Grupo de investigación que dirixe o científico Rubén Nogueiras (terceiro pola dereita). Foto: CiMUS.
Grupo de investigación que dirixe o científico Rubén Nogueiras (terceiro pola dereita). Foto: CiMUS.

Científicos galegos atopan unha diana para combater a doenza do fígado graxo

Un estudo impulsado no CiMUS atopan que a inhibición dun receptor no órgano contribúe a que fabrique menos graxa e reduza a fibrose e a inflamación

O grupo de Metabolismo Molecular que dirixe desde Santiago de Compostela Rubén Nogueiras, profesor da USC e investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), atopou un novo camiño para tratar a enfermidade do fígado graxo, que afecta a unha cada de catro persoas no mundo e para a que aínda non existe ningún fármaco aprobado para o seu tratamento.

O achado do equipo galego reside en que bloquear o receptor GPR55 permite alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que fabrique menos e, por tanto, que o dano sexa menor. Este avance abre novas vías terapéuticas contra esta enfermidade.

Un depósito letal de graxa no fígado

A enfermidade do fígado graxo non alcohólico ou NAFLD (das súas siglas en inglés) comeza como unha simple acumulación de graxa pero, se non se vixía, co tempo pode progresar a esteatohepatite non alcohólica (NASH), caracterizada por inflamación e fibrose. A  esteatohepatite non alcohólica é perigosa xa que os pacientes corren o risco de desenvolver cirrose, cancro, e maior taxa de mortalidade asociada a fallo hepático.

A doenza pode evolucionar cara esteatohepatite, cirrose e cancro, así como xerar fallos hepáticos

Esta investigación liderada dende a USC demostra que os pacientes que padecen do fígado graxo e esteatohepatite teñen niveis elevados en sangue dunha molécula coñecida como lisofosfatidilinositol (LPI), que se une a un receptor chamado GPR55. A expresión deste receptor tamén está aumentada no fígado dos afectados por ditas doenzas. Resultados similares obtivéronse en modelos animais aos que se induciu as enfermidades, e nos que se observou que a inhibición do receptor GPR55 protexía contra as dúas enfermidades.

“Atopamos que ao inhibir este receptor no fígado, podemos alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que o órgano fabrique menos graxas, e por tanto, o dano sexa menor” indica Marcos Fernández Fondevila, autor principal do estudo. Engade ademais que “é destacable o feito de que, para inhibir a fabricación de graxas, o GPR55 bloquea un encima chamado acetil CoA carboxilasa (ACC), e actualmente existen estudos en fase clínica con estes  inhibidores para o tratamento da enfermidade”.

“Conseguiuse non só reducir a acumulación de graxa, senón tamén a inflamación e a fibrose no fígado cando inactivamos GPR55, usando unha gran variedade de modelos  preclínicos”, sostén Marcos Fernández. Isto ocorre porque a inactivación do GPR55 por unha banda pode actuar sobre os  hepatocitos, células maioritarias do fígado, para que acumulen menos graxa, e así exista unha menor inflamación e morte celular. E por outro, o GPR55 tamén  inhibe mecanismos noutras células localizadas no fígado chamadas células estelares, que son as responsables de producir fibroses.

O traballo é froito dunha colaboración dirixida por Rubén Nogueiras Pozo, coordinador do grupo de Metabolismo Molecular da USC no CiMUS e investigador do programa ‘Oportunius‘ da Xunta; e na que participaron outros equipos de investigación da USC (Carlos Diéguez e Miguel López), así como grupos da Universidade do País Vasco, CIC bioGUNE de Bilbao, a empresa de biotecnoloxía OWL Metabolomics, Universidade Pontificia Católica de Chile, o Hospital Universitario Santa Cristina en Madrid e o Hospital Universitario de Salamanca.


Referencia: The L‐α‐lysophosphatidylinositol/GPR55 system induces the development of non‐alcoholic steatosis and steatohepatitis (Publicado en Hepatology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.