Unha galega constata diferenzas xenéticas a pequena escala nun caracol mariño

Iria Fernández Silva, da UVigo, asina un traballo sobre unha especie asociada a arrecifes de coral no arquipélago de Palau, no Pacífico

A investigadora Iria Fernández, da UVigo.
A investigadora Iria Fernández, da UVigo.

A revista Coral Reefs, especializada no medio mariño, acaba de facerse eco dun traballo do que é coautora Iria Fernández Silva, investigadora do grupo de Xenómica e Biomedicina da Universidade de Vigo. O estudo analiza poboacións do caracol mariño Ceraesignum maximum, asociado a arrecifes de coral na illa de Palau, no Pacífico Occidental, e conclúe que diversos “factores xeográficos e ambientais e, posiblemente, ecolóxicos”, condicionan a pequena escala a estrutura xenética das poboacións desta especie.

Os datos recollidos, segundo Fernández Silva, amosan “unha clara diferenciación xenética entre os individuos procedentes de arrecifes exteriores e interiores”. Unhas variacións que son comparables ás que se adoitan atopar en Galicia entre os hábitats do interior da ría e as praias de mar aberto, polo que, desde o seu punto de vista, “sería interesante”, trasladar un estudo semellante aos ecosistemas do litoral galego.

Imaxe do caracol "Ceraesignum maximum". Fonte: gastropods.org.
Imaxe do caracol “Ceraesignum maximum”. Fonte: gastropods.org.

Neste sentido, a científica lembra que estudos previos realizados en especies con presenza en Galicia, como o mexillón (Mytillus galloprovincialis) xa evidenciaron resultados similares: “Percibíronse diferenzas xenéticas entre mexillóns que viven máis expostos ao Sol e outros en zonas de sombra”, destaca Iria Fernández.

No caso do traballo desenvolvido no arquipélago de Palau, trátase dun estudo “novidoso“, segundo a científica da UVigo, “porque se perciben diferenzas xenéticas, a pequena escala, entre poboacións mariñas que están próximas”, debido a que a calidade da auga ou a integridade dos ecosistemas contribúen a perfilar estas diferenzas”.

A análise destas variacións xenéticas é unha liña de traballo cun importante pulo nos últimos anos, xa que “ata hai pouco só se podían dilucidar as grandes entre poboacións, pero hoxe os estudos permiten achar pequenas diferenzas entre poboacións mariñas situadas dentro do mesmo microhábitat”.

Con estes datos, subliña a investigadora, a comunidade científica e as administracións poderán ter mellor información para preservar e a manexar de forma máis axeitada a biodiversidade mariña de determinadas especies.

Referencia: Population differentiation across small distances in a coral reef-associated vermetid (Ceraesignum maximum) in Palau (Publicado en Coral Reefs).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.