‘Bolboretario’, ‘audioloxía’, ‘galeguística’… Os novos termos científicos (e non tanto) do Dicionario da RAG

A revisión periódica do Seminario de Lexicografía permite incorporar un cento de novas voces á obra normativa galega, como neoloxismos e expresións tradicionais

A última actualización do Dicionario da Real Academia Galega suma un cento de novas voces. O Seminario de Lexicografía da institución traballa permanentemente na revisión e actualización do dicionario en liña. Alén de incorporar palabras que designan distintas realidades, incluídos os neoloxismos, o equipo coordinado polo académico Manuel González atende tamén ao labor de completar familias de palabras, como as incluídas nesta última actualización. 

Así, figuran vocábulos que permiten avanzar neste obxectivo: antiincendios, bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación, posvenda, ludoteca, enoteca e viñoteca. Incorpóranse igualmente voces tradicionais como bochinche, eis, naipelo, pataqueiro, -a, poma ou rianxo. Tamén se engaden expresión como a descomán (sinónima de a desmán) e a sabendas de, xunto con outras voces de creación ou popularización máis recente, como autofoto, conurbación, dina, feísmo, surfear e o xentilicio gazano, -a.

Publicidade

Os termos do ámbito da ciencia e da investigación teñen presenza nesta actualización, na que se incorporan voces como audioloxía, bolboretario/xardín de bolboretas, grampositivo, -a e gramnegativo, -a, ademais de galeguística.

Con máis de 58.000 entradas, os membros do Seminario de Lexicografía seguen a engadir palabras segundo as demandas que os usuarios e usuarias fan chegar decote a través da lapela “Axúdanos a mellorar”. Froito deste proceso son algunhas das actualizacións máis recentes, como bolboretario e gazano, -a.

Publicidade

Cal é o seu significado?

Nas voces referidas á ciencia aparecen audioloxía, definida como a ciencia que estuda o oído e os trastornos auditivos, e galeguística, entendida como o estudo científico da lingua, literatura e cultura galegas. Ademais, engádese tamén o termo bolboretario, que designa un espazo onde se crían, estudan ou exhiben bolboretas vivas, xunto co seu sinónimo correspondente, xardín de bolboretas.

Entre as novas incorporacións tamén figuran dous adxectivos relacionados pola práctica: por unha banda, grampositivo, -a, referido a aquelas bacterias ou microorganismos que reteñen a tinguidura de Gram; e, pola outra, gramnegativo, -a, aplicado ás que non reteñen a cor nesta proba de laboratorio que emprega colorantes para diferenciar e clasificar bacterias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A RAG lanza un dicionario castelán-galego en liña con máis de 26.000 entradas

O repertorio dixital pode consultarse dende a web da Academia e consta de máis de 55.200 aceptacións e máis de 87.000 sinónimos de tradución

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio optan a Palabra do Ano 2025

A iniciativa impulsada pola RAG e a Fundación Barrié inicia o seu período de votacións, que pechará o 21 de decembro ás 23:59 horas

O manuscrito no que Castelao descoñece a súa elección como membro da RAG

A institución publica en formato dixital documentos vinculados ao ingreso do escritor galego o 25 de xullo de 1934