Envellecer deriva, tarde ou cedo, en certos efectos secundarios non desexados, desde ósos fráxiles e músculos máis débiles ata un maior risco de enfermidades cardiovasculares e cancro. Por iso, a ciencia leva anos tratando de loitar contra as consecuencias da idade.
Xa en 2016, un equipo internacional liderado polo investigador español Juan Carlos Izpisúa Belmonte, profesor do Laboratorio de Expresión Génica do Instituto Salk de Estudos Biolóxicos (Estados Unidos), logrou reverter o envellecemento en ratos con proxeria, unha enfermidade que provoca envellecemento prematuro. Ademais, coa mesma técnica reduciron os efectos da idade nos órganos de roedores sans.
Lograron reverter o envellecemento en ratos con proxeria, unha enfermidade que provoca envellecemento prematuro
Agora, o mesmo grupo de científicos, en colaboración coa empresa de biotecnoloxía Genentech, afirma que se pode restituír “de forma segura e eficaz” o proceso de envellecemento en ratos de mediana e avanzada idade, ao restablecer parcialmente as súas células a estados máis xuvenís.
“Ademais de abordar as repercusións relacionadas co envellecemento, este enfoque proporciona unha nova ferramenta para restaurar a saúde dos tecidos e do organismo, mellorando a función e a capacidade de recuperación das células en diferentes situacións de enfermidade, como as patoloxías neurodexenerativas“, indica Izpisúa, coautor do estudo publicado en Nature Aging, quen se mostra encantando de poder utilizar este método ao longo da vida dos animais.
O longo camiño contra o envellecemento
A medida que os organismos envellecen, non só cambian o seu aspecto exterior e a súa saúde: cada célula do seu corpo leva un reloxo molecular que rexistra o paso do tempo. As células illadas de persoas ou animais de idade avanzada presentan patróns diferentes de substancias químicas ao longo do seu ADN –chamadas marcadores epixenéticos– en comparación coas de persoas ou animais máis novos.
A adición ás células dunha mestura de catro moléculas de reprogramación –Oct4, Sox2, Klf4 e cMyc, tamén coñecidas como factores Yamanaka– pode restablecer estas marcas epixenéticas aos seus patróns orixinais. Desta forma, os especialistas poden converter células adultas, desde o punto de vista do desenvolvemento, en células nai.
Cada célula do corpo leva un reloxo molecular que rexistra o paso do tempo
Isto foi o que fixo o grupo de Izpisúa en 2016, cando por primeira vez revelou que podían utilizar os factores Yamanaka para contrarrestar os signos do envellecemento e aumentar a vida en ratos con proxeria. Máis recentemente, o equipo descubriu que, mesmo en ratos novos, estes factores poden acelerar a rexeneración muscular.
Tras estas observacións iniciais, outros científicos utilizaron o mesmo enfoque para mellorar a función doutros tecidos como o corazón, o cerebro e o nervio óptico, que intervén na visión.
Sen secuelas para a saúde dos roedores
No novo estudo, o equipo probou variacións da terapia de rexuvenecemento celular en animais sans a medida que envellecían. Un grupo de ratos recibiu doses regulares dos factores Yamanaka desde os 15 ata os 22 meses, aproximadamente o equivalente á idade de 50 a 70 anos nos humanos.
Outro grupo foi tratado desde os 12 ata os 22 meses, é dicir, de 35 a 70 anos nos humanos. E un terceiro grupo foi tratado só durante un mes aos 25 meses, similar aos 80 anos en humanos.
“O noso obxectivo foi establecer que o uso destas técnicas durante un período de tempo máis longo é seguro”, subliña Pradeep Reddy, científico do Salk e coprimeiro autor do novo traballo, “e de feito, non observamos ningún efecto negativo na saúde, o comportamento ou o peso corporal destes animais”.
Os investigadores non observaron ningún efecto negativo na saúde, o comportamento ou o peso corporal destes roedores
En comparación cos animais de control, non houbo alteracións das células sanguíneas nin cambios neurolóxicos nos ratos que recibiran estes factores. Ademais, os investigadores non atoparon cancros en ningún dos grupos de roedores.
É máis, ao observar os signos normais de envellecemento nos animais que se someteron ao tratamento, descubriron que os ratos se parecían aos máis novos. “Tanto nos riles como na pel, a epixenética dos animais tratados asemellábase máis aos patróns observados nos exemplares máis novos”, sinalan.
Necesarias máis investigacións
Da mesma maneira, as células da pel dos animais tratados tiñan unha maior capacidade de proliferación e eran menos propensas a formar cicatrices permanentes cando se lesionaban, en contra do que sucede nos máis vellos. Ademais, as moléculas metabólicas do sangue dos roedores sometidos ao tratamento non mostraron os cambios normais relacionados coa idade.
Iso si, esta ‘mocidade’ observouse nos animais tratados durante sete ou dez meses, non nos que só levaban un mes. É máis, cando se analizaron a metade do tratamento, os efectos aínda non eran tan evidentes. Segundo os autores, “isto suxire que o tratamento non se limita a deter o envellecemento, senón que o fai retroceder activamente, aínda que se necesitan máis estudos para diferenciar ambas as cousas”.
O equipo planea futuras investigacións para analizar como cambian as moléculas e os xenes específicos co tratamento a longo prazo dos factores Yamanaka
Por iso, o equipo está a planear futuras investigacións para analizar como cambian as moléculas e os xenes específicos co tratamento a longo prazo dos factores Yamanaka. Tamén están a desenvolver novas formas de administrar os factores.
“Queremos devolver a capacidade de recuperación e a función ás células envellecidas para que sexan máis resistentes ao estrés, as lesións e as enfermidades. E este estudo demostra que, polo menos en ratos, existe un camiño para conseguilo”, conclúe Reddy.
Referencia: In vivo partial reprogramming alters age-associated molecular changes during physiological aging in mice (Publicado en Nature Aging)














