mellores para xa aplicalas na cadea alimentaria humana e animal.

A potencialidade agrícola

As plantacións de leguminosas non só poden transformar o sector primario galego en canto a produción. Acontece que este tipo de cultivos teñen unha baixa necesidade de fertilizantes e, de feito, axudan a fixar nitratos nos solos. Esta capacidade é chave no contexto do agro dun país cunha grande presenza gandeira e que padece un problema capital sobre a xestión dos xurros. Combinando esas dúas potencialidades, o cultivo de leguminosas pode incrementar a produción en cultivos rotativos e diminuír a degradación das terras agrícolas. Ademais, se se pon o ollo no consumo humano, a dieta baseada en proteína vexetal favorece un baixo índice glucémico, un bo perfil antioxidante e axuda á capacidade do corpo de reter auga e absorber graxas.

Toda a información detallada deste proxecto de investigación foi presentada este xoves en Va de Agro, na sede de Feuga, no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo da xornada fo presentar, nun formato dinámico e interactivo, diferentes redes temáticas, proxectos piloto e multiactor, xunto con proxectos de innovación executados por grupos operativos; iniciativas creadas co fin común de promover novos proxectos e actividades nos sectores agroalimentario e forestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos sensores microelectrónicos axudarán á detección temperá de incendios

Tres centros do CSIC participan no desenvolvemento dunha rede inhalámbrica que detecta gases durante as primeiras fases dun lume

Un equipo galego aposta por residuos de alfábega para mellorar a conservación de alimentos

O traballo ten como obxectivo crear antioxidantes naturais que atrasen a oxidación lipídica de peixes e mariscos

Reconectan a medula espiñal totalmente seccionada dunha rata con escumas de grafeno

O traballo demostra o potencial do material e abre novos camiños de investigación cara á cura de pacientes parapléxicos

Galicia rexistra o primeiro caso da península dunha lagarta que se alimenta de néctar

Dous científicos documentaron o fito na especie 'Podarcis lusitanicus' durante unha observación en Porto do Son no verán pasado