Químicos galegos crean un sensor inspirado nun ‘piano’ molecular

Os investigadores Félix Freire e Emilio Quiñoá, do CiQUS, desenvolveron un material intelixente que ofrece respostas distintas en función dos estímulos

O chamado “conflito quiral” é un efecto apenas descrito anteriormente na química de polímeros, sobre o que levan traballando bastante tempo no CiQUS de Santiago de Compostela, dentro do grupo NanoBioMol que lideran os científicos Félix Freire e Emilio Quiñoá. Este equipo ten como principal liña de investigación o estudo dos polímeros helicoidais (moléculas de gran tamaño formadas por cadeas doutras moléculas máis pequenas, os monómeros, que se agrupan formando unha estrutura en forma de hélice). E acaba de publicar un relevante traballo na revista Angewandte Chemie, no que describen un novo sensor intelixente baseado no conflito quiral, que atopa neste artigo a súa primeira aplicación práctica.

Tal e como explican desde o CiQUS, os investigadores recorren a unha metáfora musical para explicar o funcionamento do novo sensor: “Pensemos neste polímero como un teclado musical molecular“, ao xeito dun piano, expón Félix Freire. “Os monómeros que o forman serían o equivalente aos dous tipos de teclas dispoñibles no piano, pero segundo quen as toque, e de que xeito, a riqueza harmónica será distinta”.

Publicidade

Isto permite, por exemplo, que estes materiais intelixentes sexan capaces de reaccionar de forma distinta en diversas contornas, mesmo un medio biolóxico, en función de diferentes estímulos externos, como a luz ou a calor. Segundo Emilio Quiñoá, a clave está precisamente nos estímulos: “Un piano ofrece unha resposta tras cada acción concreta do intérprete, pero en función do son resultante é posible identificar as mans que o tocan. Algo semellante ocorre co noso sensor, que obtén respostas quiro-ópticas diferentes e individualizadas ao identificar os estímulos externos”.

En concreto, este novo material baséase nuns copolímeros (molécula formada por dous tipos diferentes de monómeros) helicoidais, que é capaz de detectar e identificar con éxito catións metálicos en disolución (é dicir, átomos con carga positiva), así como con diversas valencias (diferente número de electróns).

Publicidade

Segundo avanzan os propios autores no traballo, agárdase que no futuro poidan xurdir “novos materiais multisensores baseados e inspirados neste efecto, elixindo monómeros e estímulos axeitados”.

O artigo dos científicos galegos, que tamén asinan Mohammad Alzubi, Sandra Arias, Rafael Rodríguez e Ricardo Riguera, foi destacado na revista especializada ‘Chemistry Views’.

Referencia: Chiral Conflict as a Method to Create Stimuli‐Responsive Materials Based on Dynamic Helical Polymers (Publicado en Angewandte Chemie).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia