Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores

Abril, augas mil. Iso di o saber popular, que quedará ratificado ao longo desta semana. Un tren de borrascas atlánticas continuará regando Galicia nos próximos días, aínda que a partir do mércores se vai producir un notable aumento das temperaturas. Da caída dos termómetros durante a Semana Santa tan só quedará o recordo e abril traerá valores próximos aos 20 graos na meirande parte de cidades galegas. Con todo, as chuvias serán unha constante e tan só haberá unha breve pausa durante o mércores e o xoves, con ceos marcados pola nubosidade e chuvias intermitentes e débiles. Con todo, durante a fin de semana agárdase a chegada cunha nova e potente borrasca atlántica. Debido a esta situación, espérase que os acumulados de precipitacións no oeste de Galicia volvan superar os 100 l/m2 ao longo dos próximos días.

Segundo explica o meteorólogo Mario Picazo nun artigo publicado en eltiempo.es, as borrascas atlánticas situadas sobre as illas británicas serán as responsables de enviar frontes periódicas a Galicia. De igual maneira que aconteceu con Nelson durante a Semana Santa, grandes sistemas de baixas presións causarán tempo inestable e abundantes precipitacións na primeira semana de abril. Máis alá do patrón de chuvias, no que coinciden todos os servizos de meteoroloxía é na subida dos termómetros. “Unha borrasca situadas no Atlántico impulsará unha masa de aire cálida cara á península e Baleares”, prognostica o meteorólogo Samuel Biener nunha peza publicada no portal Meteored. De feito, está previsto que en Ourense se acaden os 22 graos de máxima o xoves.

Publicidade

Dende Meteogalicia coinciden coa predición achegada por outros servizos de meteoroloxía. “As borrascas iranse afastando pero non o suficiente para deixar de afectar a Galicia. Só agardamos unha breve pausa a mediados de semana”, informan dende a súa canle de X (antes Twitter). Así é que entre luns e martes dominará a inestabilidade pola influencia das baixas presións sobre o Atlántico. As chuvias serán intermitentes e localmente fortes en toda Galicia e os ceos estarán moi nubrados. Máis en detalle, o martes chegará unha fronte fría dende o Atlántico que irá collendo intensidade durante a mañá e descargará con forza nas horas centrais do día.

Durante o mércores e o xoves as precipitacións serán máis escasas e o tren de borrascas dará unha breve tregua a Galicia. Máis en concreto, o mércores haberá ceos moi anubrados e as chuvias, que non serán moi intensas, tan só afectarán a puntos da provincia de Pontevedra e do sur da Coruña. O día tamén será relativamente estable durante o xoves, pero agárdase a chegada dunha nova fronte cara á noite. Entrará polo oeste e descargará especialmente ao oeste da provincia da Coruña. Espéranse temperaturas agradables, que superen os 20 graos, e chuvias febles a primeira hora do día. Un preludio do que se agarda cando entre a noite.

Publicidade

Previsión para a fin de semana

A primeira fin de semana de abril non trae estabilidade, senón todo o contrario. “Unha fronte chegará o sábado á costa de Galicia e outro farao xa o domingo pola tarde”, di Mario Picazo. De feito, a primeira tratarase dunha “borrasca bastante compacta” que xerará fortes e ventos e oleaxe, especialmente no litoral galego, pero que tamén poderá afectar a outras zonas da costa do noroeste peninsular. Dende Meteored concordan con este prognóstico, advertindo que aínda hai moita incerteza pero que os modelos contemplan un cambio importante dende o Atlántico a partir da fin de semana. Dende Meteogalicia reforzan este prognóstico e agardan que continúen as precipitacións durante a fin de semana, sendo máis persistentes na metade oeste. Ademais, a probabilidade de chuvia entre venres e domingo sitúase no 90%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana