Venres 19 Abril 2024

Kíiv e non Kiev: a Academia fixa os nomes oficiais para Ucraína

O Seminario de Onomástica vén de aprobar as adaptacións de varios topónimos ucraínos á lingua galega, entre eles, a capital do país, Lviv e Khárkiv

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) aprobou na súa última xuntanza as adaptacións ao galego de varios topónimos ucraínos. Tendo en conta as recomendacións internacionais e a necesaria transliteración dende o alfabeto cirílico da lingua ucraína, sancionouse Kíiv para o caso da capital do país, xa que é a forma máis adaptada ao sistema vocálico galego que vai acorde coa propia denominación oficial.

Como criterio xeral, o seminario da RAG segue as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), baseadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal.

Publicidade

As propostas deben estar en harmonía coas linguas internacionais e manter a lexibilidade para a comunidade galega

Non obstante, isto non sempre é posíbel debido á existencia de formas históricas na tradición de cada lingua ou a problemas de transliteración cando os nomes proceden, como sucede no caso de Ucraína, dunha lingua que se escribe con caracteres diferentes. Cando isto ocorre, procúrase manter a coherencia das solucións propostas e ter en conta a harmonía coas linguas veciñas e internacionais, así como a lexibilidade para a comunidade galega.

Kíiv e outros topónimos

O nome da capital de Ucraína difundírase internacionalmente a través da adaptación rusa, Kiev, mais despois da independencia desta antiga república soviética, o goberno ucraíno promove para os usos internacionais Kyiv, un exónimo baseado nun sistema de transliteración que parte da pronuncia autóctona do nome.

Esta solución foi recoñecida polo grupo de expertos en nomes xeográficos da ONU e é na que se basea Kíiv, a adaptación da RAG para o sistema ortográfico galego, posibilitando así unha lectura sen dificultades.

O Seminario de Onomástica recomenda seguir a grafía internacional e o sistema de acentuación galego

Outros topónimos ucraínos translitéranse ao uso internacional co dígrafo <kh> para representar o son fricativo velas xordo, /x/, ausente do sistema consonántico galego. Nestes casos, proponse seguir a grafía internacional, mais empregando o sistema de acentuación da lingua galega para facilitar a lectura. Este é o caso de topónimos como Khersón e Khárkiv.

O Seminario de Onomástica abordou tamén a denominación doutras localidades ucraínas como Lviv. Este é o nome oficial dunha cidade que foi coñecida historicamente en varios países europeos coa súa tradución ao grego, Leópolis. Este termo foi utilizado en diversas linguas como a italiana, a portuguesa ou a castelá. Pola súa banda, a RAG considera correctas ambas formas: a oficial e a versión latinizada.

Outros topónimos que foron tratados nesta sesión, algúns dos cales xa constan no dicionario da RAG son Belarús, Mariupol, Luhansk, Donbás, río Dniéper, río Donets, Donetsk, Sebastopol, Odesa e República Moldova.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Atopados os vestixios máis antigos da presenza humana en Europa nunha zona de Ucraína

As ferramentas paleolíticas achadas no xacemento de Korolevo quedaron enterradas hai 1,42 millóns de anos

Os homes len en galego 27 palabras máis por minuto que as mulleres

A filóloga Carme Hermida cre que elas son menos veloces porque practican unha lectura máis atenta ca eles

De onde vén o nome da Coruña? A nova proposta que descarta todas as anteriores

O académico Gonzalo Navaza resume a súa teoría nun dos capítulos da serie da Real Academia Galega 'O Seminario de Onomástica responde'