O mosquito tigre consolídase nas Rías Baixas: 29 casos no Morrazo e 10 en Vigo dende xuño

A especie 'Aedes albopictus', capaz de transmitir enfermidades víricas, atópase en Galicia a causa das condicións urbanas e climáticas favorables do territorio galego

As temperaturas suaves do verán no norte peninsular non só atraen persoas que buscan refuxiarse da calor, senón tamén diversas de especies animais que atopan un novo fogar nestes climas. É o caso do mosquito tigre (Aedes albopictus), que xa ronda as zonas do Morrazo e Vigo. Do 1 de xuño ao 24 de xullo, detectáronse 29 exemplares invasores entre Cangas e Moaña, e outros 10 na área metropolitana de Vigo, as dúas zonas de Galicia nas que se rexistraron máis aparicións, segundo os datos da aplicación Mosquito Alert.

O primeiro caso do 2025 foi detectado a finais de abril na localidade pontevedresa de Moaña, o mesmo lugar no que xa se identificara esta especie por primeira vez en Galicia durante o verán de 2023, na parroquia de Tirán. Ao longo do que vai de ano, este territorio das Rías Baixas xa rexistrou 44 exemplares.

Publicidade

En total, nos dous últimos anos contabilizáronse máis de 700 exemplares de mosquito tigre en Galicia, segundo recolle o sistema Mosquito Alert. A cifra aumentou en máis de 100 exemplares anuais entre 2023 e 2024: de 325 a 441, respectivamente.

Entre as posibles vías de chegada desta especie invasora a Galicia, apúntase á actividade portuaria de Vigo como un dos factores principais. Con todo, moitas das persoas usuarias de Mosquito Alert teñen dificultades para identificar correctamente esta especie, xa que é necesario observar con claridade o seu tórax, distinguible por unha liña branca.

Publicidade

As cifras do verán

A zona do Morrazo continúa a ser a máis afectada pola presenza do Aedes albopictus no que vai de verán. Con 29 exemplares detectados nesta banda da ría, a maior concentración localízase na zona de O Rosal (Moaña), onde se identificaron cinco casos próximos. En Vigo, a incidencia espállase por distintas zonas da cidade, como Bouzas, Samil, o barrio de Teis ou Fonte Escura, na parroquia de Candeán. Ademais, dentro da área metropolitana, rexistrouse un caso en Redondela.

Se comparamos estes datos co mesmo período do ano pasado, cando se contabilizaron 34 exemplares na mesma zona, os 39 actuais reflicten cifras semellantes. Mentres, no ano 2023, cando se rexistraron os primeiros casos, só se rexistrou un exemplar localizado en Meira (Moaña) para estas datas.

Dende a implantación do sistema Mosquito Alert hai dous anos ata o día de hoxe, xa se rexistraron máis de 800 na contorna da ría de Vigo. Con todo, estas cifras dependen en gran medida da participación cidadá, xa que o servizo baséase nas imaxes que envían os usuarios para advertir da presenza do mosquito tigre. Esta colaboración resulta clave para que as adminisracións públicas poidan facer un seguimento e control máis eficaz da expansión deste insecto.

Unha especie invasora

Coñecido como mosquito tigre, o Aedes albopictus é unha especie invasora que se adapta especialmente ben ás condicións climáticas de Galicia, onde a choiva e a humidade favorecen o seu crecemento e reprodución. Ademais, ten predilección por contornos urbanos e cría en pequenos depósitos presentes en espazos domésticos.

Unha das principais características desta especie, que a diferenzan do resto, é que non se reproduce en grandes masas de auga corrente, senón que prefire zonas con augas estancadas, como charcos ou recipientes pequenos. Algúns exemplos comúns son os bebedoiros de mascotas, macetas, pratos de plantas ou mesmo floreiros. Precisamente por iso, non é capaz de desenvolverse en ríos nin fontes.

Orixinario do sueste asiático, chegou ao levante peninsular hai dúas décadas. Recibe o alcume de “mosquito tigre” polas liñas brancas que cruzan o seu corpo, especialmente unha que percorre dende a cabeza ata o tórax, e manchas brancas nas patas e no abdome. Esta morfoloxía resulta importante para a súa identificación e para distinguir esta especie doutras variedades de mosquitos.

Protección, prevención e control

O motivo de alarma pola presenza de mosquitos tigre en Galicia é que esta especie pode actuar como transmisora de enfermidades víricas como o zika, o dengue ou o chikungunya. Aínda que o risco de contaxio continúa a ser baixo, as autoridades sanitarias manteñen os casos baixo vixilancia activa, tal e como advertía no mes de xuño Inés Mato, subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde.

Para evitar a súa picada, recoméndase o uso de insecticidas e repelentes autorizados, así como instalar mosquiteiras nas xanelas e en zonas de almacenamento de auga para impedir o acceso do insecto e a posta de ovos.

Unha das medidas máis efectivas é eliminar calquera foco de cría. Isto inclúe baleirar cada 3 ou 4 días os obxectos que poidan acumular auga. Tamén se recomenda evitar a acumulación en charcos e ocos nas árbores, especialmente en contornas urbanas.

Outro factor que pode axudar a reducir a súa presenza é manter unha boa hixiene corporal, xa que o suor e os olores fortes actúan como atractores para os mosquitos.

En caso de picada, recoméndase lavar ben a zona afectada e non rascala. É habitual que se volva máis visible e dolorosa co tempo e pode causar reaccións alérxicas. Mais, en situacións con complicacións, pódese precisar atención médica.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Oito actuacións para mellorar a xestión do risco de incendio e protexer a poboación

O acontecido en Los Gallardos demostra que se precisa un cambio profundo na forma en que se entende e se xestiona o risco de lume

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións