A selva amazónica, cada vez máis lonxe de recuperarse

Un estudo liderado por investigadores europeos demostra que a rexión está a perder a súa capacidade de resiliencia dende principios dos 2000

A selva amazónica non só está lonxe de recuperarse, senón que os cambios están máis preto de ser irreversibles. Así o confirma un estudo liderado por centros de investigación europeos. Segundo os datos analizados, tomados por satélite, a capacidade da vexetación amazónica para recuperarse de sucesos adversos como secas e incendios diminuíu sistematicamente dende principios do 2000. Máis en concreto, reduciuse en máis de tres cuartas partes do ecosistema.

Os resultados acaban de ser publicados na revista Nature Climate Change polos investigadores Chris Boulton e Tim Lenton, da Universidade de Exeter, en Reino Unido, e por Niklas Boers, da Universidade Técnica de Múnich e do Instituto de Investigación do Impacto Climático en Potsdam, en Alemaña. O seu estudo, do que se fai eco a Agencia SINC, fai fincapé na necesidade de minimizar o uso da terra por parte dos humanos na rexión amazónica, así como limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Publicidade

Os investigadores piden minimizar o uso da terra da rexión amazónica por parte dos humanos

Máis alá disto, os autores advirten: a Amazonia está máis cerca de chegar a un punto de inflexión. Ou o que é o mesmo, un non retorno. Isto significaría que se produciría unha morte regresiva da vexetación e a meirande parte da selva converteríase en sabana. As repercusións mundiais deste fenómeno serían incuantificables. Habería, entre moitas outras consecuencias, unha gran perda da biodiversidade e impactaría moi negativamente sobre o cambio climático.

“Moitos investigadores teorizaron sobre a posibilidade de que se acadase un punto de inflexión, pero o noso estudo achega probas empíricas vitais de que nos estamos achegando a ese umbral”, explica Boers. “Se o cruzamos, as consecuencias serían devastadoras a moitos niveis. O mundo, Sudamérica e Brasil perderían un importante ecosistema que proporciona moitos dos seus servizos, como a regulación do clima e da auga, a biodiversidade, o contexto cultural e o subministro de alimentos, por nomear algúns”, engade Alex Koberle, outro investigador, en declaracións a Science Media Center.

Publicidade

Perda pronunciada

Os científicos asinantes do estudo analizaron 30 anos de datos obtidos vía satélite. Así demostraron as perdas, máis pronunciadas nas zonas máis secas, así como en rexións situadas a menos de 200 kilómetros de grandes explotacións e asentamentos. “Isto é alarmante, xa que os modelos do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) proxectan unha seca xeral na rexión amazónica en resposta ao quecemento global antropocénico”, recorda Boers en declaracións recollidas pola Agencia SINC.

O IPCC proxecta unha seca xeral na rexión amazónica

Malia o cambio climático, as precipitacións medias na Amazonia non cambiaron drasticamente nas últimas décadas. Con todo, as estacións secas alongáronse e as secas volvéronse máis frecuentes e graves. “A selva pode ter máis ou menos o mesmo aspecto, pero pode estar a perder resiliencia, o que fai que se recupere máis lentamente dun acontecemento importante como unha seca”, explica Lenton, director do Instituto de Sistemas Globais de Exeter (Reino Unido).

“Estudos anteriores baseados en simulacións por computador indicaban que grandes partes da Amazonia poden estar abocadas á morte regresiva antes de mostrar un forte cambio no estado medio. A nosa análise observacional mostra agora que en moitas zonas a desestabilización parece estar xa en marcha”, advirte Boulton.

O momento de actuar

“A nosa nova análise de datos empíricos achega probas adicionais á preocupación pola capacidade de recuperación dos bosques, especialmente nun futuro próximo”, afirma Lenton. “Confirma que é necesario limitar fortemente a talla, pero tamén limitar as emisións globais de gases de efecto invernadoiro, para salvagardar a Amazonia”.

É preciso limitar fortemente a talla, así como limitar as emisións globais

“O paso dun punto de inflexión deste tipo dificultaría aínda máis a consecución do noso obxectivo de emisións netas en todo o mundo, debido á perda do ‘servizo gratuíto’ proporcionado polo sumidoiro de carbono da Amazonia, que actualmente elimina parte das nosas emisións”, indica Chantelle Burton, científica do Centro Hadley da Oficina Meteorolóxica (Reino Unido) en declaracións ao Science Media Center.

Con todo, parece que aínda hai tempo para actuar: “O noso estudo mostra que o Amazonas está a achegarse a un punto de inflexión, pero tamén que é probable que aínda non o cruzara”, conclúe Boers.


Referencia: Pronounced loss of Amazon rainforest resilience since the early 2000s (Publicado en Nature Climate Change)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Un estudo pioneiro desvela como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

A intensidade das lapas reduciu a diversidade, mentres que a presenza de áreas con distinto nivel de afectación favoreceu a recuperación ecolóxica