Un estudo da USC evidencia a xenética “singular e diferenciada” do can de palleiro respecto doutras razas

A análise do ADN revela unha elevada diversidade, moderada consanguinidade e marcadores que permiten reforzar a súa conservación

A raza can de palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer este martes 10 nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación da raza evidenciou que a diversidade xenética do can de palleiro sitúase no rango superior de entre as razas estudadas.

O can de palleiro, tamén coñecido como pastor galego, é unha raza autóctona de Galicia utilizada tradicionalmente para o pastoreo e a protección das explotacións gandeiras. Durante o século XX sufriu un importante descenso poboacional debido aos cambios no medio rural e á introdución de razas estranxeiras. A finais dos anos noventa iniciouse un programa para recuperar as razas autóctonas galegas. En 2001 establecéronse oficialmente o estándar racial e o libro xenealóxico do can de palleiro. Malia os esforzos realizados, aínda é necesario coñecer mellor a súa situación xenética. As diferenzas xenéticas entre razas permiten desenvolver paneis reducidos de marcadores capaces de identificar individuos segundo a súa raza de orixe. Estes paneis poden reducir os custos das análises xenéticas e facilitar a asignación racial.

Publicidade

Os cans domésticos

Os cans domésticos presentan unha enorme diversidade de características físicas, de comportamento e de funcións. Esta diversidade é consecuencia de dous procesos principais: a domesticación a partir dos lobos e a formación das razas modernas, que tivo lugar principalmente durante os últimos 200 anos; e a selección artificial, o uso dun número reducido de animais fundadores e o illamento reprodutivo das razas provocaron diferenzas xenéticas entre elas. Non obstante, estes procesos tamén reduciron a diversidade xenética dentro de moitas razas, e aumentaron o parentesco e a consanguinidade.

Esta situación é especialmente importante nas razas locais, pouco numerosas ou que pasaron por programas de recuperación, xa que o reducido número de reprodutores pode favorecer a perda de variabilidade xenética e o aumento da consanguinidade. A análise de marcadores xenéticos permite estudar estes aspectos de maneira complementaria á información procedente dos pedigrís. Mediante estes datos pódense avaliar a diversidade xenética, a consanguinidade e os cambios históricos no tamaño efectivo da poboación. Esta información resulta fundamental para deseñar estratexias de conservación e xestión xenética.

Publicidade

Obxectivos

O obxectivo do estudo presentado en Veterinaria foi caracterizar xeneticamente o can de palleiro mediante información xenómica, avaliando a súa diversidade xenética, estrutura poboacional, consanguinidade e tamaño efectivo da poboación. Ademais, comparouse esta raza co pastor alemán, identificado como a súa principal raza de referencia pola súa proximidade xenética, co fin de seleccionar un conxunto reducido de marcadores xenéticos que permita diferenciar ambas as razas.

O estudo constatou que a ausencia de desviacións significativas no equilibrio xenético da raza e a moderada consanguinidade son una garantía para o seu futuro se se realiza unha xestión xenética adecuada. Ademais, todas as análises realizadas indican a diferenciación xenética do can de palleiro con respecto ao pastor alemán e a un grupo mesturado de razas, permitindo identificar un conxunto de marcadores altamente informativos que facilitan o desenvolvemento dunha ferramenta molecular para a asignación fiable de novos exemplares ao libro xenealóxico da raza.

A combinación dun gran número de pequenas variacións presentes no ADN con información detallada sobre as características físicas e de comportamento dos animais permite identificar os factores xenéticos asociados a determinados trazos, como a cor da capa, e aplicar este coñecemento aos programas de cría. Os resultados obtidos contribuirán a mellorar o coñecemento da situación xenética do can de palleiro e a desenvolver ferramentas útiles para a súa identificación e conservación a longo prazo.

Ademais do profesor Paulino Martínez, tamén participaron no acto Daniel Conde, presidente da asociación Can de Palleiro; e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares Bermúdez. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS