Venres 29 Marzo 2024

Un investigador da USC obtén efectos similares aos de certas drogas por realidade virtual 

Isness-D, do laboratorio de David Glowacki, logra diluír os límites convencionais do espazo persoal cun potencial uso terapéutico no eido da saúde mental

Un traballo liderado polo investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), David Glowacki, e publicado na revista científica Nature Scientific Reports, acaba de demostrar como as experiencias grupais de realidade virtual poden producir respostas similares ás desencadeadas por certas substancias psicoactivas con potencial uso terapéutico.

Glowacki, fundador e responsable do Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL, polas súas siglas en inglés), leva anos traballando nunha experiencia de realidade virtual multipersoa, á que chamaron ‘Isness‘. Nela, grupos de ata cinco participantes experimentan xuntos o xurdimento, a flutuación e a disipación colectiva dos seus propios corpos. ‘Isness’ crea unha abstracción do corpo humano como esencia enerxética luminosa e difusa, unha representación estética asociada co ‘espírito’ en diversas tradicións de sabedoría e meditación.

Publicidade

Experiencia remota de superposición corpórea

No artigo, o equipo investigador vai un paso máis alá no deseño destes espazos grupais intersubxectivos, permitindo que participantes situados en distintos lugares do mundo cohabiten o mesmo espazo virtual para ter unha experiencia remota de superposición corpórea. “Seguimos mellorando a nosa tecnoloxía para xerar de maneira segura estas experiencias de autotranscendencia dende a realidade virtual e contribuír ao desenvolvemento de alternativas terapéuticas”, afirman dende o grupo.

“Perderse mentres se le un libro, ou durante a redacción dun código informático, son mostras cotiás dunha experiencia autotranscendente relativamente débil”, afirma Glowacki, científico estadounidense que lidera tamén o proxecto ‘NanoVR’, unha iniciativa financiada polo Consello Europeo de Investigación con dous millóns de euros, na que se desenvolverán novas formas de deseño molecular a escala nanométrica mediante realidade virtual.

Liña de investigación aberta

Recentes investigacións publicadas en diversas áreas de estudo como psicoloxía, neurociencia, filosofía, farmacoloxía ou teoloxía, teñen debatido sobre o potencial terapéutico deste tipo de fenomenoloxía experiencial, que podería diminuír a identidade do ego, aumentar o sentido de conexión e xerar beneficio terapéutico duradeiro no tratamento da depresión, a adicción e a ansiedade ao final da vida. O obxectivo é chegar a desentrañar de que xeito poderían chegar a inducirse estas experiencias de autotranscendencia en contextos de laboratorio, para aproveitar os seus potenciais beneficios sobre a saúde mental.

Experiencia de realidade virtual.

Glowacki conta que o uso controlado de certas substancias psicoactivas representa unha aproximación particularmente prometedora. “Un estudo publicado en 2006, por exemplo, mostrou que o 67% dos participantes que tiveron estas experiencias subxectivas mentres tomaban psilocibina como parte dun programa de ‘psicoterapia psicodélica’, consideraban que a experiencia estaba entre as máis significativas das súas vidas”. Con todo, estas terapias enfróntanse a unha serie de tabús e retos prácticos para a súa administración xeneralizada: a súa intensa fenomenoloxía provoca en ocasións medo ou pánico e respostas fisiolóxicas asociadas, cuxo inicio e duración adoitan estar fose do control do terapeuta, o que dificulta que este poida dirixir positivamente a experiencia do paciente. Ademais, seguen existindo aínda moitos interrogantes sobre a mellor maneira de determinar unha dose de diana apropiada, que provoque efectos terapéuticos de forma fiable e minimice os riscos.

“A realidade virtual é unha alternativa ás sustancias psicoactivas, dada a súa capacidade para crear fortes alteracións perceptivas”

DAVID GLOWACK, investigador

Tendo en conta as complicacións asociadas á administración deste tipo de substancias, existen xa investigacións alternativas que exploran tecnoloxías non farmacolóxicas para provocar estes estados de xeito seguro e fiable. “De entre todas elas, a realidade virtual ten xurdido como un candidato particularmente interesante, dada a súa capacidade para crear fortes alteracións na fenomenoloxía perceptiva”, asegura David Glowacki.

En concreto, o laboratorio de Glowacki construíu unha experiencia de realidade virtual multipersoa montada na nube e denominada Isness-D (Isness-distribuída), que dilúe os límites convencionais do espazo persoal que os humanos adoitan gardar entre si. Os participantes de Isness-D accederon a este espazo virtual dende unha rede de nodos repartidos por distintos países do mundo (Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido), e nel aparecen representados unicamente como esencias enerxéticas luminosas, cuxo resplandor se concentra en torno ao corazón.

“A nova tecnoloxía habilita momentos de ‘coalescencia enerxética’, unha nova experiencia intersubxectiva na que os corpos poden fusionarse con fluidez”

DAVID GLOWACK, investigador

“A nova tecnoloxía habilita momentos de ‘coalescencia enerxética’”, explica Glowacki, “unha nova clase de experiencia intersubxectiva na que os corpos poden fusionarse con fluidez, permitindo aos participantes incluír a outros individuos na súa autorrepresentación”. As fronteiras corporais de Isness-D son difusas, borrosas e suaves: esténdense máis alá dos límites do corpo físico, o que fai difícil especificar claramente onde termina un corpo e onde empeza outro.

Enfoque de ciencia cidadá

Para comparar os efectos terapéuticos desta nova tecnoloxía cos tratamentos farmacolóxicos, Glowacki e os seus colegas adoptaron nesta ocasión un enfoque de ciencia cidadá, coordinando unha rede internacional de ‘nodos’ de Isness-D. “Analizamos os resultados utilizando catro escalas de referencia aplicadas en estudos previos con psicodélicos para avaliar a fenomenoloxía subxectiva de Isness-D”. “De feito, e ata onde sabemos, este traballo representa o primeiro intento de analizar unha experiencia de realidade virtual utilizando estas escalas de medición”, contan.

“A pesar das complexidades asociadas a un experimento distribuído como este, as puntuacións de Isness-D nas catro escalas foron estatisticamente indistinguibles das dos estudios con drogas psicodélicas recentemente publicados”, matiza. Os autores destacan que estes resultados “demostran que a realidade virtual distribuída pode utilizarse para deseñar experiencias de autotranscendencia intersubxectivas nas que as persoas disolven o seu sentido do eu na conexión cos demais e, por tanto, pode ofrecer beneficios terapéuticos similares aos que estas técnicas poden ter no tratamento de diversas patoloxías”. Pola súa banda, os participantes manifestaron tamén emocións positivas, así como unha “abafadora sensación de calma e relaxación” ao final da súa experiencia con Isness-D.


Referencia: Group VR experiences can produce ego attenuation and connectedness comparable to psychedelics (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína