As 100 palabras en galego para designar a choiva

Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik‘, para os copos no aire; e ‘aput‘, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afijos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.

O paraugas para a chuvia.
O paraugas para a chuvia.

Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos teñen máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.

Publicidade

Hai xa algúns anos, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago Elvira Fidalgo identificou as palabras para a choiva en Galicia, tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito“, reflectiu no seu estudo Elvira Fidalgo.

Termos gregos como ‘boreas’ ou do latín, como ‘pulvis’, están na orixe destas palabras

Para denominar a choiva de pouca intensidade, o orballo, en Galicia poden utilizarse os termos orballo, orballeira, orballada; chuvisco, chuviscada, chuviña, relacionadas co latín ‘pluvia‘. Pero tamén babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada, barruceira, que estarían relacionadas co termo grego “Boreas“, vento do norte, e que traería a auga; outras como poalla, poalleira, poallada están creadas sobre o latín “pulvis“, que evolucionou en latín vulgar ata dar “po” en galego, e que está na base desas palabras ao comparar a choiva de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.

Publicidade

Para a denominación de choiva forte, ademais dos mencionados, o galego emprega sobre todo os derivados do latín “turbo“, que ndicaba calquera tipo de obxecto impulsado cun movemento circular. E será esta idea a que se asocie á choiva para crear palabras como trebón, torbón, treboada, torboada. Termos como borrascada foron creados sobre o mesmo “boreas“, ao que se lle engadiu un sufixo intensificador.

E en contra do que moitos pensan, unha ‘chuvieira‘ non é unha choiva feble, senón que se aplica cando chove con forza, aínda que por pouco tempo.

Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas con máis un elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón“, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.

Aquí tes 61 palabras para dicir choiva en galego

Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a choiva. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:

Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…

Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…

Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…

Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…

Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…

E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…

61 COMENTÁRIOS

  1. Humm…nunca lle sentín ós mais vellos a palabra “choiva” ou ” chuvia” e non son o único. Algunhas acepcións que describen a “choiva”, sí

  2. Noraboa por este traballo de investigación que pon en valor a gran diversidade do vocabulario na nosa lingua. Espero que sigades elaborando traballos de semellante interese.

  3. A colación do estudo que reflexa os 100 nomes da chuvia pareceme importante que eu aporte unha máis que escoito na miña zona, Caldas de Reis.
    Esta é ” chirimiri ” para designar esa chuvia que non molla! Esa chuva perenne que rega a nosa terra.
    Gracias e espero que a recollades e que entre todos fagamos que non se perdan.
    Adoro GC.
    Gran labor a vosa.

  4. MORRALLA (orballo moi fino, do neboeiro), SIEIRO (vento frío), GUILSA (vento frío), TRONADA, TOA, TOADA (Tormenta), TROMBA (chuvia forte), ABOCAÑAR, BOCAÑO (parar de chover, tempo curto no que para de chover: “esperar a que abocañe”, “veu un bocaño”), GOLPE, GOLPE DE AUGA (chuvia forte en pouco tempo), AGARIMAR, AGARIMARSE (poñerse a salvo do frío ou do vento), ACOLLERSE (poñerse a salvo da chuvia), ORBALLEIRA (orballo lixeiro), SERAO (intemperie, friaxe e humidade da noite: “durmir ao serao”), XEADA…

  5. Cierto, no Morrazo os chubascos chamámoslle cairos, tamen decimos a alguen que esta mollado ” parece o pito do cairo”

  6. Estou de acordo con David, no Morrazo tamén se di que “chove a cairos” cando se dan chuvascos intermitentes.

  7. Na sona de Castiñeiras en Riveira cando hai una vortina de chuvia fina previa ao orballo dise “milura” cando aumenta a mais intensidade “froalla”

  8. Boto en falta, agora que me dou conta, de que falta o nome que onde eu son lle dan á saraiba e a sarabiada… xeixos e xeixada…

  9. Moi boas

    Na zona de Riveira-Castiñeiras,igual que no Porto do Son unha chuvia fina dise “Milura”, e cando ten un pouco máis de intensidad “froalla”, e oitra expresión, esta da zona de San Pedro de Muro no Porto do Son, cando chove moito dise que “mallan as aghuas”

  10. Na zona de Trabada e a Pontenova cando neva decimos que caen falopos ou trapos…que está falopando/trapeando

  11. Tamén pola zona do Salnés dicimos “está meruxando” cando chove miudiño pois deriva de “mera” (brétema)

  12. Na zona do val da louriña ( Mos) a chuvia fina que molla e unha poalla ou molla parvos. Cando chove forte e ven con vento dicimos que cimbrea e cando cae moi forte chaparrada.

  13. En noalla (salnés) cando vén un golpiño de auga máis forte que a poalleira pero tamén miúdo dícese bornazeira e cando chove moito “caeu un peso de aghua”

  14. A miña avoa, aquí en Cangas do Morrazo, cando poallaba fino dicía que ” mocallaba” ou ” caía mocalla”.

  15. Cando chove miudo en Fontecarmoa ( Vilagarcía) dicimos que morriña.E se é unha chuvia feble pero grosa é molla ou empapa bobos.

  16. En Ribera cando a chuvia e miúda pero xa molla o bastante dicimos “non está chover pero merdea” ou “está a merdear”

  17. En Ribera cando a chuvia e miúda pero xa molla o bastante dicimos “non está chover pero merdea” ou “está a merdear”

    Ribeira

  18. Polo Xurés dicimos “cinaghre” a chuvia con forte vento, experiencia metereolóxica que ninguén debería perderse, pero pra iso hai que visitarnos nun bo inverno !
    Un saúdo

  19. Por Moaña do Morrazo, chuva forte e súpeta dise “cairo”, equivalente a chubasco pero con vento ou moito vento.
    En xeral nunca dicimos choiva, senón chuva por influencia do portugués creo.
    Tamen esta a expresión “chove a barrer”, cando chove moito.

  20. Barrufo, barrufada, barrufallada, è auga fina, máis ca o orballo. E tamėn dicimos que corren os “idoiros”. Costa da Morte.

  21. Cando chove moi forte miña nai di: “Ven o idoiro”… Seica súa aboa xa o dicía así, pero tamén direi que na de miña nai son (somos) tendentes a inventar palabras.

  22. Na Baixa Limia , na zona de Pereira dicemos ” abocañar” cando para de chover ou que veu un ” bocaño” e cando para de nevar ou chover ” escrevar”. Daí déixovos un refrán acho que axeitado pra este xaneiro. ” Quando neva logo escreva mais logp volve a ela”

  23. Moi interesante artigo, mais faltouvos a expresión que temos na Illa de Arousa pra a choiva moi forte: “chover a esmadrasar” , por certo recollida no diccionario Estraviz. Saúdiños e grazas por partillar esta riqueza con todos nós

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ As consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Unha borrasca derruba as temperaturas en Galicia: ata 10 graos menos en só 24 horas

Unha borrasca fría procedente do suroeste peninsular traerá chuvias, vento e forte inestabilidade no mar durante martes e mércores

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século

A precipitación media alcanzou 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro, cun incremento do 81% respecto á media climática