A ‘curación’ de 3.552 persoas nun día reduce á metade os casos activos en Galicia

A decisión da Xunta de Galicia de informar por primeira vez das "altas domiciliarias" distorsiona as cifras de evolución da doenza

O Ministerio de Sanidad informou este mércores du novo máximo de persoas curadas pola Covid-19 en España (6.399) debido en gran parte á notificación de 3.552 altas domiciliarias en Galicia, o que provoca unha distorsión tanto na cifra do conxunto de España como na evolución da situación galega da que vén informando nas últimas semanas o Servizo Galego de Saúde. “É difícil poder identificar a que periodo corresponde este exceso”, que “probablemente se correspondan con curacións que tiveron lugar en datas anteriores”, expuxo Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), na súa comparecencia diaria, ao explicar esta alteración na serie.

Na actualización diaria que difunde o Goberno español, aclárase que Galicia “consolidou datos de altas domiciliarias, o que explica o gran incremento dos curados”. Esta cifra corresponde, por tanto, ás persoas que estaban sendo atendidas no domicilio e que seguían figurando como casos activos de Covid-19. Deste xeito, tal e como confirmou a Consellería de Sanidade pouco despois da comparecencia de Simón, Galicia pasou de ter 6.947 casos activos este martes a 3.526 o mércores. 

A correción nestas cifras provoca, deste xeito, que baixe a porcentaxe de persoas atendidas no domicilio (agora é do 84,26%, pasando de 6.379 a 2.971). A suma das persoas atendidas nas UCI e unidades de hospitalización, independente desta actualización, volve baixar lixeiramente. Así, 73 pacientes están nas UCIs galegas e 482 ingresadas noutras unidades.

Outra das novidades achegadas polo Ministerio é a do total de persoas que pasaron pola UCI por Covid-19 desde o comezo da crise, e da que ata hoxe tampouco constaba no caso de Galicia. Este mércores informouse tamén dunha revisión das persoas que requiriron ingreso en hospitais, o que reduce o número do que se informou en días pasados. Así, ata o momento requiriron ingreso hospitalario en Galicia pola Covid-19 2.736 persoas (aínda que este mércores só hai ingresadas 482), e 308 chegaron a estar na UCI (hoxe hai 73).

Así quedan os casos por áreas sanitarias despois da concesión das altas domiciliarias:

Os novos datos provocan, por tanto, unha alteración nos casos activos en todas as zonas. Actualmente estase seguindo a 880 persoas na área da Coruña-Cee, 244 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 715 na de Ourense-Verín-O Barco, 215 na de Pontevedra-Salnés, 808 na área de Vigo, 505 na de Santiago-Barbanza, e 159 na de Ferrol. Con todo, a área que abrangue o noroeste da provincia coruñesa segue representando o maior incremento de casos na última semana, mentres que a situación estabilízase no resto. Porén, a maior incidencia segue estando na provincia de Ourense.

Aclaración do Sergas

Nun audio difundido aos medios de comunicación, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, explicou os cambios que tiveron lugar este mércores. “Desde o Sergas levamos a cabo distintos cambios para adaptarnos ás modificacións que se expuxeran por parte do Ministerio de Sanidad á hora de facilitar os datos e a actualización dos mesmos cada día”. Uns cambios aos que a Xunta de Galicia foi a única que se sumou nos últimos días no respectivo ás altas, pero que anteriormente tamén xerou distorsións nas series do Goberno debido ás cifras de Madrid ou Cataluña.

“O Ministerio estableceu unha serie de criterios para saber cando é o momento no que o paciente ten unha alta epidemiolóxica, é dicir, cando se considera un paciente curado”. Ata o momento, explica Fernández-Campa, “nós viñamos facilitando exclusivamente os datos de altas hospitalarias, pero non daqueles pacientes que podían ter unha PCR negativa, e por tanto a partir dese momento consideralo como un paciente que finalizara o proceso da Covid-19, ou ben dun paciente que, transcorrido un tempo sen sintomatoloxía, puidera considerarse tamén como clínicamente curado“.

Conclúe Fernández-Campa que as cifras teñen “unha base sólida no que está recollendo o Sergas nos seus sistemas de información” e por tanto estanse facilitando agora ao Ministerio de Sanidad.

138 novos casos

Respecto aos novos positivos, Galicia rexistrou entre a noite do luns e o martes 138 novos casos (un incremento de 1,5%). O Goberno español aclara tamén neste punto que os positivos notificados pola Xunta amosan “o total de casos (por proba PCR e de anticorpos) ao non ser posible calcular o incremento exclusivamente de casos confirmados por PCR”. E avanza que “a partir de mañá se mostrarán os datos diferenciados”. Este mércores, o Sergas apuntou que ata o momento fixo 93.118 PCR, pero segue sen facilitar de forma agregada a cifra de tests de anticorpos que require o Goberno. Si o fixo, de novo verbalmente, o presidente da Xunta na súa posterior comparecencia. Feijoo especificou que se fixeron 9.700 tests de anticorpos de dobre banda e 21.000 de anticorpos totais (nos que se enmarcan os do estudo epidemiolóxico impulsado polo Sergas).

Residencias de maiores

A táboa de Sanidad tamén aclara que desde este martes inclúe nas súas contas 128 defuncións en “centros sociosanitarios” de Galicia, que coinciden coas 128 mortes que ata o momento tiveron lugar en residencias de maiores segundo as cifras achegadas pola Xunta. Aínda que a Consellería de Sanidade xa inclúe estes datos na súa actualización diaria desde o 8 de abril, non foi ata hoxe cando o Goberno español a incluíu no seu documento. Aclara Sanidad que este número “non se corresponde coas defuncións actuais e por tanto non se reflicten na cifra ‘Novos falecidos’ pero inclúense no total”. Algo que non fixo o Goberno coas altas domiciliarias notificadas por Galicia, que si incluíu como “novas”.

Respecto ás cifras anteriores, houbo 7 óbitos máis en Galicia, o que eleva o número total a 547. Dúas destas persoas foron usuarias de residencias de maiores que morreron en hospitais ou ‘residencias integradas’.

No tocante ás residencias de maiores e discapacidade, a cifra de casos activos baixa debido á curación de usuarios e traballadores dos centros, pero en moita menor medida cá provocada pola notificación das altas domiciliarias. Son 814 usuarios (716 deles en residencias de maiores e 98 nas de persoas con discapacidade) e 325 profesionais (281 e 44, respectivamente). Así, os casos vinculados a estas residencias representan agora o 32,3% dos activos en Galicia.

Esta é a situación en España:

Soben as mortes diarias por coronavirus, con 325 en 24 horas

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.