É ‘riquiño’ unha palabra galega? A academia di que non

A RAG asegura que é un termo "certamente popular" pero que pode considerarse "pseudogalego" porque se forma a partir dun vocábulo castelán

A palabra 'riquiño' non aparece no dicionario da RAG. Crédito: RAG
A palabra 'riquiño' non aparece no dicionario da RAG. Crédito: RAG

A palabra riquiño é unha das máis identificativas do galego? Probablemente si. Quen non a empregou para describir a un compañeiro de traballo, a un familiar ou a un amigo? E non só iso. É, case con toda seguridade, unha das primeiras palabras que aprenden as persoas que se achegan ao idioma. Intégrana no seu vocabulario para designar a alguén con encanto, sobre todo se é un neno. Pero tamén hai falantes que a empregan para describir a quen non é nin guapo nin feo. Se quixeramos precisar máis polo miúdo o seu significado, que mellor maneira de conseguilo que facendo uso do dicionario da Real Academia Galega (RAG). Non obstante, cando introducimos riquiño no buscador, non aparece ningún termo. É posible que non sexa unha palabra galega?

Esa foi a pregunta que formulou un usuario á RAG a través do Twitter. E a institución contestou con rotundidade: “Palabra certamente popular, pero poderíase chamar pseudogalega“. É dicir, que malia que integra a nosa cultura e identidade, que se emprega con moita frecuencia na fala máis informal, non é tan nosa como cabería esperar. Segundo continúan explicando dende a academia, riquiño fórmase a partir da palabra castelá rico/a. E, segundo a Real Academia Española (RAE), ten o seguinte significado: “Dicho especialmente de un niño: bonito y a la vez gracioso, encantador”. É dicir, encaixa perfectamente co que un galego entendería por riquiño.

Tal e como continúa explicando a RAG, a acepción coloquial de rico aparece recollida no dicionario da RAE. A diferenza é que, na fala galega, engadíuselle o sufixo apreciativo -iño, tan propio do noso idioma. O obxectivo: “Darlle unha fasquía que se achegue á nosa lingua”, din dende a RAG. Porén, a academia confirma que ese adxectivo, polo menos co significado que a meirande parte da xente lle atribúe, correspóndese máis co castelán que co galego. De feito, se un busca rico no dicionario galego descubrirá que fai referencia a algo saboroso, de moito valor ou a alguén que posúe moito diñeiro. Pero que, en ningún caso, definirá o seu encanto, o seu atractivo ou a súa simpatía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.