Un río atmosférico cargado de humidade regará Galicia na segunda metade da semana

Unha borrasca situada en Irlanda deixará acumulados de ata 100 l/m2 no sur da provincia da Coruña e en Pontevedra

Galicia viviu unha primavera anticipada en pleno xaneiro, con temperaturas que superaron amplamente os 20 graos. Con todo, o cambio de tempo está á volta da esquina e na segunda metade da semana volverán as chuvias abundantes, con acumulados de ata 100 l/m2 no sur da Coruña e en Pontevedra. Aínda que o luns e o martes serán días estables, Galicia quedará baixo a influencia das baixas presións a partir do mércores. O cambio de tempo será efectivo o xoves, cando unha borrasca situada en Irlanda regue todo o territorio. As frontes que cheguen a Galicia e se estendan pola península ibérica veranse reforzadas por un río atmosférico que chegará dende o Caribe descargando a súa humidade sobre o Atlántico. A previsión de cara á fin de semana do Entroido non experimenta cambios e espéranse probabilidades de precipitación que acadan o 90%.

Este paso da primavera ao inverno débese á retirada da dorsal anticiclónica que levaba dúas semanas situada sobre a península. Ao dirixirse cara ao Mediterráneo, e ao perder frozar o anticiclón de superficie, a porta do Atlántico queda aberta de par en par para a chegada de borrascas e das súas frontes asociadas. Así o explica o meteorólogo Duncan Wingen nun artigo publicado no portal Meteored, onde enfatiza que as precipitacións serán “moi cuantiosas” a partir do xoves, sobre todo en Galicia. Isto débese á influencia dun río atmosférico que despraza a humidade do Caribe cara ás augas atlánticas. “As chuvias poderían ser moi abundantes, con acumulados de máis de 100 l/m2, especialmente en Pontevedra e no sur da Coruña”, di Wingen.

Publicidade

A curto prazo, o escenario protagonizado polas precipitacións non experimentará cambios. De feito, o venres agárdase a chegada doutra fronte que entraría por Galicia e se estendría a toda a península. Malia a incerteza do prognóstico de cara á fin de semana, dende Meteogalicia confirman que as chuvias serán as protagonistas cando menos, ata o vindeiro luns 12 de febreiro. Na súa previsión a medio prazo as probabilidades de precipitación serán moi elevadas, acadando o 90% o xoves, o venres e o sábado. Esta porcentaxe baixaría lixeiramente o domingo, quedando no 85% e seguiría diminuíndo o luns, que rexistraría o 70%. De confirmarse este prognóstico, Galicia viviría un Entroido pasado por auga.

No que respecta ás temperaturas, estas tamén experimentarán un lixeiro descenso. A fin de semana espérase unha entrada de aire máis frío que producirá unha baixada dos termómetros. Aínda que os valores serán máis axustados para esta época do ano, as máximas estarán entre os 16 e os 18 graos nas cidades galegas. A diferenza térmica será pouca, dado que as mínimas quedarán entre os 12 e os 13 graos. Segundo Meteogalicia, esta nova situación atmosférica propicia un aumento considerable das temperaturas mínimas, equilibrándoas coas máximas. Así é que febreiro comeza con precipitacións, baixada dos valores e un tempo máis invernal que primaveral; o que lle corresponde a estes primeiros meses do ano.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana