“A situación da anguía é dramática e como nos despistemos, perderémola para sempre”. Con esta contundencia avalía as circunstancias actuais da Anguilla anguilla o biólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) Serafín González. A Comisión Europea vén de anunciar a súa intención de incluír esta especie na categoría de “perigo de extinción” da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas da Fauna e Flora Silvestres (Cites). En resposta, o Goberno galego oponse a esta proposta asegurando que “non hai base científica para implantar esta medida” e que se detectou “un incremento da densidade” da súa poboación nos afluentes.
A Cites é un acordo entre gobernos que vela por que a comercialización internacional de animais e plantas silvestres non supoña unha ameaza para a supervivencia das especies. Con tres categorías distintas na súa lista de valoración, que implican diferentes restricións segundo o apartado, a Anguilla anguilla atópase actualmente no apéndice II. De pasar ao I —feito que se analizará en novembro— quedaría prohibida toda actividade comercial a excepción de fins científicos.
En contraposición ás declaracións do Goberno galego, o profesor de Zooloxía da USC e membro do Consello Internacional para a Exploración do Mar Fernando Cobo considera que “si que hai datos científicos suficientes para discutir seriamente sobre a situación da anguía e as accións que se deben levar a cabo para a súa conservación”.
A un chanzo da extinción na natureza
A un chanzo de estar considerada como especie extinguida na natureza, segundo a ‘Red list‘ da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a anguía atópase na actualidade en “perigo crítico” acorde a esta lista vermella. Tanto Cobo como González aseguran que existen numerosos datos que revelan que a poboación desta especie en Galicia leva anos diminuíndo. “Dende a década dos oitenta ata o de agora reduciuse máis dun 85%“, asegura o profesor da USC.
Segundo os expertos, existen diferentes factores que levaron a esta situación. Ademais da contaminación das augas, os encoros —que lles impide remontar os ríos—, o tráfico internacional e a captura ilegal, son algúns dos motivos polos que a anguía escasea cada vez máis tanto en Galicia como no resto de Europa. “Débese ter en conta que esta especie procede integramente do mesmo curso reprodutivo que ten lugar no mar dos Argazos, por iso é a Unión Europea a responsable da súa lexislación, xa que non é algo que atinxa só á nosa comunidade”, explica Cobo.
“Pezqueñines no”
Acorde aos datos do profesor da USC, todas as fragmentacións dos ríos cos encoros fan que a relación de sexos da anguía estea moi desprazada cara aos machos. “Nos nosos ríos apenas temos femias de gran tamaño, que sexan dun quilo de peso ou dun metro de lonxitude e dunha idade entre os 12 ou 14 anos, que son os exemplares que teñen que baixar ao mar dos Argazos, onde se produce a desova“, asegura.
Pola súa banda, González considera que é “unha aberración absoluta que se capturen as angulas“, sentenza. “Décadas despois daquelas campañas de ‘pezqueñines no, gracias’, non ten sentido que se sigan pescando. Se existen familias que dependan economicamente destes exemplares, deberíase buscar unha forma de apoialas, pero non podemos arriscarnos a perder a especie”, indica.
Ademais destes aspectos, ambos expertos sinalan a problemática da pesca e tráfico ilegal dos pequenos exemplares. Estes “son trasladados en maletas cheas a Asia para alí engordalos e vendelos cun maior rendemento“, xa que se trata dun produto moi demandado na gastronomía xaponesa.
Igual que coa pita do monte
Así, a “dramática situación” da poboación da anguía en Galicia leva aos académicos a advertir sobre o perigo de que “se poida chegar a un punto sen retorno“. “Aínda que haxa exemplares, estes pode que non sexan suficientes para manterse e, se non se fai nada, a especie podería desaparecer nuns anos“, asegura Cobo.
Pola súa banda, González teme que poida acontecer coa anguía o mesmo que coa pita do monte (Tetrao urogallus). “Nos anos 70 a SGHN pediu reiteradamente a protección desta especie nos Ancares, pero a resposta naquel momento era que existía poboación suficiente incluso que podían vir doutros países a calaza. Agora, laiámonos de que está extinguida en Galicia. A argumentación absurda daquel momento é a que está a facer agora a Xunta coa anguía, non se entende e é absolutamente indefendible a súa posición”, conclúe o biólogo.














