“Diante d’iste nome, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza, e coidan qu’a proposta de tan ilustre galego ha ser acollida por todol-os Señores Académicos con unánime ledicia”, expuñan os tres asinantes na carta asinada o 12 de febreiro de 1930 en Ourense. A misiva é un manuscrito do puño e letra de Risco, quen entrara coma Otero Pedrayo na RAG meses antes, en 1929, nun momento en que a institución comezaba a abrirse para incorporar os representantes dos novos tempos do galeguismo. Nela, propoñían a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como membro de número da Real Academia Galega (RAG).
Para que chegara ese día tiveron que pasar anos. O 25 de xullo de 1934, o escritor convertíase en membro de número da RAG. Nas vésperas do Día de Galicia e cadrando coa celebración do Ano Castelao, a institución difunde por primeira vez os documentos relacionados co seu ingreso. Entre os materiais que se poden consultar no sitio web que lle dedica ao rianxeiro nunha nova “peza destacada” que presenta o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, figuran o mecanoscrito do discurso que pronunciou aquel día.
Amósase tamén a correspondencia na que Castelao expresa o seu desexo de que sexa Antón Vilar Ponte quen lle dea resposta á súa alocución ou o escrito no que Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Marcelo Macías lle propuxeron á corporación que o “insine artista e escritor” ocupase unha das cadeiras vacantes.
Descoñecemento do seu nomeamento
A elección de Castelao como académico non se produciría ata o 3 de maio de 1933, sen que se coñezan as causas desta delonga. Porén, semella que non tivo noticia do nomeamento ata case un ano despois, cando en abril de 1934 recibiu unha carta da Academia solicitándolle que enviase o seu discurso de ingreso, requisito indispensable. Na carta datada o 27 de abril de 1934 que se pode consultar tamén no sitio web de Castelao, o rianxeiro di descoñecer que fose nomeado académico. Móstrase en calquera caso honrado pola designación, agradécelle á RAG que o acepte como membro e comprométese a compoñer un discurso “tan axiña como me sexa posible”.
Noutra das cartas dixitalizadas, escrita o 10 de xullo de 1934, anúncialle así ao presidente Manuel Lugrís Freire o envío do texto da súa disertación, titulada As cruces de pedra na Galiza. O ensaio de Castelao que chega á Academia para a ocasión é unha versión mecanografada pola súa dona, Virxinia Pereira, como el mesmo explica noutra carta.
A correspondencia de Castelao daquel momento dá conta ademais do seu desexo de que sexa Antón Vilar Ponte quen lle dea resposta á súa alocución. E o de Viveiro así o fixo, co ensaio O sentimento liberal na Galiza.
A cerimonia de ingreso na RAG de Castelao celebrouse o 25 de xullo no mesmo escenario, o pazo municipal do Concello da Coruña, que naquela altura cedía parte dos seus espazos á institución. Castelao comezou lembrando a figura do seu predecesor na cadeira académica, Jaime Ozores de Prado, e logo proseguiu co tema da súa disertación.
As cruces de pedra na Galiza

O discurso de ingreso na Academia de Castelao foi un resumo das súas investigacións sobre as cruces de pedra e os cruceiros. Ao longo da disertación debullou diferentes aspectos deses monumentos: orixe, cronoloxía, iconografía e tipoloxía. A pesar de que no decurso dos seus estudos el fora debuxando cruces e cruceiros, o texto destinado a ser lido na cerimonia non contiña ningunha ilustración.
Houbo que agardar tres décadas para que se levase ao prelo, cando a RAG o publicou para conmemorar o Día das Letras Galegas de 1964, o segundo da historia tras o protagonizado por Rosalía de Castro. Esta edición dispoñible na web da Academia, a diferenza do texto orixinal, apareceu ilustrada con varios debuxos que procedían do libro sobre as cruces de pedra publicado en Buenos Aires en 1950 co mesmo título do discurso.
A gabanza do irmán Vilar Ponte
A continuación tivo lugar a resposta de Vilar Ponte, quen gabou a figura do compañeiro. Alén de lembrar as súas creacións artísticas e literarias, e sen esquecer o labor político como deputado nas Cortes da República, o impulsor das Irmandades da Fala salientou un aspecto del que xa tiña comentado noutras ocasións: a galeguidade e a íntima identificación co país.
“Decir Castelao é decir Galiza, ou viceversa”, comezaba. “Toda a arte xenialísima de Castelao ten a gracia natural das cantigas populares e inmorredoiras. Ven da mesma canteira e da mesma fontenla”, lese no manuscrito que se incorpora ao sitio web dedicado a Castelao da RAG por cortesía da Fundación Penzol, custodia destoutro documento. A parte final da intervención dedicouna Vilar Ponte a destacar a contribución do novo académico a “erguer e universalizar” o idioma galego e rematou anunciando, de maneira profética, que o nome e a obra de Castelao perdurarían no tempo a través das xeracións.
Á procura dunha revitalización truncada polos golpistas
A cerimonia concluíu coa entrega da medalla da Academia a Castelao a mans do Manuel Lugrís Freire. Ese mesmo día, o xornal vigués El Pueblo Gallego publicaba unha entrevista con este galeguista veterano, que ingresara na Academia no momento da súa fundación e se convertera no seu presidente tan só unhas semanas antes. Os seus primeiros actos públicos como tal foron precisamente as cerimonias de ingreso de Vilar Ponte e de Castelao.

Lugrís Freire confesaba naquela entrevista que entre os seus obxectivos á fronte da RAG figuraba a súa revitalización cubrindo as cadeiras vacantes cos representantes máis sobranceiros da intelectualidade galega, artistas, escritores, filólogos ou historiadores. Lugrís anunciaba que a institución entraba nun período renovador e aseguraba que ese novo espírito se manifestaba no ingreso dos dous novos membros.
As esperanzas de Lugrís non se cumpriron, pois a guerra civil e a ditadura franquista imposibilitaron a renovación da Academia. Incluso antes do desastre provocado polo golpe de Estado do 18 xullo de 1936, Castelao non participou na vida institucional debido ás súas moitas ocupacións. O desterro a Badaxoz, a elección por segunda vez como deputado galeguista e unha intensa participación na campaña a prol do Estatuto de Autonomía impediron que interviñese no devir académico. Por último, o exilio afastouno definitivamente dunha Academia que debeu adaptarse á ditadura imposta polos vencedores.















