En 1766, o célebre Carl von Linné describiu por primeira vez a especie Electrophorus electricus, que hoxe se coñece comunmente como anguía eléctrica (aínda que non pertence á familia das anguías, senón á dos Gymnotidae. Críase, ata agora, que existía unha soa especie capaz de producir este tipo de descargas, pero un equipo de investigadores acaba de atopar, despois dun estudo realizado na bacía do Amazonas, que son realmente tres especies (E. electricus, E. voltai e E. varii) as anguías capaces de producir unha descarga eléctrica, e que unha delas (E. varii) xera 860 voltios, moi por riba dos 650 voltios citados anteriormente.
O equipo dirixido por David de Santana, científico do Museo Nacional de Historia Natural do Smithsonian de Washington, decidiu analizar máis de 100 exemplares de anguía eléctrica a través do ADN mitocondrial e nuclear, ademais de diversos trazos morfolóxicos e de distribución xeográfica e ecolóxica. E os resultados, publicados esta semana en Nature Communications, expoñen que a suposta única especie de anguía eléctrica son tres diferentes.
Cada unha delas ocupa diferentes rexións: E. electricus é máis habitual no nordeste da bacía, preto da Güiana; E. voltai, no macizo brasileiro; e E. varii, nas terras baixas da Amazonia. “A identificación destas dúas novas especies de anguía eléctrica resalta canto queda por descubrir dentro da selva amazónica, un dos puntos críticos de biodiversidade da Terra, así como a importancia de protexer e preservar esta contorna ameazada”, di Santana, segundo recolleu a Axencia Sinc.
Is there only one electric eel species?
Tomorrow we will publish first of a series of papers unlocking diversity, evolutionary and natural history of this fascinating #fish⚡️@smithsonian @NMNH @AgenciaFAPESP
Stay tuned⚡️ #biodiversity #ichthyology #SmithsonianGGI #rainforest pic.twitter.com/RHpYwg1c3m
— C David de Santana (@Davidefishes) September 9, 2019
Ademais da importancia de describir as novas especies, o estudo tamén proporciona novas vías de investigación sobre a orixe e a produción de descargas eléctricas fortes noutras especies de peces. “Utilizamos a voltaxe como criterio diferenciación. Isto nunca se fixo antes para identificar unha nova especie”, apunta Naércio Menezes, autor principal do traballo e investigador do Museo de Zooloxía da Universidade de São Paulo en Brasil.
A especie que ostenta agora o récord de voltaxe foi bautizada co nome do físico italiano Alessandro Volta, que inventou a batería eléctrica en 1799, baseando o seu deseño na anguía eléctrica. E. varii leva o do zoólogo Richard P. Vari, investigador do Smithsonian que morreu en 2016. “Foi o investigador estranxeiro que máis influíu e axudou aos estudantes e investigadores brasileiros co estudo dos peixes en América do Sur”, sinala Santana.
Os Gymnotidae
Os peixes Gymnotidae, aos que pertencen estas anguías, son nativos de México e Sudamérica, e atópanse case exclusivamente en hábitats de auga doce e son principalmente nocturnos. Na actualidade, existen aproximadamente 250 especies entre os 34 xéneros e cinco familias coñecidas. Todos son capaces de producir un campo eléctrico débil para a comunicación e a navegación.
No caso das anguías eléctricas, poden chegar a medir máis de dous metros de longo. “Son realmente rechamantes. Se podes descubrir un novo peixe desta lonxitude tras 250 anos de exploración científica, imaxinas o que queda por descubrir nesa rexión?”, engade Santana.
Estes animais utilizan tres órganos eléctricos que usan para a defensa e a depredación. As súas descargas son de alta voltaxe, pero de baixa amperaxe (aproximadamente 1 amperio), polo que non sería necesariamente perigoso para os humanos.
“A modo de comparación, unha descarga eléctrica dunha toma de corrente pode ser de 10 ou 20 amperios. Se tes a mala sorte de recibir un que non poida sacar o dedo pode ser letal”, afirman os investigadores.
Con todo, a anguía eléctrica non emite unha corrente continua, senón unha corrente alterna (en pulsos), e a súa carga esgótase tras unha forte descarga. Ademais, o seu órgano eléctrico tarda un tempo en recargarse.
Aínda así, un encontro cun grupo destes animais na auga pode ser bastante perigoso. A descarga non ten a suficiente forza como para matar a unha persoa sa, pero pode ser daniña se ten un corazón débil. Tamén pode contribuír a unha caída ou a un afogamento.
A investigación demostrou que as anguías eléctricas se comunican en grupos para electrocutar a unha ameaza potencial. Ao contrario do que se afirmou previamente na literatura científica, estes animais non son solitarios e con frecuencia asócianse en conxuntos de ata dez individuos durante a idade adulta.
Por último, o traballo subliña que a especie diverxeu dúas veces. A primeira vez foi no Mioceno, fai uns 7,1 millóns de anos, cando se separaron do seu devanceiro común. Non foi ata o Plioceno, hai aproximadamente 3,6 millóns de anos, que E. voltai e E. electricus alcanzaron o seu estado actual.
Os científicos planean realizar máis estudos xenéticos para verificar a hipótese de que a separación ecolóxica foi un dos factores que levou a E. varii, E. electricus e E. voltai a diverxer do seu antepasado común. Ademais, continúan capturando especímenes para medir descargas e confirmar o rexistro de 860 voltios.
Referencia: Unexpected species diversity in electric eels with a description of the strongest living bioelectricity generator (Publicado en Nature Communications, 10 de setembro de 2019).